A orixe do baño das nove ondas na Lanzada
Baixo este título: A orixe do baño das nove ondas na Lanzada. Unha nova lectura interpretativa (I), o noso compañeiro lanzadeiro Buenaventura Aparicio Casado, déixanos a primeira parte doutra das súas novas e apaixoantes crónicas:
Sobre a orixe ou a xénese do mítico baño das nove ondas no mar da Lanzada formulouse, no pasado século, unha teoría, ou mellor unha serie de conxecturas, que autor tras autor seguen a repetir sen deterse a examinar ou cuestionar os seus fundamentos.
Un dos primeiros estudiosos que, de xeito explícito, relacionou o baño das nove ondas na Lanzada con antigos cultos pagáns na honra da deusa Venus –símbolo da fecundidade- foi Antonio Rodríguez Fraiz. Este crego vinculaba a xentilidade do lugar e dos ritos que alí se efectuaban coa erección do santuario mariano que chegou ata os nosos días (A. Rodríguez Fraiz, 1960 : 99). Estamos diante da consabida cristianización, fenómeno que, efectivamente, aconteceu en numerosas ocasións, pero do que, a modo de comodín, se bota man cando se carece de argumentacións máis convincentes.
O honor de completar e darlle a formulación definitiva á teoría cóubolle a Alfredo García Alén, noso recordado mestre. Bo coñecedor da Lanzada –participara de modo moi destacado nas escavacións que nos anos sesenta alí se realizaron- e etnógrafo moi perspicaz, chegou á conclusión de que a ermida que alí se ergue sería o resultado da cristianización dun santuario prerromano dedicado a unha “dea marina”, a unha deidade da fecundidade. Como testemuños ou pegadas deste culto teriamos a necrópole baixorromana –con cunchas de vieira no enxoval- e o baño das mulleres estériles, costume que perduraría ata tempos moi recentes.
Nos anos oitenta, Alonso Romero engadiría algúns detalles á hipótese de García Alén. Así o primitivo culto indíxena –é dicir, castrexo- ao mar, derivaría en época romana nun culto a Venus, posteriormente cristianizado baixo a advocación da Virxe (F. Alonso Romero, 1982 : 595 e 1997 : 418). No relativo ao culto a Venus, Alonso apela a innegable autoridade de Blanco Freijeiro que contemplou a posibilidade dunha veneración a esa deusa nos promontorios galaicos (A. Blanco Freijeiro, 1958 : 301).
Dende a publicación dos traballos de Alonso ata o presente os estudiosos se limitaron a camiñar pola mesma corredoira sen presentar ningunha obxección. Sexamos un pouco ousados –o xusto- e renunciemos a percorrer as mesmas canellas analizando con algún detemento o tema que nos ocupa.
En primeiro lugar fixaremos a nosa atención nas datas nas que se tomaba o baño das nove ondas na Lanzada. Existe asenso sobre esta cuestión. Se citan tres fechas: o día da Ascensión, a noite de San Xoán e o amencer do último domingo de Agosto, romaría da Virxe da Lanzada. Destas datas, a celebración do rito nas dúas primeiras pode ter certa antigüidade. A última ten todas as probabilidades de seren máis moderna.
É crenza asumida en toda a tradición europea que todas as augas –as mariñas, as dos ríos e fontes, incluso a orballeira dos campos- teñen “virtude” na noite e no amencer do día de San Xoán, tempo que coincide co solsticio de verán. Nese día a xente subía aos montes para ver “bailar ao sol”. Pero, ademais, nos lugares costeiros se bañaban festexando ao sol e a auga como fundamentos da vida (J. Caro Baroja, 1979 : 175).
En Galicia este costume de bañarse no mar ás doce da noite da festa do Bautista, recibindo as nove ondas, estaba moi difundido e se baseaba na crenza de que nesa data o baño curaba os padecementos e preservaba de enfermar (J. Rodríguez López, 2001 : 135).
O día da Ascensión tiña unha extraordinaria importancia na relixiosidade popular de toda Europa, comparable á Natividade do Señor ou á Pascua. Simbolicamente representaba a unión do ceo e a terra. Nesa data críase que, á media noite, un anxo bendicía as augas outorgándolles propiedades que sanaban aos enfermos que se introducían nelas (A. Cattabiani, 1990 : 221).
Queda demostrado, xa que logo, que toma-lo baño das nove ondas tiña unha longa tradición. Mais con respecto á antigüidade desta práctica convén manexarse con certa cautela. O xa citado Rodríguez Fraiz (1960 : 100) recolle un romance titulado “Doña Gelda” ao que lle atribúe, nada menos, que orixe suevo. Hoxe sabemos que este romance foi escrito por Manuel Murguía (J.L. Forneiro Pérez,1989 : 854). Nesta composición, Santo Andrés de Teixido aconsella ás romeiras que acuden ao seu santuario que tomen as nove ondas:
Fóronse d’alí as neniñas – e fóronse a romaría,
cando chegaron alí, – o Santo así lles decía:
-Ide tomar as nove ondas – antes de que salla o día,
e levaredes con vosco – as nove follas de oliva.
Alí nun areal triste – estaban as tres neniñas.
Van tomar as nove ondas – antes de que salla o día,
brancas com’as albas neves – que alá pol-o monte había.
Así que as teñen tomadas – volvéronse a romaría.
Os comentarios están pechados.