Saltar ao contido

Quen somos?

Rafael Mª Rodríguez Martínez é arqueólogo da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e director do proxecto arqueolóxico d’A Lanzada 2010. Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, ten participado en labores técnicas e de dirección nuns cantos proxectos en Galicia e Norde de Portugal. Especialista en Arqueoloxía Clásica desenvolve dende hai anos unha liña de investigación sobre os ciclos comerciais no NW a través da análise do rexistro cerámico. Xunto con Alfredo González Ruibal ten estudado numeroso material inédito procedente de A Lanzada e depositado no Museo de Pontevedra. Tras diversas tentativas fallidas acadou en 2010 reabrir as escavacións n’A Lanzada.

David Barreiro Martínez (Madrid, 1971) é o coordenador, pola parte do CSIC, do proxecto de intervención no xacemento d’A Lanzada. Dirixiu numerosas actuacións de avaliación e corrección de impacto arqueolóxico. Desde 2005 é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e coordenador da Unidade de Servizos Arqueoloxicos do LaPa (IEGPS, CSIC). Actualmente a
súa investigación diríxese cara a unha formulación teórica para unha xestión e posta en valor do Patrimonio Arqueolóxico baseada en criterios de cooperación e desenvolvemento sostible.

Roberto Aboal Fernández (Ferrol, 1967) é o codirector do proxecto arqueolóxico A Lanzada 2010. Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela é arqueólogo do Laboratorio de Patrimonio dende 1997. Ten dirixido numerosos proxectos de Avaliación e Corrección de Impacto Arqueolóxico de Obras Públicas por todo o territorio galego. Actualmente dirixe a Unidade de Servizos Arqueolóxicos do LaPa (IEGPS, CSIC). Dirixiu as interesantes escavacións arqueolóxicas desenvoltas no castro de Montealegre (Domaio, Moaña, Pontevedra) entre 2003 e 2004.

Virginia Castro Hierro (Burgos, 1978). Licenciada en Humanidades pola Universidade de Burgos, é arqueóloga da Unidade de Servizos Arqueolóxicos do LaPa (IEGPS, CSIC) dende 2001. Especializada en traballos de Avaliación e Corrección de Impacto Arqueolóxico dirixiu e codirixiu diferentes proxectos en Galicia, destacando as interesantes escavacións arqueolóxicas no castro de Montealegre (Domaio, Moaña, Pontevedra) entre 2003 e 2004.


Cristina Cancela Cereijo (A Coruña, 1976). Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Arqueóloga da Unidade de Servizos Arqueolóxicos do LaPa, ten traballado en diferentes proxectos arqueolóxicos en Galicia, Cantabria, Valencia, Madrid e Uruguai.

Martina González Veiga (Pontedeume, 1979) licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Técnica en Animación sociocultural dirixe a Unidade de Divulgación e Difusión do LaPa (IEGPS, CSIC) dende o ano 2005. Coordinadora das actividades formativas a desenvolver no presente proxecto de A Lanzada 2010.

Xurxo M. Ayán Vila (Lugo, 1976). Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Arqueólogo do LaPa dende 1998, ten traballado en numerosos proxectos de Corrección de Impacto Arqueolóxico e de posta en valor de xacementos castrexos por Galicia adiante. Dende 2003 dirixe o proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón (www.neixon.blogspot.com)

Yolanda Porto Tenreiro (Ferrol, 1969). Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomada en Conservación e Restauración de Bens Culturais pola Escola de Restauración de Pontevedra. Restauradora do LaPa dende 1997.

Carlos Otero Vilariño (Ferrol, 1968) é arqueólogo e membro do LaPa dende 1996. Dende entón o seu traballo desenvolvese principalmente no eido da posta en valor do patrimonio arqueolóxico e a posta en práctica de proxectos de Xestión Integral do Patrimonio Cultural liderados polas comunidades locais. Dende 2004 dirixe o proxecto arqueolóxico do castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) en colaboración coa Fundación Terra Termarum. Dentro do proxecto Pousadas, o seu cometido é garantir a plena accesibilidade ao xacemento, durante e despois das escavacións arqueolóxicas.

Manuel Gago é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado de Ciberxornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. É autor de numerosas publicacións e investigacións sobre xornalismo dixital e cultura na rede. Na actualidade, experimenta con novos formatos de divulgación histórica no seu blog Capítulo Cero (www.capitulocero.org).

Buenaventura Aparicio Casado é doutor en Historia pola UNED (Prehistoria e Historia Antiga). A súa tese doutoral versou sobre O folclore nos xacementos arqueolóxicos de Galicia. Profesor titor da UNED en Pontevedra (1987-2006), foi membro do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Fundou e coordena na actualidade o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena”. É autor de 120 publicacións. Arestora a súa liña de traballo céntrase na relixiosidade popular e nos aspectos simbólicos da arte rupestre.

Antonio de la Peña Santos é Conservador dos Fondos Arqueolóxicos do Museo Provincial de Pontevedra. O seu labor investigador diríxese con preferencia á arte rupestre galaica, a Idade do Bronce, o fenómeno castrexo, e as orixes da cidade de Pontevedra, temas obxecto de numerosas publicacións, conferencias e ponencias. Dirixiu escavacións en xacementos tan significativos coma Lavapés, Torroso, Santa Tecla e a ponte do Burgo. Tamén localizou, catalogou e levantou calcos de máis de medio milleiro de complexos da arte rupestre galaica. A respeito de A Lanzada, participou nas campañas 1972-1978 e dirixiu dúas pequenas intervencións de urxencia en 1981 e 1983.

José Carlos Pascual Vázquez Pacho. Membro de grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén ten participado como colaborador en 33 escavacións arqueolóxicas, en xacementos como A Subidá, Lavapés, Santa Trega, Xidoiro Areoso ou Torroso.

Olalla López Costas (Vigo, 1983) é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Granada, institución na que fixo un máster en Antropoloxía Física e Forense cun traballo de investigación sobre a necrópole d’A Lanzada. Tense encargado da antropoloxía na escavación de varias necrópoles de Galicia e Portugal. Pertence como investigadora á Área de Antropoloxía Física das Universidades de Granada e Santiago de Compostela, nas que está a realizar a súa tese de doutoramento, centrada na variabilidade normal, patolóxica e alimentaria das poboacións galegas dende o Bronce deica a Idade Moderna. O tema especifico da dieta está a ser analisado conxuntamente coa Universidade de Reading (Reino Unido). Neste traballo A Lanzada ocupa un lugar de honra e foi o seu estudo unha das razóns da volta a Galicia desta investigadora.

Xosé Manoel Sánchez Sánchez (Santiago de Compostela, 1976). Doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela. É dende 2004 Técnico Medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, onde dirixe a Área de Documentación Medieval. Orientando a liña de investigación cara á Historia social da Igrexa e mundo medieval e o aproveitamento das fontes documentais, ten participado en diversos proxectos de investigación encol do mundo medieval, coma o Estudio Histórico y Arqueológico de la Fortaleza de A Rocha Forte (2002-2003) ou máis recentemente no proxecto Arqueoneixón do LAPA, CSIC.

Carmen Alarcón é estudante de Arqueoloxía na Universidade de Sevilla e Berta Morell na Universidade de Barcelona. Ámbalasdúas desfrutan dunha bolsa de introducción á investigación JAE do CSIC no Laboratorio de Patrimonio. Nos meses e xullo e agosto formarán parte do equipo arqueolóxico d’A Lanzada.

Iria Fernández Blancafort (Barcelona, 1984) é licenciada en Humanidades e graduada en Historia pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, onde desenvolve unha investigación sobre o banquete e a comensalidade na Idade do Ferro do NW da Península Ibérica. Formou parte do equipo científico do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón e agora do presente proxecto d’A Lanzada 2010.

Xosé Gago (Santiago de Compostela, 1984) licenciouse en Historia da Arte pola USC en 2009. Ten participado en numerosas escavacións arqueolóxicas por toda Galicia, destacando as de Neixón, Castrolandín, Monte do Castro (Barro, Pontevedra) e Santo Tirso (Portugal). Tralo seu paso pola Fundación Caixagalicia, actualmente traballa no arquivo da Deputación de Pontevedra. É colaborador do xornal Galicia Hoxe, no suplemeno Lecer coa serie De Lorean de Bois.

Adolfo Fernández (Xunqueira de Ambía, Ourense 1979). Licenciado en Historia pola Universidade de Vigo, é arqueólogo-ceramólogo especialista en economía e comercio de época romana.  Membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (LAUV), ten participado en diversos proxectos de investigación, entre eles, o de Escavación e Musealización da villa romana de Toralla (Vigo).  Na actualidade, é bolseiro de posgrao da Fundación Pedro Barrié de la Maza no Centre Camille Jullian-CNRS de Aix-en-Provence (Francia).

Xan Santos Maneiro (Porto do Son). Restaurador.

Antonio Abad Alonso (Vigo, 1979). Diplomado en Restauración  e Conservación de Bens Culturais pola Escola de Restauración de Pontevedra. Especializado no tratamento de xacementos arqueolóxicosn ten traballado co LAPA no castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). Os seus traballos máis importantes desenvolvéronse na área de Extremadura, intervindo en sitios chave da Arqueoloxía Cláasica como Cáparra, Mérida ou Medellín. Baixo a dirección de Yolanda Porto é o responsable da consolidación das estruturas exhumadas na escavación d’A Lanzada 2010.

 

 

A %d blogueros les gusta esto: