Saltar ao contido

Ab urbe condita

by o 15 Novembro 2010

Comezamos hoxe a divulgar neste blog unha síntese dos resultados da escavación de 2010 do Campo d’A Lanzada, e ímolo facer ao xeito das entregas dominicais de novelas decimonónicas, por fascículos. Decidimos facelo así para xerar certa incertidume, que é a salsa da Arqueoloxía, ou non? Adiantamos xa que na nosa intervención paramos de escavar nun estrato datable nos séculos V-IV a.n.e. Ou sexa, que agarda alí debaixo aínda unha notable potencia estratigráfica, xa constatable nas intervencións da década de 1970. Daquela o director desas intervencións, Francisco Fariña Busto, xa escribira en 1974 o seguinte: Los restos arqueológicos más antiguos parecen corresponder a una etapa relacionable con el Bronce Final a través de dos fragmentos cerámicos encontrados en el estrato inferior -a 4.15 metros de profundidad sobre la superficie actual- de un corte estratigráfico realizado en el yacimiento en las campañas de 1969 y 1972, si bien lo reducido del área impide mayores previsiones acerca de este estrato – el número doce de los distinguidos. A continuación das escavacións ao longo desa década forneceron algúns fragmentos cerámicos efectivamente adscribibles a esa fase de transición entre o Bronce Final e o Ferro I . No Museo de Pontevedra gárdase unha bolsa con anacos cerámicos procedentes dunha campaña de finais dos 70 no Campo da Lanzada nos que se identifican os característicos bordos Neixón Pequeno e bordos escalonados típicos do inicio dos castros. Asemade, a fins dos anos 60 Alfredo García Alén levou a cabo unha pequena sondaxe a escasos metros do muro de contención da terraza superior do Campo da Lanzada. Na base da sondaxe topou (Lei de Murphy) cun pote cerámico enteiro adscribible a ese Bronce Final. Polo tanto, contamos con pequenas evidencias que remiten a unha temperá ocupación humana desta área nos momentos previos á emerxencia da paisaxe fortificada nas Rías Baixas (século IX a.n.e.).

Fotografías:  Arquivo do Museo de Pontevedra. Escavacións d’A Lanzada de fins da década de 1960.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: