Saltar ao contido

Foxas comúns ou non tan comúns

by o 11 Maio 2011





O primeiro nivel de ocupación do castro de Besomaño deixounos coma únicos restos unha serie de estructuras escavadas no sustrato rochoso esparexidas por toda a área intervida. Foxas e buratos de poste remiten a un uso temperá do asentamento con anterioridade á petrificación e monumentalización da arquitectura doméstica, proceso que datamos polo momento no século II a.n.e. A este respecto, o monte do Castro exemplifica novamente unha dinámica xa constatada noutras intervencións en sitios cercanos como A Lanzada, Castrolandín ou o castro de Barro. Este tipo de foxas documéntanse en recintos fortificados (castros e outros) entre os séculos IV-II a.n.e., en sitios que moitas veces gozan dun estatuto simbólico e ritual importante, como o Castro Grande de Neixón ou o Castroeiro en Portugal, espazos importantes para a comunidade nos que, segundo os casos, se mistura o papel de santuario ou espazo social con foxas de almacenamento do excedente agrario, con depósitos especiais ou depósitos estruturados. Noutros casos, como no veciño xacemento de Santo Tomé de Nogueira (Meis) as foxas forman parte do escenario cotiá do espazo doméstico, seguindo unha tradición que se retrotrae á Prehistoria Recente.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: