Saltar ao contido

Até sempre




Hai exactamente un ano comezabamos a nosa andaina co inicio da escavación arqueolóxica do Campo d’A Lanzada. Coa angueira de chegar a todos vós en tempo real e sen intermediarios verquemos na Rede este humilde blog, deseñado por Manuel Gago. Neste ano recibimos un total de 60.000 visitas. Hoxe remata oficialmente o noso vencello co proxecto Pousadas dirixido pola Deputación de Pontevedra. A partir de agora mesmo, esta bitácora do Laboratorio de Patrimonio do CSIC servirá para divulgar os resultados científicos das investigacións desenvoltas no Campo da Lanzada e nesta primeira fase de escavacións no castro de Besomaño.
Tanto Martina González Veiga coma Xurxo M. Ayán Vila ímonos co bo sabor de traballar no que cremos, de abrir a todos un proxecto científico que semellaba convencional e que se convertiu nun campo aberto á creación comunitaria do coñecemento arqueolóxico e á participación cidadá. Tamén aprendimos moito sobre a realidade política deste país, sobre as dificultades reais dunha Arqueoloxía en comunidade e sobre os dilemas morais e éticos que conleva un traballo reivindicativo coma este dentro dun sistema que non procura cidadáns críticos senón electores pasivos.
Grazas a todos vós e a todo o equipo lanzadeiro que fixo posible este proxecto ilusionante. E agora, como dicían os vellos, haberá que mollar a palabra. Saúde e República.

Xurxo M. Ayán Vila.

O castro de Besomaño na Televisión de Galicia


Aquí tedes o vídeo da reportaxe realizada pola Televisón de Galicia sobre as escavacións arqueolóxicas no castro de Besomaño.

Foxas comúns ou non tan comúns





O primeiro nivel de ocupación do castro de Besomaño deixounos coma únicos restos unha serie de estructuras escavadas no sustrato rochoso esparexidas por toda a área intervida. Foxas e buratos de poste remiten a un uso temperá do asentamento con anterioridade á petrificación e monumentalización da arquitectura doméstica, proceso que datamos polo momento no século II a.n.e. A este respecto, o monte do Castro exemplifica novamente unha dinámica xa constatada noutras intervencións en sitios cercanos como A Lanzada, Castrolandín ou o castro de Barro. Este tipo de foxas documéntanse en recintos fortificados (castros e outros) entre os séculos IV-II a.n.e., en sitios que moitas veces gozan dun estatuto simbólico e ritual importante, como o Castro Grande de Neixón ou o Castroeiro en Portugal, espazos importantes para a comunidade nos que, segundo os casos, se mistura o papel de santuario ou espazo social con foxas de almacenamento do excedente agrario, con depósitos especiais ou depósitos estruturados. Noutros casos, como no veciño xacemento de Santo Tomé de Nogueira (Meis) as foxas forman parte do escenario cotiá do espazo doméstico, seguindo unha tradición que se retrotrae á Prehistoria Recente.

Visitas a Besomaño


As visitas á escavación de Monte do Castro, organizadas polo CSIC e maila Deputación de Pontevedra, están sendo un éxito, grazas ao traballo das nosas compañeiras Martina González Veiga (LAPA, CSIC) e Beatriz Gómez Arribas (LAPA, CSIC) e do arqueófilo membro da Brigada nº 6 Andrés de Barrantes.
Visitas guiadas a Besomaño
Visitas guiadas Besomaño 2

Que pena de pena!


Como acontece en moitos castros de Galicia, o xacemento de Monte do Castro foi empregado como pedreira polos canteiros tradicionais. Aquí e acolá aínda se poden ver as grilleiras, as ringleiras de buratos onde se premían os grillos para estralar o granito. Este proceso de apropiación do espazo foi un dos fenónemos cuasantes da destrución de moitos gravados rupestres, dos petroglifos que, como ben estudou o noso compañeiro lanzadeiro Buenaventura Aparicio Casado, apenas dicían nada á xente galega, de aí que apenas se conserven referencias folklóricas aos labirintos, cervos e demais. Outra cousa foron determinado montes e penas da paisaxe nas que estaba prohibido por tradición fincar o ferro. Nun traballo que fixemos sobre a cantería en Cuntis ben puidemos comprobar este sentimento telúrico, este culto ás pedras, no caso da Pedra da Aguia no Monte Xesteiras. Cando uns fulanos lles deu por afuracar a parede da pedra para facer escalada, os vellos da contorna botábanse a Deus por ese gratuíto sacrilexio. O Monte do Castro de Besomaño tamén tivo unha destas penas especiais, a Pena da Moura… pero non tivo tanta sorte. A dinamita acabou con ela, pero aínda así tardou en caír, do vella que era. Na fotografía mal que ben podedes ver o que queda da Pena da Moura, apenas o basamento. O interesante é comprobar como se atopa no punto máis alto do asentamento, cunha excelente visibilidade cara ao mar, podendo ollar perfectamente a illa de Sálvora. Tamén se enxerga a Pena Lobeira e a Curota do Barbanza. Este xogo de visibilidades quizabes sexa fortuíto… ou non. Pero aínda hai máis. Unha vella do lugar recordaba como antes da desfeita existían unhas escadas feitas na pedra, quizabes como as escadas características dos santuarios rupestres da Idade do Ferro nalgunhas zonas da Península Ibérica. Até aquí podemos ler, coma no Un, dos, tres.

Un castro, un tesouro




En Galicia hai miles de castros. Mesmo hai xente que non entende por que hai que seguir escavando poboados fortificados se son todos iguais. É certo que cada parroquia ten o seu castro e cada alcalde quere poñer en valor un castro no seu concello, pero non todos son iguais, os alcaldes, os castros e os concellos. Dicía Álvaro Cunqueiro que cada castro ten a súa lenda e o seu tesouro; o pai do realismo máxico galaico ten toda a razón do mundo. Ninguén daba un peso polo Monte do Castro de Besomaño, parcialmente destruído por canteiras dende hai moitos anos, semellaba ser un castro anónimo máis dentro da área das Rías Baixas. Pero non. Cada castro ten a súa microhistoria. Ollade para estas fotografías tiradas cun globo polo noso equipo de traballo. Esas edificacións soterradas dos mouros agochan toda unha historia, e imos tentar redescubrila para vós de aquí a fins deste mes, cando remata o convenio firmado no seu día pola Excma. Deputación de Pontevedra e mailo Laboratorio de Patrimonio do CSIC.

Retallos de vida


Xosé Gago retoma a Décima Onda co gallo das escavacións en Besomaño:
Polo traballo que facemos ultimamente, un traballo nos lúgubres arquivos municipais, ás veces sentímonos un pouco como osos en letargo. Ou máis ben como aquela toupa da fábula cantada de Javier Krahe, que un día se decidiu a subir á superficie,tendo que baixar ao momento cegado pola luz do cuarto menguante.A situación é lóxica, despois dos luminosos días na escavación da Lanzada do verán pasado, é moito contraste pasar a ser un habitante das necesarias cavernas do papel.
Pero o outro día, ao saír dun escuro arquivo, démonos de conta de que a primavera chegara, de que os campos xa se vestían do amarelo das chorimas e das xestas e os coches da clásica capa de po do pole dos piñeiros. En vez de volver á terra como o topo de Krahe decidímonos a rememorar os días lanzadeiros achegándonos ate Ribadumia, onde se está a levar a cabo a segunda parte das escavacións vinculadas ao Proxecto Pousadas do Salnés da Deputación de Pontevedra en colaboración co LaPa.
Dende hai aproximadamente dous meses, están a realizarse escavacións no Monte do Castro na parroquia de Besomaño deste concello salnesián. O formato é o mesmo que na Lanzada. Paixón, arqueoloxía e divulgación. Un proxecto de arqueoloxía social da Décima Onda guiado outra volta por Rafa, Roberto, Cristina e Vicky, a Moura das Tesouras e unha Brigada nº 6 que xa non é aquela amálgama de xente que chegou para formarse en arqueoloxía senón escavadores formados, autónomos que saben moi ben o que fan e por que o fan. Neste sentido, hai que considerar o obxectivo formador do Proxecto Pousadas coma un éxito.
Como diciamos, dous meses de escavación xa foron consumidos, polo que xa podemos ir tirando algunha conclusión do que foron atopando os compañeiros.
A priori, o castro de Besomaño está moi alterado por traballos de cantería de principios do século XX , o que causou un notable impacto no xacemento.Buscouse a zona menos afectada e formuláronse tres sondaxes. Pouco a pouco fóronse ampliando en función das necesidades e a día de hoxe, cada unha delas é unha xanela que se abre a tres ámbitos diversos da vida castrexa.
Coma nun filme de linguaxe contemporánea, o visitante a Besomaño contempla a vida, neste caso da cultura castrexa, a través de tres retallos que se complementan. Por suposto, as elipses argumentais aínda son moitas, pero polo menos imos tendo certezas de como era a vida no Monte do Castro.
No primeiro lenzo deste tríptico vemos o xa case canónico recinto doméstico castrexo, artellado en torno a unha cabana circular coa súa lareira e furado de poste con calzos. Ao redor desta cabana, outra serie de estruturas anexas, de planta máis ben oblonga, seguramente cortes ou almacéns, vinculadas a esa vida familiar, “privada”.
No segundo acto da obra ten lugar unha escena da vida dos artesáns de Besomaño. Neste sector apareceu unha cabana oblonga. A cabana, en forma e paramentos, moi parecida ás do sector anterior pero ben distinta en usos.
No interior desta choupana, apareceu unha pequena estrutura.Trátase dunha estrutura circular e adosada a un dos muros. Ao escavala apareceron signos de combustión, polo que parecía claro que se trataba dun forno, pero de que tipo? Un forno cerámico? Un forno de pan?
Un par de achádegos paracen solucionar a cuestión. No transcurso da escavación do forno apareceron dous moldes, un en pedra e outro en barro. Asemade apareceron materiais de desfeita de fundición de bronce, polo que a interpretación que manexan os arqueólogos é que se trate dun obradoiro metalúrxico.
