Arqueoloxía celtofascista e nacionalcatólica
Xa comentamos ao inicio deste blog, o que supuxo a instauración do Rexime franquista para a Arqueoloxía española e galega. O asasinato e o exilio de arqueólogos republicanos da Academia e da Universidade deixou espazo ceibe para que os afectos ao nacional-catolicismo (por convicción ou aproveitamento) copasen o novo sistema de saber-poder no anos da autarquía. Neste anos, promóvese e consolídase un novo proceso de institucionalización da Arqueoloxía en Galicia que resposta punto por punto á propia evolución do sistema estatal, como adoita acontecer en calqueira estrutura centralizada. Neste senso, no período máis filofascista do Rexime (1939-1945) exercen un notable poder aqueles investigadores máis vencellados a Falange, que fixeron o posible para, dende as súas posicións de poder, moldear a disciplina en servizo do Rexime, como Julio Martínez Santa-Olalla, Joaquín Mª Navascués, Martín Almagro Basch, Blas Taracena ou Antonio Gacía Bellido, o autor do informe antedito. García y Bellido formaráse en Alemaña antes da guerra e dirixiu despois as escavacións no castro asturiano de Coaña a comezos dos anos 40, con presos republicanos. Pasaría a formar parte integrante dos sistema, sendo director do Instituto Español de Arqueología y Prehistoria Rodrigo Caro dende a súa fundación en 1951, e responsable da revista Archivo Español de Arqueología e das súas propias series monográficas, liñas de investigación e proxectos. Como vedes, era un contacto moi bo en Madrid e o franquista Filgueira Valverde sabíao. Xa vistes como as mediacións de Sanchez-Cantón (subdirector daquela do Museo do Prado) e outros permitiron acadar a subvención para as primeiras escavacións n’A Lanzada. Nesa liña, Filgueira procura acadar o apoio oficial da Academia á candidatura da Lanzada a converterse en Monumento histórico-artístico. O informe de García Bellido, se vos fixades, non difire moito doutros documentos éditos e inéditos firmados por Filgueira pola mesma época
Fotografía: 1ª Asamblea de Comisarios de Excavaciones. 12 de enero de 1950.
Os comentarios están pechados.