Atrezzo arqueolóxico
Arriba tedes a Antonio García y Bellido no castro de Coaña a inicios dos anos 40 e abaixo a Antonio Blanco Freijeiro no Campo d’A Lanzada nos anos 50. Dous retratos que reflicten moi ben a Arqueoloxía da época e a fascinación que daquela tiña a arquitectura monumental dos castros do chamado Noroeste. Naquel tempo a Arqueoloxía era unha disciplina de autor, que aínda respiraba certo romantismo decimonónico. O director da escavación era un sabio académico, retratado ao carón da arquitectura exhumada por el, seguindo a estela dos exploradores arqueolóxicos alemáns, franceses e británicos do Próximo Oriente. Doutra volta, temos aquí un aspecto remarcado pola Antropoloxía Visual adicada á análise da fotografía histórica: a creación de estereotipos, de caracterizacións gremiais do mesmo xeito que o fotógrafo tradicional xeneraba ambientacións no seu estudo. O xeito de vestir, os acenos, a actitude na pose, a elección do emprazamento para o retrato… van conformando unha imaxe social da Arqueoloxía en cada contexto histórico. Unha divertida análise destas cuestións podedes atopala no artigo de Cornelius Holtorf: “An archaeological fashion show. How archaeologists dress and how they are portrayed in the Media”. En Timothy Clack e Marcus Brittain: Archaeology and the Media: 70-88. California: Left Coast Press.
Os comentarios están pechados.