Verde esmeralda ou azul turquesa
Con pena, colgamos a derradeira crónica lanzadeira (esperamos que polo momento) do noso compañeiro Buenaventura. Unha sorte e un pracer poder contar coas súas crónicas, o seu saber facer e as súas aportacións tanto a este blog como aos traballos realizados no xacemento da Lanzada.
Moitas gracias Buenaventura!
A xeira da Lanzada remata, polo de agora, para este cronista. Atrás quedan a intensa pescuda na biblioteca do Museo de Pontevedra –o meu recoñecemento ao bo quefacer do seu persoal- e as gratas xornadas que, na compaña da miña dona –o outro eu no traballo de campo-, compartín con Rafa, Xurxo, Roberto e o seu equipo. Facer amigos, e máis se son xente do común, é unha decisión acertada.
Cando o espello, cada mañá, murmúrache que xa eres un veterano, comer e parolar coa mocidade apórtache, por ósmose, enerxía. Cárgache as pilas. Nun país que ten por émulos de Aquiles e Helena de Troia a Cristiano Ronaldo e a Belén Esteban e no que só Torrente é quen de encher as salas de cine, degustar un menú obreiro –o da xente honrada- en amigable conversa reconcíliate coa humanidade. Disfrutei moito na Lanzada. Por iso estoulle agradecido a Rafael Rodríguez Martínez, director do proxecto, por terme incorporado no equipo como asesor.
E chega o momento das reflexións. A Lanzada é o que é. Un lugar para gozar do anonimato no medio da multitude calquera domingo de xullo ou agosto, con pontevedreses e ourensáns ávidos de “recauchutarse” ou, noutra estación, unha paraxe para pasear, limpar os alvéolos e as meninxes e, en soidade, falar cun mesmo –quen fala só espera, falar con Deus un día-. Ese é o escenario. Sobre el representouse un drama, unha historia que deixou a súa pegada en forma de patrimonio arqueolóxico e etnográfico que cómpre investigar e conservar.
O discorrer das escavacións na Lanzada ao longo de medio século é unha réplica da praxe dominante no país: ausencia dun proxecto, improvisación, descontinuidade…Un persistente facer e desfacer no que a matogueira e o lixo acaban sempre por se impoñer. Un opus interruptus que non é satisfactorio ni para aquelas situacións nas que algúns están a pensar nin para os traballos na Lanzada, aínda que para a Cidade da Cultura o interruptus viríalle como anel ao dedo. É a teoría da xeometría variable.
As escavacións na Lanzada deben proseguir. Polo de agora confirmáronse certos supostos e albíscanse outros. Pero queda moito por investigar para recrear a historia dun dos xacementos máis interesantes de Galicia. Un novo parón non tería xustificación científica e demostraría que somos unha sociedade que actúa por impulsos, arrítmica, espasmódica. Se non somos quen de culminar o estudio e a musealización dun enclave arqueolóxico situado na ruta turística máis sobranceira de Galicia, cumpriría ir pensando en facer unha cesión parcial de soberanía e deixar en mans de franceses, ingleses ou alemáns a xestión do noso patrimonio histórico. Deste xeito esqueceríamonos para sempre das cidades megalómanas, dos parques rupestres deseñados no pasado século e dos dolmens tipo Dombate cuxa restauración e posta en valor leva máis tempo ca construción da pirámide de Keops.
Había un home que lle rosmaba aos cabalos. Eu rosmaríalle aos responsables políticos que xa está ben de facer un papelón. De non cambiar as cousas, na próxima reencarnación pensarei se paga a pena mudarse ao Mediterráneo. Cataluña é unha tentación e a man están Italia e Grecia. Ser clásico ou romántico, brétemas misteriosas ou sol radiante, verde esmeralda ou azul turquesa? Velaí a cuestión.
Buenaventura Aparicio Casado
Os comentarios están pechados.