Ondiñas veñen e van
Buenaventura Aparicio Casado agasállanos coa sengunda parte do seu artigo:
A orixe do baño das nove ondas na Lanzada. Unha nova lectura interpretativa (II)
De Santo Andrés de Teixido trasladémonos á Lanzada. Unha das razóns esgrimidas por García Alén para sustentar a súa teoría da orixe castrexa do baño das nove ondas era a aparición nos enterramentos da Lanzada de cunchas de vieira.
Pois ben, de 40 tumbas documentadas soamente se constatou a presenza de veneras en dúas sepulturas: a tumba 13, de inhumación, mostraba un enxoval aos pés do esqueleto composto por un xerro, dúas veneras e un coitelo de ferro. A outra sepultura, a número 23, catalogada como un enterramento de incineración ou ustrinum, presentaba unha cuncha grande de vieira, outra pequena e catro anaquiños (A. Blanco Freijeiro, M. Fusté Ara e A. García Alén, 1967 : 11, 17 e 18).
Con estes datos chegariamos á conclusión de que o culto á suposta “dea marina” non contaba con demasiados adeptos, co apuntamento de que non se trata de exemplares de pecten veneris, como se afirma, senón de pecten maximus, que é a variante atlántica (M. González Fernández, 1987 : 218).
Os autores citados maís arriba relacionan a deposición de cunchas de moluscos e de ósos de animais co viático ou, quizais, co banquete funerario, sen desbotar –se documentaron restos de aceite- a utilización de vasos e cunchas como lámpadas (op. cit., pp. 130-131). Miguel González Fernández, investigador moi rigoroso, ao tratar sobre este asunto, considera que os restos orgánicos, e moi especialmente as cunchas de moluscos, teñen unha interpretación moi problemática derivada de que o seu volume e a súa posición varían dunhas tumbas a outras. Para este historiador as moedas, as cunchas e os recipientes baleiros se entenden mellor como parte do propio enxoval que como consecuencia dalgún tipo de crenza ou ritual funerario (op. cit., pp. 220, 224).
Abordemos agora a cuestión central deste artigo: o xurdimento da Lanzada como referente ou centro neurálxico en toda Galicia dunha tradición ancestral, o baño das nove ondas. Blanco Freijeiro, baseándose no silencio do P. Sarmiento sobre unha práctica tan peculiar, sospeitou que o baño non tivese “unha antigüidade de moito máis dun século, que é ata onde se poden remontar as referencias de J. Solá, P. Canitrot…” (A. Blanco Freijeiro, 1983). Pola nosa banda tentaremos situa-lo tema nos seus xustos términos:
1 – Está documentado o baño no mar na noite ou na amañecida de San Xoán en numerosos lugares costeiros de Galicia.
2 – O carismático e, en tempos, multitudinario baño das nove ondas na Lanzada, con ocasión da romaría da Virxe o último domingo de Agosto, ten dúas datas ou períodos referenciais que nos permiten aproximarnos á súa cronoloxía: o ano 1754, fecha na que ningunha fonte coñecida nin o sagaz P. Sarmiento –que visita nese ano A Lanzada por última vez- fan a menor alusión ao baño, e os anos iniciais do século XX, nos que, como evidencian numerosos documentos, a romaría –co seu engadido, o baño- se nos mostra plenamente consolidada e coñecida en toda Galicia. Temos, pois, un lapso de tempo de algo máis dunha centuria para situar nel a grande sona da romaxe.
3 – As visitas aos santuarios senlleiros constitúen unha manifestación da devoción popular que ten as súas raíces na Idade Media. Porén, as grandes efemérides romeiras galegas teñen o seu berce nos séculos XIX e XX.
4 – Cos datos actuais, a nosa hipótese é que a romaría que se celebra o mes de Agosto na Lanzada, con toda a parafernalia que a acompaña, se popularizou na segunda metade do século XIX no contexto dun pulo da Igrexa á devoción á Virxe propiciado pola proclamación do dogma da Inmaculada Concepción polo Papa Pío IX no ano 1854 e polas vicisitudes que afectaron ao Estado Vaticano neses anos.
