Última charla lanzadeira
Onte polo serán impartimos a última charla lanzadeira deste ano 2010. Unha boa ocasión para facer un balance e plantexar cal vai ser o futuro a curto e medio prazo da área arqueolóxica do Campo d’A Lanzada. O grupo de xente que se achegou a despedir este ciclo (polo que pasaron vinte ponentes e máis de 1200 persoas) era moi representativa da comunidade local: comuneiros de Noalla, investigadores, xente de asociacións culturais. Un bo auditorio de homes e mulleres preocupados polo Patrimonio arqueolóxico e cultural de Noalla. Na charla analisamos o proceso de revalorización da Lanzada, e a realidade do presente: acadouse algo? Este blog comezou a súa andaina o 23 de maio deste ano. Aquel día os autobuses do INSERSO entraban pola pista, descargaban ao carón do cruceiro a homes e mulleres que visitaban a ermida, sacaban fotos co mar de fondo, mercaban colares e volvía ao autobús sen mirar siquera á area arqueolóxica. Hoxe, o 2 de decembro de 2010, despois de moitos esforzos, cartos e investimentos, os autobuses chegan a o mesmo sitio, a xente baixa, visita a ermida, merca os colares, saca as fotos e retorna ao autobús sen ollar siquera para os restos arqueolóxicos. Algo falla.
Os comentarios están pechados.