O último capítulo ofrécenos un fresco doutro dos trazos da vida económica deste poboado. Neste sector aparecen unha serie de estancias, anexas unhas ás outras cun eixe vertebrador claro. Trátase dunha pequena escalinata de tres chanzos que comunica os diversos espazos. Asemade, todos os espazos semellan estar delimitados por un muro que aínda non foi totalmente escavado. Aquí xa aparecen diferenzas co resto de sectores, pois a tendencia destes muros é máis rectilínea que a dos outros malia que finalmente acaban en curva.
Tamén os materiais atopados son diferentes xa que mentres nos outros sectores eran nomeadamente indíxenas, aquí sobrancean os materiais de importación, sobre todo as ánforas de orixe romano, tipo Dressel 1 e a omnipresente Haltern 70. Pero sobre todo é un achádego concreto o que nos dá pistas sobre o uso destes espazos. Trátase dunha peza en pedra que representa unha cola de cabalo e que se usaría, imbricado na parede, como amarradoiro para o gando.
Estes espazos serían, pois, cortes e edificios de almacenaxe pero xa dun xeito diferente dos que viamos anexos á vivenda no primeiro sector. Será por un cambio na sociedade, respondendo a momentos ditintos? Será porque teñen un carácter máis comunitario/público? Ou ao contrario, pertencerían a unha elite ou a algún membro desa elite? Só podemos agradar unha ampliación das escavacións para responder estas cuestións.
Unha vez vistas as estruturas quedan por ver os materiais, que tanta información achegan, sobre todo cun experto ceramólogo como Rafa na equipa.
Atopáronse uns 4.000 anacos de cerámica, moitísimos para o sector escavado, dos que a maioría son indíxenas e lisos, sen ningún tipo de decoración, malia que tamén hai materiais importados como as ánforas vistas ou indíxenas decorados como as rituais xerras tipo Toralla.
Como a peza estrela que hai en toda escavación debemos falar dun agarre de asa decorado dunha sítula de bronce. As sítulas son un tipo de caldeiro metálico empregados en contextos rituais e o seu achado non é frecuente no noso país.
Os materiais falan claramente dunha cronoloxía para este xacemento que abrangue dende o século II a.n.e. ao I da nosa era malia que seguramente haxa unha ocupación anterior que se albisca na existenza duns silos para gran escavados no xabre e que xa foran amortizados no momento de construción do sector das cortes así como nun anaco de cerámica do Ferro I. Haberá que agradar futuras escavacións para esclarecer este punto.
Por outra banda, a Décima Onda xa comezou a súa campaña de divulgación cunha charla o pasado martes na Casa da Cultura de Ribadumia e que se supón a primeira dunha serie delas sobre a cultura castrexa no ámbito do Salnés e as Rías Baixas e que aínda non teñen data. En calquera caso, os interesados poderán informarse no blog da escavación alanzada.wordpress.
Asemade, pódense realizar visitas guiadas ao xacemento en proceso de escavación. Hai visitas para público xeral os próximos martes 19 e 26 de abril ás dez da mañá. De calquera xeito, para concertar visitas de grupo pódese chamar ao 600940133. Agardamos saír da topeira e seguir informando dos resultados deste interesante proxecto.

http://deloreandebois.wordpress.com/

Escaneando la ciudad



Esta semana estamos ultimando a escavación do castro de Besomaño, preparando o camiño para a fase de restauración que rematará a finais deste mes de maio. Antes de acometer a consolidación das estruturas, cómpre rexistrar metodicamente as edificacións asoelladas, e nada mellor para iso que o traballo desenvolto pola nosa compañeira Patricia Mañana Borrazás aplicando tecnoloxía de rexistro 3D.

Mañá podes unirte á visita guiada a Monte do Castro

O pasado martes 19 de abril levamos a cabo unha visita guiada a Monte do Castro para público xeral, a pesares da choiva unhas vinte persoas visitaron a escavación e conversaron co equipo que está traballando no xacemento.

Mañá martes 26 de abril as 10.00h da mañá, terá lugar unha nova visita guiada, dirixida a quen queira coñecer en tempo real os achados de Monte do Castro e ver como se desenvolve realmente unha escavación. Esta actividade e gratuita, para confirmar a visita ou solicitar máis información só hai que chamar ao 600940133, ou vir mañá a Monte do Castro á hora da visita.

Faro de Vigo 24 04 2011

Monte do Castro na TVG

Nestes dous enlaces podes ver as noticias sobre Monte do Castro emitidas o 21 e o 22 de abril no Telexornal Serán e no programa Bos Días da TVG.

TVG Bos Días 22 04 2011

Telexornal Serán 21 04 2011