5 – Polo de agora non hai ningunha proba dun culto a unha “dea marina” nin a deusa Venus. As escavacións recentemente finalizadas non documentaron restos de ningún santuario.
6 – Na situación na que se atopaba Galicia, no eido investigador, nos anos sesenta estaba xustificado o establecemento desas liñas de continuidade dende a prehistoria ata os nosos días, na concepción dunha Galicia eterna e perenne auspiciada por Ramón Otero Pedrayo e a Xeración Nós. Hoxe –aí están os traballos de Bermejo Barrera- esta postura é indefendible
7 – Por que riza-lo rizo coa hipótese –en realidade, polo de agora, mera conxectura- dunha suposta veneración indíxena a unha deidade mariña, mutada en época romana nun culto a Venus, en troques de admitir un coñecido e difundido rito de purificación e rexeneración celebrado no solsticio de verán –e personificado na figura do Bautista-, posteriormente trasladado á conmemoración no mes de Agosto da Virxe da Lanzada?
8 – Para nós non cabe ningunha dúbida de que o rito do baño das nove ondas practicado masivamente na Lanzada está estreitamente vinculado ao auxe e esplendor da romaría en honor da Virxe.
9 – Soamente a consulta polo miúdo de novas fontes, fundamentalmente dos libros parroquiais e das publicacións editadas no século XIX, poderán aportar novos datos e, con sorte, clarexar definitivamente a cuestión.
Entrementres paciencia e sentidiño. Imaxinar unha práctica que dende o período castrexo chega ata o presente é fascinante, pero pouco crible. Mais teñan por descontado que os que escriben a historia como lendas de paixón –que son os que venden libros a moreas- han seguir a teimar –sen probas, iso dálles o mesmo- no asunto. Unha Galica arcaica e fetén non ten prezo. Pois, vale.
Bibliografía citada:
ALONSO ROMERO, Fernando (1982): “As nove ondas da mar sagrada: ritos y mitos sobre las olas del mar”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo XXXIII, fasc. 98, Santiago de Compostela.
“ “ “ (1997): “Las romerías de Galicia”, en Galicia. Antropología, tomo XXVII, Hércules de Edicións, A Coruña.
BLANCO FREIJEIRO, Antonio (1958): “Punta da muller mariña”, Homenaxe a R. Otero Pedrayo, Galaxia, Vigo.
“ “ “ (1983): “Baños de las siete ondas”, A Voz de Galicia (2-VIII- 1983).
BLANCO FREIJEIRO, A., FUSTÉ ARA, M. e GARCÍA ALÉN, A. (1967): “La necrópolis galaico-romana de La Lanzada (Noalla, Pontevedra) II”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo XXII, fasc. 66-67, Santiago de Compostela.
CARO BAROJA, Julio (1979): La estación de amor. Fiestas populares de Mayo a San Juan, Tauros, Madrid.
CATTABIANI, Alfredo (1990): Calendario. Las fiestas, los mitos, las leyendas y los ritos del año, Ultramar Ediciones, Barcelona.
FORNEIRO PÉREZ, J.L. (1989): “El bilingüísmo en el romancero gallego” (http://www.euskaltzaindia.net/dok/euskera/50265).
GARCÍA ALÉN, Alfredo (1974): “Romería de Nosa Señora da Lanzada”, Faro de Vigo, 30-VIII-1974, p. 20.
GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Miguel (1987): “Las tumbas romanas de Galicia”, Pontevedra Arqueológica II, Pontevedra.
RODRÍGUEZ FRAIZ, Antonio (1960): “Costumbres populares de la iglesias y santuarios marianos de Galicia”, El Museo de Pontevedra, XIV, Pontevedra.
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús (2001): Supersticiones de Galicia, ed. facsímil, editorial Maxtor, Valladolid.
Os comentarios están pechados.