Saltar ao contido

Civilización céltica e/ou cultura dos castros

by o 4 Novembro 2010

O paradigma interpretativo establecido por Martínez Santa-Olalla na súa síntese paletnolóxica da Península Ibérica (Martínez-Santa Olalla 1946) e por A. García Bellido tralas súas escavacións no castro de Coaña (García y Bellido 1942) configurarán unha tese oficialista sobre a Protohistoria segundo a cal os celtas arios  constituían o único e o auténtico sustrato hispánico. Como ten demostrado G. Ruiz Zapatero esta sobrevaloración do celta debíase claramente ao desexo de apoiar a simpatía xermanófila do novo rexime político e á necesidade de establecer unha base para a lexitimación histórica do concepto de patria do rexime franquista. Este trasfondo ideolóxico complementábase co predominio da Arqueoloxía histórico-cultural xermana, algo que se aprecia perfectamente nos conceptos empregados por García Bellido no seu informe sobre A Lanzada.

Esta interpretación celtófila abandonaríase pola propia evolución da disciplina e polo propio devir histórico do Rexime.  Neste senso, ademáis da súa escasa fundamentación, resulta obvio que obedecía a uns intereses políticos que tras 1945 deixaban de ter sentido perante a necesidade de internacionalización do rexime. Asemade, o ascenso do Opus Dei incidiu notablemente na caída en desgraza de Martínez Santa-Olalla, desbancado polo ascenso de M. Almagro, quen acada a  Cátedra de Prehistoria na Universidad Central de Madrid en 1954. Ese mesmo ano de 1954  celébrase en Madrid o IV Congreso de la Unión Internacional de Ciencias Prehistóricas y Protohistóricas, baixo a presidencia de L. Pericot, ben situado pola súa pertenza ao Opus Dei e pola súa amizade co Ministro de Educación Joaquín Ruiz Jiménez, de quen acadou, segundo Díaz-Andreu (2003: 62) que a asignatura de Prehistoria se convertise en obrigatoria nesta carreira de Filosofía e Letras.

O informe a prol da Lanzada incardínase dentro deste sistema arqueolóxico, no que os castros de Coaña e Santa Trega (publicado por Mergelina a mediados dos anos 40) seguen sendo referentes deste tipo de Arqueoloxía. Non obstante, véntanse os aires de cambio, nun intre no que xa conviven os conceptos de cultura dos castros e civilización céltica, como reza no título da famosa obra de Cuevillas publicada ao ano seguinte, en 1953.

Figura: reconstrucción hipotética do castro de Coaña segundo García y Bellido (1942).

From → Historiografía

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: