Saltar ao contido

Até sempre

by o 1 Xuño 2011




Hai exactamente un ano comezabamos a nosa andaina co inicio da escavación arqueolóxica do Campo d’A Lanzada. Coa angueira de chegar a todos vós en tempo real e sen intermediarios verquemos na Rede este humilde blog, deseñado por Manuel Gago. Neste ano recibimos un total de 60.000 visitas. Hoxe remata oficialmente o noso vencello co proxecto Pousadas dirixido pola Deputación de Pontevedra. A partir de agora mesmo, esta bitácora do Laboratorio de Patrimonio do CSIC servirá para divulgar os resultados científicos das investigacións desenvoltas no Campo da Lanzada e nesta primeira fase de escavacións no castro de Besomaño.
Tanto Martina González Veiga coma Xurxo M. Ayán Vila ímonos co bo sabor de traballar no que cremos, de abrir a todos un proxecto científico que semellaba convencional e que se convertiu nun campo aberto á creación comunitaria do coñecemento arqueolóxico e á participación cidadá. Tamén aprendimos moito sobre a realidade política deste país, sobre as dificultades reais dunha Arqueoloxía en comunidade e sobre os dilemas morais e éticos que conleva un traballo reivindicativo coma este dentro dun sistema que non procura cidadáns críticos senón electores pasivos.
Grazas a todos vós e a todo o equipo lanzadeiro que fixo posible este proxecto ilusionante. E agora, como dicían os vellos, haberá que mollar a palabra. Saúde e República.

Xurxo M. Ayán Vila.

From → Historiografía

Os comentarios están pechados.