A síndrome de Matusalén
Moito se ten falado da síndrome de Matusalén que padecemos os arqueólogos. Esta demencia consiste fundamentalmente en procurar unha orixe antiga ao xacemento que estamos escavando. Canto máis antigo, máis solera, máis prestixio e máis impacto mediático. Se analisades a estratexia de márketing científico do equipo de Atapuerca decatarédesvos desta tendencia que temos a descubrir as orixes. Na investigación do Paleolítico galego tamén se atopa moi presente esta carreira por atopar os galegos máis antigos; as intervencións nas covas da sserras orientais xogan moito con esta estratexia de comunicación, e fan ben. Durante moito tempo, os galegos máis antigos dos que se tiña noticia ósea eran os defuntiños do Campo d’A Lanzada, precisamente. Pola nosa banda, algo desta síndrome nos queda cando nos preguntamos: cales son os restos máis antigos documentados na área escavada e reescavada por nós? Pois a pedra que vedes na fotografía, exposta na exhibición Descubre A Lanzada n’A Telleira de Vilalonga. Esta peza de granito foi reutilizada en época baixorromana para formar parte da cachotería dun muro. Todo semella indicar que o blogue granítico se atopaba orixinariamente na zona, cuxo sustrato está formado por este tipo de rocha. Caben tres posibilidades:
1. Que fose extraída dun afloramento granítico no que se dispoñía un petróglifo no Campo d’A Lanzada.
2. Que fose unha pedra empregada en construcións precedentes da Idade do Ferro.
3. Que se trate dun pequeno menhir-estela neolítico ou da Idade do Bronce, que adoitan ter pequenos motivos decorativos como serpentiformes esquemáticos ou coviñas, como é o caso.
Os comentarios están pechados.