Homenaxe
Recentemente vén de deixarnos Antonio Álvarez Núñez. O seu nome queda indisolublemente xunguido aos gravados rupestres de Campo Lameiro. Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía, ATS de profesión, “o praticante de Campo Lameiro” como popularmente era coñecido, levou a cabo nos anos 70 e 80 do pasado século un extraordinario labor de prospeción, catalogación e estudo dos petróglifos, tarefa que contribuiu decisivamente a que Campo Lameiro sexa hoxe o centro neurálxico desta manifestación artística ao acoller no seu territorio o Parque Rupestre e o seu correspondente Centro de Interpretación, cuxa inauguración agardamos moitos con ansiedade.
No ano 1982 Antonio Álvarez presentou a súa tese de licenciatura, Los petroglifos de Campo Lameiro, investigación que abranguía todos os seus descubrimentos. Malia o seu interés, este traballo –imprescindible para quen desexe coñecer a fondo todo o relacionado cos petróglifos deste concello- remanece aínda inédito. Outros estudosos, como os dos Sobrino –Buhigas e Lorenzo-Ruza-, Carlos Paratcha e os italianos Anati e Borgna, entre outros, forneceron datos e teorías interpretativas. Pero o quefacer de Antonio Álvarez non ten parangón.
O seu labor foi totalmente altruísta. Arqueólogo vocacional, sen axudas de ningún tipo, dedicou todo o seu tiempo libre ao que para el era unha auténtica paixón: a arte rupestre. Sen embargo, o seu traballo nunca tivo o recoñecemento oficial que merecía. Por esta razón e por tratarse dunha cuestión de estricta xustiza, nas Xornadas de Arte Rupestre e Turismo que a Mancomunidade Terras de Pontevedra organizou no mes de Outubro, o Grupo de Investigación A Laxe da Irena formulou a proposta, aceptada por unanimidade e recolleita nas conclusións, de que o Centro de Interpretación do Parque Rupestre de Campo Lameiro leve o seu nome. A sociedade non debe deixar caeír no esquencemento aos que máis e mellor a serviron.
Sabemos que o alcalde de Campo Lameiro, don Julio Sayáns, está na mellor disposición para que o seu concello exalte a memoria de Antonio Álvarez de forma axeitada. Pero sería desexable que outras entidades culturais –ás que facemos un chamamento público- se sumasen á nosa petición para que Antonio Álvarez reciba a homenaxe da que se fixo acreedor.
Buenaventura Aparicio Casado (coordenador do Grupo de Investigación A Laxe da Irena).
Na fotografía Antonio Álvarez Núnez con investigadores e colaboradores do proxecto arqueolóxico d’A Lanzada 2010, como Antonio de la Peña, Buenaventura Aparicio ou Pacho.
Os comentarios están pechados.