WikiLeaks
O caso WikiLeaks trocou as reglas do xogo. A sempiterna obsesión dos políticos por controlar a información, o seu pánico á transparencia enfróntase de cheo á realidade dunha cidadanía reconvertida en ciberturba, en punkis virtuais que fan uso da súa liberdade de expresión sen medo a perder o seu traballo, sen medo a pagar as consecuencias. Salvando as distancias, este modelo de democracia social que procura a divulgación e difusión en tempo real daquilo que se achega á verdade é o que aparece no horizonte da Arqueoloxía deste país. Recentemente produciuse un conato de debate na Rede sobre o modelo imperante de transmisión de información procedente das intervencións arqueolóxicas, a raíz da destrución do castro de Punta dos Muros n’A Coruña, esnaquizado polo Porto Exterior. O modelo imperante secuestra a información que queda en mans do director ou directora de turno, que agarda á publicación da memoria definitiva para que a sociedade saiba o que fixo no xacemento x, se se tercia. Como é doado comprobar, este é un patrón herdado da Arqueoloxía do primeiro franquismo que pouco ten que ver coa realidade do ano 2010 de facebooks e twitters. No blog arqueoneixon levamos tres anos con esta política de total transparencia, colgando na Rede artigos e ponencias tempo antes de saíren do prelo. Pola súa vez, o noso compañeiro Alfredo González Ruibal vén de publicar en tempo real o informe valorativo da súa intervención nunha posición franquista de Guadalaxara. Así é como se pecha un debate que apenas ten interesado ao gremio (se iso existe en Galicia) arqueolóxico deste país. A transparencia non ten nada que ver coa calidade científica do traballo. É unha cuestión de ética. O demais son problemas de autoafirmación persoal, complexos de inferioridade e vaidades curriculares edulcoradas por un alegato a prol da profesionalidade da Arqueoloxía. Andrómenas. Aquí tedes o informe valorativo da campaña d’A Lanzada 2010. A maiores, iremos desgranando nun ton máis divulgativo os principais resultados da intervención no presente blog. Na elaboración deste informe, firmado por Rafael Rodríguez Martínez (Excma. Deputación de Pontevedra) teñen traballado Virginia Castro, Cristina Cancela, Yolanda Porto, Anxo Rodríguez e Roberto Aboal (INCIPIT, CSIC).
Imaxe extraída dunha presentación dos enxeñeiros de CARTOLAB (Universidade d’A Coruña).
Os comentarios están pechados.