Saltar ao contido

Nada por aquí nada por alá

Este luns cando comezaba a xornada de traballo en Monte do Castro, o equipo atopouse con que unha das carpas non estaba e as outras sufían algún desperfecto. Da caseta de obra faltaba material de escavación e un xenerador. Mentres tratan de esclarecerse os feitos, os traballos seguen a desenvolverse con normalidade no xacemento.

Máis alá da Arqueoloxía Pública

Onte venres presentamos no Museu d´Història de Catalunya, no marco do Seminario de Arqueologia i Ensenyament unha reflexión crítica sobre a nosa experiencia deste verán na área arqueolòxica d’A Lanzada, X_AYAN_etalii

A insoportable levedade do ser arqueolóxico

Dicía Cioran que a meirande leción de sabiduría se recibía visitando un camposanto. Na Universidade da rúa acontece o mesmo. En tempos de crise as metáforas arqueolóxicas axudan a poñer os pés na terra.

Pintada na Ciutat Vella, Barcelona.

Arqueologia i Ensenyament

As primeiras xornadas de Arqueologia i Ensenyament coincidiron en 1996 co nacemento do Museu d’Història de Catalunya. O seu director, Agustí Alcoberro, na apertura do seminario Creant xarxes del passat al futur, onte, recordaba unha anécdota da época da transición. En 1979 o recén elexido democraticamente alcalde de L’Escala declaraba sen ningún pudor: as ruínas de Empùries son a ruína de l’Escala. A cidade grecolatina era vista coma un impedimento para o progreso e o avance da cidade. Hoxendía é un referente identitario da poboación e un dos alicerces do seu desenvolvemento económico. Na mesma liña apuntaba a Directora Xeral de Bens Culturais da Junta de Andalucía, Margarita Sánchez Romero, quen nos falaba da mala relación existente entre Santiponce e as ruínas de Itálica, vistas tamén coma un problema polas comunidades locais. Se isto acontece con cidades romanas xa non vos digo (porque o sabedes) as relacións de reciprocidade negativa que existen entre poboacións e pequenos xacementos e áreas arqueolóxicas do estilo das que hai en Galicia. Este é o dilema: ver A Lanzada coma un problema ou coma unha oportunidade. E para solucionalo a Arqueoloxía Pública pode fornecer algunhas claves úteis.

A Lanzada en Barcelona

O CEPAP-UAB en colaboración co Museu d’Història de Catalunya organiza o VIIIè Seminari d’Arquelogia i ensenyament. Creant xarxes del passat al futur: patrimoni històric i societat civil, durante os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril de 2011. As sesións pretenden reunir a profesionais procedentes do campo da investigación histórica e arqueolóxica, da administración pública, da xestión cultural e do asociacionismo cidadá para poñer en común experiencias e reflexións en proxectos de participación da sociedade civil. Neste foro Martina González (LAPA, CSIC), Rafael Mª Rodríguez (Deputación de Pontevedra) e Xurxo Ayán (LAPA, CSIC) fomos convidados a impartir a ponencia: Más allá de la Arqueología Pública: arqueología, democracia y comunidad en el yacimiento multivocal de A Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra). Neste traballo facemos un balance crítico da relación sociedade-Arqueoloxía-público en Galicia nos últimos 40 anos e reivindicamos un enfoque que xa foi aplicado por nós en Castrolandín (2000-), Neixón (2003-2008) e A Lanzada (2010). Á volta do congreso poremos á vosa disposición o artigo. Aquí tedes o link co programa.

Monte do Castro: Novidades no sector Sur

Nesta zona atopamos unha serie de estruturas construídas en pedra, artelladas en torno a unha escaleira central, da que se conservan tres chanzos. Non se trata das típicas cabanas circulares, senón que son muros rectos rematados en formas semicirculares, e que parecen definir una serie de espazos utilizados como almacéns, celeiros ou cortes para o gando.

Os materiais cerámicos recuperados son na súa maioría recipientes de almacenaxe, tanto de época castrexa (recipientes tipo Vigo e dolias indíxenas de aba soerguida) como romana (ánfora Haltern 70 e Dressel 1C). Ademais dos materiais cerámicos, temos recuperado varios fragmentos de muíños circulares (un deles reutilizado na construción dun dos muros). Os materiais atopados remítennos ao século I a. C.

Entre os achádegos, destaca una peza lítica decorada, un amarradoiro ou cola de cabalo, que estaría incrustada nos muros, e que se usaba para amarrar o gando.

Símbolos sen Memoria

Os membros do equipo científico lanzadeiro, Buenaventura Aparicio e Antonio de la Peña presentan o seu libro Símbolos sen Memoria. Arte rupestre en Ponte Caldelas no Centro Cultural desa vila o 31 de marzo de 2011 ás 20:30 do serán. Estades todos convidados.

A Lanzada en Guinea Ecuatorial

A Lanzada achegouse ao ecuador no ciclo de conferencias impartido no Centro Cultural Español en Malabo e Bata (Guinea Ecuatorial) a finais de xaneiro deste ano. A nosa participación no proxecto Arqueoloxía do estuario do río Muni dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC)  contemplou unha serie de actividades formativas dirixidas aos futuros arqueólogos e arqueólogas dese país. Deste xeito, como preludio ao noso traballo de campo na illa de Corisco levamos a cabo unha serie de charlas sobre diferentes temáticas, dende Prehistoria de África Central (Alfredo González Ruibal), pasando pola evolución humana (Ignacio de la Torre) e maila Arqueoloxía da Paisaxe (Carlos Otero). No noso caso expusemos unha introdución á Arqueoloxía Pública a partir de proxectos levados a cabo por nós en Galicia, centrando a nosa atención n’A Lanzada e n’O Neixón. Estas experiencias serviron de base para o desenvolvemento de traballos semellantes nun contexto tan diferente como o da illa de Corisco en Guinea Ecuatorial.

