Saltar ao contido

Saudades do Seminario

by o 1 Xuño 2010

Ya sabrá que el último día del año pasado, fiesta de San Silvestre, el Rector de la Universidad ordenó que se trasladase la biblioteca del Seminario para la Universidad, local de la Biblioteca América. Se acarretó en el mismo día por medio de un carricoche tirado por un penco y con cestas llevadas por mujeres. Los libros iban en montones, todos mezclados y cayendo por los suelos, sin cuidado alguno. Las gentes, ante semejante espectáculo, quedaban pasmadas y preguntaban de qué se trataba. Los mozos y porteros respondían: ‘Es la biblioteca de los galleguistas’.

Carta de Jesús Carro García a X. R. Fernández Oxea, 20-II-1942

O golpe de Estado de xullo de 1936 tivo funestas consecuencias para o SEG. As cifras falan por si mesmas: 19 membros da entidade foron asasinados, 27 marcharon ao exilio e outros 32 foron sancionados de diferente xeito (multas, inhabilitación para cargos públicos, etc…). Da brutal represión libraron os eclesiásticos vencellados á institución (Jesús Carro García) e aqueles membros escindidos do PG en 1936 coa creación das Dereitas Galeguistas, como Filgueira Valverde ou Vicente Risco. Aqueles membros da Xeración Nós vencellados ao nacionalismo tradicionalista católico, pero que non abandonaran a disciplina do Partido, sufriron sancións disciplinarias como R. Otero Pedrayo, apartado do ensino até os anos 50, ou F. López Cuevillas ao que se lle abriu expediente e se lle impuso unha notable multa.

En 1944 creábase o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento en Santiago de Compostela, dependente do CSIC. Na historia da creación deste centro tiveron bastante que ver persoeiros vencellados á Lanzada como o antedito Filgueira Valverde ou Sánchez-Cantón. A fotografía que aquí reproducimos recolle un retrato colectivo do Seminario de Estudos Galegos nunha xuntanza nas ruínas de Santo Domingo da cidade de Pontevedra a finais dos anos 20. No reverso, Fermín Bouza Brey, xa no IEGPS,  escribe os nomes de tódolos membros que alí aparecen, en 1955, nunha tentativa de conservar a memoria do Seminario de preguerra. Isidro Parga Pondal foi expulsado da Universidade, a familia Álvarez Limeses foi duramente represaliada, Carballo Calero e A. Fraguas foron depurados, González García-Paz rematou no exilio en Puerto Rico e Osorio Tafall en México.

Fotografía orixinal depositada no Arquivo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).


Os comentarios están pechados.