Saltar ao contido

Uns corpos de escándalo

by o 4 Outubro 2010

Nova entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe:

Como xa comentamos nalgunha ocasión, a equipa da Décima Onda, funciona coma unha engranaxe de reloxo. Cada un dos membros é unha roda dentada que fai que unha equipa multidisciplinar funcione como un elemento orgánico. A brigada Nº6, escava. Rafa ou Roberto interpretan. Xurxo e Martina conectan coa comunidade local. Viqui, os materiais. Manuel crea infraestrutura divulgadora. Ruth vincula a escavación ao Proxecto Pousadas. Xosé ocúpase da documentación medieval. Víctor e Edu estudan as cunchas.

Son só algúns exemplos, a Décima Onda abrangue máis xente. De feito, máis que onda é un tsunami. Tampouco é que sexan compartimentos estancos microespecializados, todos fan de todo, centrándose máis nalgún destes aspectos.

Falamos das estruturas, nas que vivía ou traballaba esta xente; dos materiais que empregaban na súa rutina e na súa excepción, dos moluscos e peixes que comían. Mais falta algo. Quen eran estes homes e mulleres que vivían na Lanzada hai dous mil anos? Como eran? Como vivían?

A Antropoloxía Física, ocúpase de estudar a xente a través dos ósos, por ser estes os restos con maior posibilidade de conservación. En Galiza non abondan este tipo de estudos porque precisamente a acidez da súa terra non adoita conservar os restos óseos. Mais a Lanzada é excepcional até para isto. O substrato areoso da duna que cobre boa parte da contorna posibilitou a chegada até nós de restos de ósos humanos nun estado de conservación incrible. Mais isto non é o mellor. O mellor é que unha investigadora galega, vinculada á Universidade de Santiago e á Universidade de Granada mais que tamén realizou estadías en Inglaterra está a estudar todos estes restos aparecidos en intervencións anteriores.

Trátase de Olalla López Costas, quen o outro día foi a condutora da Charla Lanzadeira da Casa das Canteiras en Noalla. Olalla é pois, outra roda dentada da maquinaria da Décima Onda.Olalla é unha investigadora establecida neste campo da Antropoloxía Física o cal moitas veces non conta con demasiada difusión, mais o outro día demostrou que para divulgar, o primeiro que hai que facer é ter vontade de facelo, xa que a súa charla resultou sumamente clara e didáctica.

Os traballos que está a realizar cos mortos da Lanzada forman parte, xunto co estudo doutras necrópoles, da súa tese de doutoramento aínda non presentada. Está a divulgar a súa tese antes de publicala. Quen coñeza un pouco o lupanar universitario, saberá o pouco dados que son os investigadores a falar dos seus proxectos e máis tratándose dunha tese. Neste sentido, antes de nada queremos agradecerlle a Olalla o permitirnos avanzar algún dos resultados deste estudo que comentamos a continuación.

Olalla estudou pois os esqueletos desta necrópole do S. I-V d. C. Cabe recordar, que até día de hoxe, non se atoparon en todo o territorio galego, restos de mortos castrexos. Non sabemos que facía esta xente cos seus defuntos, polo que non podemos saber como eran. Estes cadáveres lanzadeiros, de época galaica romana son, se cadra, os elementos máis próximos dos que dispoñemos para achegarnos aos galegos da Idade do Ferro.

No referente ao talle e forma física dos nosos antergos e antergas , as conclusións son que eran xente alta en relación co resto da península ou incluso comparando cos nosos días (quen escribe non supera en moito estes talles), alcanzando os homes, unha estatura media de 1.65 m. e as mulleres de1.55 m. Esta maior estatura que a doutras áreas da Hispania romana, non vén só determinada por unha boa dieta senón que vén de atrás, é dicir, hai un compoñente xenético.

Mais non eran só altos. Eran tremendamente robustos. Olalla explicou como na península, hai unha tendencia Sur-Norte na que os restos óseos pertencen, a medida que “subimos” a individuos máis grandes, máis compactos. Os cadáveres da Lanzada, tiñan sobre todo, unhas pernas e uns brazos moi potentes, a forza de traballo e de adaptarse a un medio non sempre amigo. A fortaleza dos ósos longos dos restos femininos era tal, que investigadores granadinos, incrédulos, pensaban que Olalla os estaba a vacilar e realmente eran homes. Xa dende aquela a muller galega levantando o país.

O noso traballo, a nosa dieta, as nosas actividades de lecer, etc… poden deixar marcas no noso esqueleto. Os corpos da Lanzada, presentan acotío fracturas óseas. Segundo a experta, gozaban dunha atención moi primaria e insuficiente, producindo en moitos casos artrose polo rozamento nas articulacións e incluso nalgún caso posíbeis inmobilizacións de membros. O que non abondan son as hernias, se cadra porque normalmente son producidas ao realizar esforzos aos que o corpo non está acostumado e esta xente estaría acostumada a traballar, por exemplo, na factoría de prebe de peixe exhumada. Outro tipo de marcas que adoitaban presentar os restos eran as que deixaban os propios músculos, moi desenvolvidos.

Todo o comentado fai referencia aos mortos comúns. É dicir, aos mortos soterradiños nas súas tumbas. Mais non todos estaban en tumbas, hai algunhas excepcións.

Hai un grupo de tres mortos na zona da necrópole, que semellan ter sido vítimas dunha morte violenta e guindados de calquera xeito á terra como ocorría, por exemplo, nas foxas comúns da Guerra Civil. Un deles incluso semella que ten as mans atadas ás costas e está tombado boca abaixo. O máis curioso é que dous destes individuos eran mulleres, cando os destinatarios das mortes violentas son maioritariamente homes. Ademais, unha destas mulleres estaba embarazada como se colixe da aparición dun feto no seu abdome. Que historia haberá detrás destas mortes?

Outro individuo excepcional, aparece fóra de contexto de necrópole. O estudo do seu cranio revela que lle foi cortado o pescozo, sen chegar a cercenar totalmente a testa do corpo, estando o agresor de fronte a el. Logo, se cadra coa mesma arma pero en calquera caso cunha arma pesada, fendéronlle a testa dende atrás, cun golpe forte e descendente. O máis curioso deste individuo é a cronoloxía dada polo C14 que o leva a algún intre entre o século VIII e XI. Xa falamos nesta serie da Historia Medieval da Lanzada, e precisamente, nestes séculos é cando a Lanzada sufriu as razzias viquingas. Estaremos pois, ante unha vítima dos normandos? Dende logo,hai indicios.

Un dos problemas aos que se tivo que enfrontar Olalla ao estudar esta necrópole, foi precisamente a que os restos se conservaron case intactos baixo a area, mais unha vez desenterrados, moitos perdéronse, outros non están identificados, para outros hai fotos mais non o esqueleto ou viceversa. Os anteriores escavadores da Lanzada non é que se preocuparan moito por rexistrar, para facilitarlles a tarefa aos que viñeran detrás. En Gran Bretaña non daban creto a que isto puidera ter pasado e a que A Lanzada non fose un dos xacementos máis sobranceiros da Península Ibérica.

Coma sempre, trala ponencia, conversa. Tanto falar de morte, tivo que saír o tema de Atila en Galiza. Segundo un veciño, a represión franquista, matou republicanos no Campo da Lanzada guindando os seus corpos de calquera xeito, tal como acontecía cos galaico-romanos anteriormente mencionados.

Como xa comentamos, parte da Décima Onda, anda pola ancha Castela a traballar en trincheiras da Guerra Civil e campos de concentración franquistas (http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/). Dende logo, sería moi interesante, se os traballos continúan o ano que vén na Lanzada, integrar algún proxecto de “Memoria Histórica” neste lugar.

A Lanzada, foi testemuño de grandes episodios de Morte da nosa Historia. As invasións altomedievais ou as Revoltas Irmandiñas son bos exemplos. Segundo semella, foi asemade testemuño do último grande episodio de Morte e Cainismo do nosos país, a represión franquista.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: