Saltar ao contido

Curandeirismo n´A Lanzada

by o 3 Febreiro 2011

Un novo e interesante artigo de Buenaventura Aparicio:

A Lanzada é poliédrica. Un microcosmos. Un retablo das marabillas. En poucos lugares teñen acontecido tantos e tan variados episodios. Lances guerreiros, devocións, festas e ritualidade –amatoria e curativa- conforman unha sinfonía, un percorrido polo amor e pola morte. Cama de pedra e necrópole, gónadas e soños sen fin, face e envés, pasaxes todos dunha historia, a dos homes e mulleres, carne de canón e po namorado.

Unha ópera, ás veces heroica, ás veces bufa. Un escenario polo que desfilan os actores, mortos inertes, mortos itinerantes en Compaña, unha virxe milagreira, un mar bruante, unha paisaxe grandiosa, wagneriana. Todo isto e moito máis é A Lanzada. Neste marco excepcional tamén os curandeiros habían de estar presentes, exercendo o seu vello oficio. Aquí, ás doce da noite, os doentes podían estar seguros de acadar esa suxestión, esa predisposición anímica que tanto axuda ao oficiante. Nesas artes o subxectivismo é esencial.

Levei a miña muller

á Lanzada, ás nove olas;

levéina a desinfeitar

e botar os demos fora.

(Landín Carrasco, 1955 : 283)

Feitizos, meigallos e demos, moitos demos. A casuística destes entes é inabarcable. “Vienen desde sus montañas nueve días antes del primero de la fiesta…Alguna vez traen los demonios en el cuerpo. Entonces vienen para echarlos” (J. Solá, 1914). ¿Que encobren estes demos? Socioloxicamene son a tradución, ou mellor, a consecuencia da pobreza, da soidade, da envexa, da monotonía que como a couza roen o espírito e insuflan desasosego. Ás veces a aldea se converte nunha trampa saducea e polo campo vaga –Machado dixit– a sombra de Caín.

Espíritos e corpos magoados en procesión, percorrendo os mesmos camiños, acudindo aos mesmos lugares (San Breixo, A Lanzada, O Corpiño…). En palabras dun experto, “clientes” todos dos santuarios con máis sona (A. Rodríguez Fraiz, 1960 : 101).

Algunhas sabias e curandeiros aconsellaban achegarse á Lanzada os sábados –día das meigas- de lúa chea, astro que nesta fase actúa como un catalizador, e nos meses sen erre, período de plenitude no que a vida se manifesta con forza. Momento elixido, as doce da noite, a hora bruxa, intre no que a realidade fica en suspenso para facer posible a maxia, o marabilloso. Mais antes hai que dar nove voltas arredor da capela, no sentido contrario as agullas dun reloxo, é dicir, proceder a “resetear” ou a borrar o disco duro no que está gravado o transcorrer da vida cando esta derivou polo carreiro do fracaso e da aflición. As voltas deben ir acompañadas polo rezo dunhas oracións –un avemaría, un pai noso- e do recitado dun conxuro pola sabia: “Nosa Señora da Lanzada, polo fillo que pariches, fai que quede preñada”. Despois viña o baño acompañado do mencionado soniquete, repetido como o tanxido dunha campá. A cerimonia remataba coa cea e a promesa dunha ofrenda á Virxe que se había de levar o día da súa festa (H. de Sa Bravo, 1991 : 75).

Ignoro se na Lanzada, finalizada a cea, se tiraban ao mar as viandas non consumidas, como se adoitaba facer no rito do bautismo prenatal que tiña lugar sobre as pontes –espazo liminar- no que se ofrecían ao río as sobras da comida, e como facía tamén aquel mítico “pastequeiro” alcumado O Garamillas da Ramalleira que guindaba ao cemiterio, para beneficio das ánimas, a ración de viño e pan que correspondía ao doente, que tiña que gardar xexún (V. Lis Quibén, 1980 : 242). As ánimas –“son moi poderosas”- teñen o seu papel nos ritos curativos.

Outra acreditada curandeira, Rosa de Mirón –hoxe esquecida porque a historia do curandeirismo é unha asignatura pendente en Galicia-, vencellaba igualmente o efecto purificador das augas –no seu caso das que abrollaban nas burgas de Caldas de Reis- co deitarse na cama de pedra da Lanzada (H. de Sa Bravo, cit., p. 81).

Segundo Lis Quibén, sabedor da medicina popular, para previr enfermidades a vox populi recomendaba, ademais de tomar o baño das nove ondas na noite de San Xoán, acender unha vela de cera virxe e bendita, preferiblemente que tivera iluminado o monumento o Venres Santo ou que aconpañara á Candeloria e, aínda mellor, se fora fiada por tres doncelas virxes de nome María. Xunto á heterodoxía do baño na conmemoración do Bautista, aparece neste rito o recurso a elementos cristiáns –monumento, a Candeloria- compoñendo o recoñecible sincretismo galaico, que se completa con alegorías da pureza –as doncelas virxes de nome María- como fundamento que contrarresta a sucidade e impureza da enfermidade (V. Lis Quibén, cit., p. 299).

Ana Liste, investigadora que nos anos oitenta da pasada centuria residiu unha longa tempada na illa de Ons, deixou plasmadas as súas vivencias nun libriño moi aprezado por este cronista. “La Lanzada es además una corriente mística y subterránea, o el funcionante provisto de unas llaves por la noche, cualquier noche todo el año, un trasiego de meigallos del que poco se sabe” (A. Liste, 1987 : 107).

Os veciños de Ons, moi relacionados, como di Liste, “misticamente” coa Lanzada, visitarían o promontorio con certa asiduidade porque o aillamento, as duras invernías e o vento que barre a illa desestabilizan e “rompen” os nervios.

Curandeiros e sancristáns –que tiñan as chaves-, furtivamente, coa noite como aliada –a mística non cadra ben coa luz do día- tratando de poñer coto a meigallos de moi variada etioloxía, algúns mesmamente carraxentos e asilvestrados. E cos meigallos, os feitizos –as mazás, o sangue menstrual como engado-, fillos da envexa e do rancor, e “contra eso, La Lanzada con el cordón bendecido del cura” (A. Liste, cit., p. 106). Cregos en danza, exorcismos…A Lanzada mon amour.

A guinda pona a prosa maxistral de Valle-Inclán. A Lanzada, transmutada en Santa Baia de Cristamilde, mostra, inconfundible, as súas credenciais: “Prestes y monagos recitan sus latines, y las endomoniadas, entre las espumas de una ola, claman, blasfemas:

-¡Santa tiñosa!

-¡Santa rabuda!

-¡Santa salida!

-¡Santa preñada!”

(Ramón del Valle-Inclán, Flor de santidad)

 

Bibliografía citada

LANDÍN CARRASCO, A. (1955): “Cantares marineros gallegos”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo X, Santiago de Compostela.

LISTE, A. (1987): Galicia: brujería, superstición y mística, Penthalon ediciones, Madrid.

LIS QUIBÉN, V. (1980): La medicina popular en Galicia, Akal, Madrid.

RODRÍGUEZ FRAIZ, A. (1960): “Costumbres populares de las iglesias y santuarios marianos de Galicia”, El Museo de Pontevedra, XIV, Pontevedra.

SA BRAVO, H. de (1991): Creencias del costumbrismo religioso en Galicia, Diputación Provincial de Pontevedra.

SOLÁ, J. (1914): “La Playa de la Lanzada”, Vida Gallega, nº. 63, 25-X-1914.

Buenaventura Aparicio Casado

Foto: Arquivo do Museo de Pontevedra.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: