Predicadores
Reiniciamos no serán de onte as charlas lanzadeiras na Casa das Canteiras de Noalla presentando o traballo que levamos feito nas últimas semanas e a visión que temos, a día de hoxe, sobre o devalar histórico do Campo d’A Lanzada. Para nós é importante a divulgación en tempo real na Rede, pero tamén achegar á comunidade local o resultado das nosas investigacións. Doutra volta, iniciamos unha xeira de presentación de resultados en congresos científicos. Os dous ponentes somos como as cantareiras de Ardebullo ou os irmáns Calatrava, predicando a boa nova da Lanzada en escenarios de Cádiz, Ourense ou Asturias. Doutra volta, neste labor de Arqueoloxía social é esencial o traballo de Comunicación. Así, por exemplo, todas as charlas lanzadeiras de Noalla e do Café Moderno se acompañaron de avisos de prensa e entrevistas aos distintos ponentes en medios locais, prensa escrita, programas de radio e cadeas de televisión. Todo isto grazas ao excelente traballo de Ana, do gabinete de prensa do CSIC e de Martín, xefe de prensa da Deputación de Pontevedra.
Os comentarios están pechados.