Que pena de pena!
Como acontece en moitos castros de Galicia, o xacemento de Monte do Castro foi empregado como pedreira polos canteiros tradicionais. Aquí e acolá aínda se poden ver as grilleiras, as ringleiras de buratos onde se premían os grillos para estralar o granito. Este proceso de apropiación do espazo foi un dos fenónemos cuasantes da destrución de moitos gravados rupestres, dos petroglifos que, como ben estudou o noso compañeiro lanzadeiro Buenaventura Aparicio Casado, apenas dicían nada á xente galega, de aí que apenas se conserven referencias folklóricas aos labirintos, cervos e demais. Outra cousa foron determinado montes e penas da paisaxe nas que estaba prohibido por tradición fincar o ferro. Nun traballo que fixemos sobre a cantería en Cuntis ben puidemos comprobar este sentimento telúrico, este culto ás pedras, no caso da Pedra da Aguia no Monte Xesteiras. Cando uns fulanos lles deu por afuracar a parede da pedra para facer escalada, os vellos da contorna botábanse a Deus por ese gratuíto sacrilexio. O Monte do Castro de Besomaño tamén tivo unha destas penas especiais, a Pena da Moura… pero non tivo tanta sorte. A dinamita acabou con ela, pero aínda así tardou en caír, do vella que era. Na fotografía mal que ben podedes ver o que queda da Pena da Moura, apenas o basamento. O interesante é comprobar como se atopa no punto máis alto do asentamento, cunha excelente visibilidade cara ao mar, podendo ollar perfectamente a illa de Sálvora. Tamén se enxerga a Pena Lobeira e a Curota do Barbanza. Este xogo de visibilidades quizabes sexa fortuíto… ou non. Pero aínda hai máis. Unha vella do lugar recordaba como antes da desfeita existían unhas escadas feitas na pedra, quizabes como as escadas características dos santuarios rupestres da Idade do Ferro nalgunhas zonas da Península Ibérica. Até aquí podemos ler, coma no Un, dos, tres.
Os comentarios están pechados.