Saltar ao contido

Que sabemos d´O Castro?

by o 22 Febreiro 2011

O Castro localízase no lugar de Lameán de Arriba, nas parroquias de San Xoán de Leiro e Santa María de Besomaño. Topograficamente emprázase sobre un esporón cun amplo dominio do val final do río Umia; presenta unha forma elíptica alongada e irregular, posuíndo unhas dimensións de 126 m no eixo N-S por 98 m no eixo E-O na croa, ao que deberían sumarse os dous aterrazamentos que posúe. A pesar de atoparse moi cuberto de arborado (piñeiro e carballo), presenta un importante complexo defensivo, cun parapeto cunha altura aproximada en torno a 4 m na súa parte S, así como tramos de foxo (polos que na actualidade discorre unha pista de terra), e parapeto, no arco W-NW, que lle confiren ao xacemento unha gran monumentalidade. Igualmente destaca pola súa amplitude a terraza localizada no cuadrante W-NW.

Durante os anos 2006 e 2008 a zona foi obxecto dun proceso de concentración parcelaria ZCP de Lois-Monte de Ribadumia. Os traballos de control e seguimento arqueolóxico(dirixidos por Víctor Barbeito Pose e Enrique Álvarez Vieira) permitiron identificar unha serie de estruturas relacionadas co castro (muros de pedra, tramos de foxo defensivo, gabias ou canais e dúas fosas de adscrición indeterminada), ademais de abundante material cerámico, castrexo e romano (ánforas principalmente).

A información proporcionada por estes traballos, o seu emprazamento topográfico e a adscrición dos materiais cerámicos atopados permítenos pensar que poderíamos atoparnos ante un xacemento castrexo con ocupación na Fase III da cultura castrexa, o que nos marcaría un marco cronolóxico situado no cambio de Era, pero que non exclúe a posibilidade de ocupacións anteriores (tal e como pasa no xacemento relativamente próximo de Castrolandín –Cuntis-).

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: