Saltar ao contido

Retallos de vida

by o 5 Maio 2011


Xosé Gago retoma a Décima Onda co gallo das escavacións en Besomaño:
Polo traballo que facemos ultimamente, un traballo nos lúgubres arquivos municipais, ás veces sentímonos un pouco como osos en letargo. Ou máis ben como aquela toupa da fábula cantada de Javier Krahe, que un día se decidiu a subir á superficie,tendo que baixar ao momento cegado pola luz do cuarto menguante.A situación é lóxica, despois dos luminosos días na escavación da Lanzada do verán pasado, é moito contraste pasar a ser un habitante das necesarias cavernas do papel.
Pero o outro día, ao saír dun escuro arquivo, démonos de conta de que a primavera chegara, de que os campos xa se vestían do amarelo das chorimas e das xestas e os coches da clásica capa de po do pole dos piñeiros. En vez de volver á terra como o topo de Krahe decidímonos a rememorar os días lanzadeiros achegándonos ate Ribadumia, onde se está a levar a cabo a segunda parte das escavacións vinculadas ao Proxecto Pousadas do Salnés da Deputación de Pontevedra en colaboración co LaPa.
Dende hai aproximadamente dous meses, están a realizarse escavacións no Monte do Castro na parroquia de Besomaño deste concello salnesián. O formato é o mesmo que na Lanzada. Paixón, arqueoloxía e divulgación. Un proxecto de arqueoloxía social da Décima Onda guiado outra volta por Rafa, Roberto, Cristina e Vicky, a Moura das Tesouras e unha Brigada nº 6 que xa non é aquela amálgama de xente que chegou para formarse en arqueoloxía senón escavadores formados, autónomos que saben moi ben o que fan e por que o fan. Neste sentido, hai que considerar o obxectivo formador do Proxecto Pousadas coma un éxito.
Como diciamos, dous meses de escavación xa foron consumidos, polo que xa podemos ir tirando algunha conclusión do que foron atopando os compañeiros.
A priori, o castro de Besomaño está moi alterado por traballos de cantería de principios do século XX , o que causou un notable impacto no xacemento.Buscouse a zona menos afectada e formuláronse tres sondaxes. Pouco a pouco fóronse ampliando en función das necesidades e a día de hoxe, cada unha delas é unha xanela que se abre a tres ámbitos diversos da vida castrexa.
Coma nun filme de linguaxe contemporánea, o visitante a Besomaño contempla a vida, neste caso da cultura castrexa, a través de tres retallos que se complementan. Por suposto, as elipses argumentais aínda son moitas, pero polo menos imos tendo certezas de como era a vida no Monte do Castro.
No primeiro lenzo deste tríptico vemos o xa case canónico recinto doméstico castrexo, artellado en torno a unha cabana circular coa súa lareira e furado de poste con calzos. Ao redor desta cabana, outra serie de estruturas anexas, de planta máis ben oblonga, seguramente cortes ou almacéns, vinculadas a esa vida familiar, “privada”.
No segundo acto da obra ten lugar unha escena da vida dos artesáns de Besomaño. Neste sector apareceu unha cabana oblonga. A cabana, en forma e paramentos, moi parecida ás do sector anterior pero ben distinta en usos.
No interior desta choupana, apareceu unha pequena estrutura.Trátase dunha estrutura circular e adosada a un dos muros. Ao escavala apareceron signos de combustión, polo que parecía claro que se trataba dun forno, pero de que tipo? Un forno cerámico? Un forno de pan?
Un par de achádegos paracen solucionar a cuestión. No transcurso da escavación do forno apareceron dous moldes, un en pedra e outro en barro. Asemade apareceron materiais de desfeita de fundición de bronce, polo que a interpretación que manexan os arqueólogos é que se trate dun obradoiro metalúrxico.
O último capítulo ofrécenos un fresco doutro dos trazos da vida económica deste poboado. Neste sector aparecen unha serie de estancias, anexas unhas ás outras cun eixe vertebrador claro. Trátase dunha pequena escalinata de tres chanzos que comunica os diversos espazos. Asemade, todos os espazos semellan estar delimitados por un muro que aínda non foi totalmente escavado. Aquí xa aparecen diferenzas co resto de sectores, pois a tendencia destes muros é máis rectilínea que a dos outros malia que finalmente acaban en curva.
Tamén os materiais atopados son diferentes xa que mentres nos outros sectores eran nomeadamente indíxenas, aquí sobrancean os materiais de importación, sobre todo as ánforas de orixe romano, tipo Dressel 1 e a omnipresente Haltern 70. Pero sobre todo é un achádego concreto o que nos dá pistas sobre o uso destes espazos. Trátase dunha peza en pedra que representa unha cola de cabalo e que se usaría, imbricado na parede, como amarradoiro para o gando.
Estes espazos serían, pois, cortes e edificios de almacenaxe pero xa dun xeito diferente dos que viamos anexos á vivenda no primeiro sector. Será por un cambio na sociedade, respondendo a momentos ditintos? Será porque teñen un carácter máis comunitario/público? Ou ao contrario, pertencerían a unha elite ou a algún membro desa elite? Só podemos agradar unha ampliación das escavacións para responder estas cuestións.
Unha vez vistas as estruturas quedan por ver os materiais, que tanta información achegan, sobre todo cun experto ceramólogo como Rafa na equipa.
Atopáronse uns 4.000 anacos de cerámica, moitísimos para o sector escavado, dos que a maioría son indíxenas e lisos, sen ningún tipo de decoración, malia que tamén hai materiais importados como as ánforas vistas ou indíxenas decorados como as rituais xerras tipo Toralla.
Como a peza estrela que hai en toda escavación debemos falar dun agarre de asa decorado dunha sítula de bronce. As sítulas son un tipo de caldeiro metálico empregados en contextos rituais e o seu achado non é frecuente no noso país.
Os materiais falan claramente dunha cronoloxía para este xacemento que abrangue dende o século II a.n.e. ao I da nosa era malia que seguramente haxa unha ocupación anterior que se albisca na existenza duns silos para gran escavados no xabre e que xa foran amortizados no momento de construción do sector das cortes así como nun anaco de cerámica do Ferro I. Haberá que agradar futuras escavacións para esclarecer este punto.
Por outra banda, a Décima Onda xa comezou a súa campaña de divulgación cunha charla o pasado martes na Casa da Cultura de Ribadumia e que se supón a primeira dunha serie delas sobre a cultura castrexa no ámbito do Salnés e as Rías Baixas e que aínda non teñen data. En calquera caso, os interesados poderán informarse no blog da escavación alanzada.wordpress.
Asemade, pódense realizar visitas guiadas ao xacemento en proceso de escavación. Hai visitas para público xeral os próximos martes 19 e 26 de abril ás dez da mañá. De calquera xeito, para concertar visitas de grupo pódese chamar ao 600940133. Agardamos saír da topeira e seguir informando dos resultados deste interesante proxecto.

http://deloreandebois.wordpress.com/

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: