No xornal El País, edición Galicia aparece hoxe unha pequena reportaxe de Víctor Honorato sobre as nosas escavacións arqueolóxicas no Monte do Castro.
Fotografía de Carlos Puga.
Aquí podes ver completa a conferencia que Roberto Aboal e Rafael M. Rodríguez impartiron na Casa de Cultura de Ribadumia o pasado 12 de abril explicando a escavación do monte do Castro.
Onte un grupo de escolares do IES de Cotobade, de 1º e 2º de ESO, compartiu con nós unha mañá arqueolóxica. Primeiro fomos de visita ao Campo da Lanzada, onde xa finalizaron os traballos, e o xacemento se atopa acondicionado para as visitas con paneis explicativos. Despois, trasladámonos a Monte do Castro, onde puidemos ver ao equipo en pleno traballo de escavación e tivemos a oportunidade de falar con membros do equipo arqueolóxico coma Virginia e Elena, cos directores da escavación Roberto e Rafael, con Anxo o delineante e con Xan o restaurador. Gracias a elas e a eles enterámonos en tempo real das últimas novidades e incluso puidemos ver e tocar pezas de cerámica castrexa que acababan de atopar na escavación.
Esta semana, no Campo da Lanzada, colocáronse paneis explicativos que nos contan a historia do xacemento e os achados da campaña de escavación que levamos a cabo o pasado verán. Tamén se colocou un valado para delimitar a área arqueolóxica na que se levou a cabo a intervención. Animámosvos a facer unha visita.
O martes 12 de abril os escolares do Colexio Abrente viñeron a visitar Monte do Castro. Estes rapaces e rapazas de 5º e 6º de Educación Primaria visitaron no mesmo día e por segunda vez A Lanzada, foran o segundo colexio que nos visitou na Lanzada en 2010 e nesta segunda visita sorpendeunos a cantidade de cousas que recordaban, xa case nos guiaban eles a nós.
Unha mañá arqueolóxica, percorrendo un pouco da nosa historia na Lanzada e en Monte do Castro.
Roberto Aboal e Rafael Martínez, contáronnos onte, na Casa da Cultura de Ribadumia, como se esta a levar a cabo a escavación arqueolóxica en Monte do Castro, ademais coñecimos as últimas novas e importantes achádegos que agochaba Monte do Castro.
Deixámosvos o powerpoint da charla:
Durante toda a campaña de escavación e restauración en Monte do Castro (Ribadumia), podes vir a visitarnos. Temos o xacemento aberto ao público, de xeito gratuito levamos a cabo visitas guiadas nas que podes ver como se desenvolve realmente o traballo nunha escavación, e informámosche das novidades e descubrimentos en tempo real.
Só tes que chamar ao 600940133 e concertar a visita para os meses de abril e maio.
A área arqueolóxica d’A Lanzada é un deses espazos que está a ser protagonista dunha fonda revisión das dinámicas históricas que aconteceron ao longo da 2ª Idade do Ferro no NW peninsular. O rexistro exhumado nas campañas antigas e na nosa de 2010 abre interesantes camiños para a investigación sobre as relacións co mundo cartaxinés, xunto con outros xacementos como Montealegre (Moaña, Pontevedra), Castro Grande de Neixón (Boiro, A Coruña) ou Alobre (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra). De todo isto falamos no VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de setembro, 1- de outubro e 2009) cunha comunicación titulada Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el Norte de Portugal durante la Edad del Hierro. Estes días acaban de saír publicadas as actas do congreso. O noso artigo podedes consultalo no apartado de produción científica.
González Ruibal, A.; Rodríguez Martínez, R. e Ayán Vila, X. M. 2010. Buscando a los púnicos en el Noroeste. Mainake, XXXII(I): 577-600. Málaga.
Fotografía: Vaso coa indicación das distancias entre Roma e Cádiz. Vicarello (Italia). Século I a. C. Reprodución no Museu d’Història de Catalunya.