Os restauras
Na linguaxe metarqueolóxica gremial existen apócopes para mencionar os especialistas, como antracos, malacos ou restauras. Os restauras do noso equipo interdisciplinar están facendo un traballo macanudo. Cómpre ter en conta que están sometidos a unha presión importante, xa que dependen da calidade dos materiais, das previsións, do clima, dos prazos impostos; ás veces están no fío da navalla, a punto de seren devorados.
Yolanda Porto, Xan Santos e Antonio Abad non só desenvolven o seu traballo in situ senón que, paralelamente, levan a cabo un labor de divulgación en tempo real que non ten parangón en proxectos destas características en Galicia. Velaquí os vemos na reunión previa á charla lanzadeira do pasado mércores, avaliando o ritmo dos traballos no laboratorio improvisado na telleira de Vilalonga.
A charla do pasado mércores permitiu solventar as lexítimas dúbidas que a comunidade local tiña ao respecto do mantemento da área escavada. Son moitas décadas de intervencións que non foron acompañadas de consolidación nin restauración. Eran outros tempos, sen dúbida algunha. Yolanda, Antonio e Xan explicaron de xeito detallado o proceso de consolidación, parte esencial do traballo arqueolóxico, aínda que a tradición deste país sancionara unha perniciosa segmentación dámbalasdúas fases de traballo.
Os comentarios están pechados.