Recordatorio
Lembramos que mañá xoves ás 20:30 na Casa das Canteiras de Noalla o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, impartirá unha conferencia sobre a ermida da Nosa Señora d’A Lanzada e a arte románica d’O Salnés. Eis o resumo desta nova charla lanzadeira.
A capela de Santa María d’A Lanzada é un edificio senlleiro tanto polo seu emprazamento como polas súas particularidades formais. Valorada decote en relación coas premisas do estilo románico, unha análise detida da súa fábrica (estrutura e decoración), sen embargo, obriga a procurar referentes en tempos estilisticamente posteriores, suxerindo eses paralelos como marco axeitado para a súa construción o século XIV.
A persistencia de solucións vencelladas ao pasado, cuxa perpetuación se xustifica en virtude dun contexto histórico-artístico moi preciso e que, en todo caso, non agocha a presenza de pautas propias do momento que lle corresponde, servirá de fío conductor á primeira parte da conferencia. Nela, unha vez efectuado o exame minucioso da capela, pasaráse revista á evolución do románico nas terras do Salnés, unha bisbarra que, malia ás alteracións impostas polo paso dos anos e os cambios de gusto, conserva aínda hoxe arredor dunha vintena de edificios con restos dese estilo. De alcance e significación moi diversa, están dominados, malia a entidade de igrexas como San Martiño de Sobrán (Vilagarcía de Arousa) ou San Vicenzo de Mosteiro de Nogueira (Meis), pola espectacularidade da abacial cisterciense de Santa María de Armenteira (Meis). Iniciada, segundo testemuñan senllos epígrafes ubicados nas pilastras sobre as que voltea o arco trunfal de acceso á ábsida central, en 1167 e en tempos do abade Ero, é unha das grandes empresas do seu tempo non só en Galicia senón tamén na Península Ibérica.
Debuxo: Arquivo do Museo de Pontevedra.
Os comentarios están pechados.