Arqueologia i Ensenyament
As primeiras xornadas de Arqueologia i Ensenyament coincidiron en 1996 co nacemento do Museu d’Història de Catalunya. O seu director, Agustí Alcoberro, na apertura do seminario Creant xarxes del passat al futur, onte, recordaba unha anécdota da época da transición. En 1979 o recén elexido democraticamente alcalde de L’Escala declaraba sen ningún pudor: as ruínas de Empùries son a ruína de l’Escala. A cidade grecolatina era vista coma un impedimento para o progreso e o avance da cidade. Hoxendía é un referente identitario da poboación e un dos alicerces do seu desenvolvemento económico. Na mesma liña apuntaba a Directora Xeral de Bens Culturais da Junta de Andalucía, Margarita Sánchez Romero, quen nos falaba da mala relación existente entre Santiponce e as ruínas de Itálica, vistas tamén coma un problema polas comunidades locais. Se isto acontece con cidades romanas xa non vos digo (porque o sabedes) as relacións de reciprocidade negativa que existen entre poboacións e pequenos xacementos e áreas arqueolóxicas do estilo das que hai en Galicia. Este é o dilema: ver A Lanzada coma un problema ou coma unha oportunidade. E para solucionalo a Arqueoloxía Pública pode fornecer algunhas claves úteis.
Os comentarios están pechados.