Como era unha casa en Monte do Castro nos séculos II e I a. C.?

No sector N da área de escavación, apareceu esta cabana de 5 m de diámetro, na que se identificaron os restos dun pavimento, unha lareira e un burato de poste de gran tamaño cos calzos. A partir dos materiais cerámicos que se atoparon nela, podemos dicir que estivo habitada entre os séculos II – I a. C. Nesta cabana, maioritariamente recuperáronse recipientes de cociña, máis concentrados na metade S, mentres que no cuadrante NE apareceron recipientes de almacenaxe. Ademais atopáronse varias fusaiolas de cerámica, así como unha man de muíño, uns elos pequenos de bronce dalgún tipo de adorno, un fragmento dunha agulla de bronce e unha fíbula anular de aro interrompido, tamén de bronce.

Vista da lareira.

Detalle das dúas fusaiolas recuperadas ao carón da lareira.

Detalle do burato de poste, no que se poden ver os calzos (pedras que se colocaban entre o burato e o poste de madeira, e que axudaban a calzalo). Tanto o burato como os calzos son de gran tamaño, necesarios para soportar o teitume da cabana.

Verde esmeralda ou azul turquesa

Con pena, colgamos a derradeira crónica lanzadeira (esperamos que polo momento) do noso compañeiro Buenaventura.  Unha sorte e un pracer poder contar coas súas crónicas, o seu saber facer e as súas aportacións tanto a este blog como aos traballos realizados no xacemento da Lanzada.

Moitas gracias Buenaventura!

 

A xeira da Lanzada remata, polo de agora, para este cronista. Atrás quedan a intensa pescuda na biblioteca do Museo de Pontevedra –o meu recoñecemento ao bo quefacer do seu persoal- e as gratas xornadas que, na compaña da miña dona –o outro eu no traballo de campo-, compartín con Rafa, Xurxo, Roberto e o seu equipo. Facer amigos, e máis se son xente do común, é unha decisión acertada.

Cando o espello, cada mañá, murmúrache que xa eres un veterano, comer e parolar coa mocidade apórtache, por ósmose, enerxía. Cárgache as pilas. Nun país que ten por émulos de Aquiles e Helena de Troia a Cristiano Ronaldo e a Belén Esteban e no que só Torrente é quen de encher as salas de cine, degustar un menú obreiro –o da xente honrada- en amigable conversa reconcíliate coa humanidade. Disfrutei moito na Lanzada. Por iso estoulle agradecido a Rafael Rodríguez Martínez, director do proxecto, por terme incorporado no equipo como asesor.

E chega o momento das reflexións. A Lanzada é o que é. Un lugar para gozar do anonimato no medio da multitude calquera domingo de xullo ou agosto, con pontevedreses e ourensáns ávidos de “recauchutarse” ou, noutra estación, unha paraxe para pasear, limpar os alvéolos e as meninxes e, en soidade, falar cun mesmo –quen fala só espera, falar con Deus un día-. Ese é o escenario. Sobre el representouse un drama, unha historia que deixou a súa pegada en forma de patrimonio arqueolóxico e etnográfico que cómpre investigar e conservar.

O discorrer das escavacións na Lanzada ao longo de medio século é unha réplica da praxe dominante no país: ausencia dun proxecto, improvisación, descontinuidade…Un persistente facer e desfacer no que a matogueira e o lixo acaban sempre por se impoñer. Un opus interruptus que non é satisfactorio ni para aquelas situacións nas que algúns están a pensar nin para os traballos na Lanzada, aínda que para a Cidade da Cultura o interruptus viríalle como anel ao dedo. É a teoría da xeometría variable.

As escavacións na Lanzada deben proseguir. Polo de agora confirmáronse certos supostos e albíscanse outros. Pero queda moito por investigar para recrear a historia dun dos xacementos máis interesantes de Galicia. Un novo parón non tería xustificación científica e demostraría que somos unha sociedade que actúa por impulsos, arrítmica, espasmódica. Se non somos quen de culminar o estudio e a musealización dun enclave arqueolóxico situado na ruta turística máis sobranceira de Galicia, cumpriría ir pensando en facer unha cesión parcial de soberanía e deixar en mans de franceses, ingleses ou alemáns a xestión do noso patrimonio histórico. Deste xeito esqueceríamonos para sempre das cidades megalómanas, dos parques rupestres deseñados no pasado século e dos dolmens tipo Dombate cuxa restauración e posta en valor leva máis tempo ca construción da pirámide de Keops.

Había un home que lle rosmaba aos cabalos. Eu rosmaríalle aos responsables políticos que xa está ben de facer un papelón. De non cambiar as cousas, na próxima reencarnación pensarei se paga a pena mudarse ao Mediterráneo. Cataluña é unha tentación e a man están Italia e Grecia. Ser clásico ou romántico, brétemas misteriosas ou sol radiante, verde esmeralda ou azul turquesa? Velaí a cuestión.

Buenaventura Aparicio Casado