Saltar ao contido

Que é hoxendía a Arqueoloxía?

by o 28 Setembro 2010

Felipe Criado Boado, arqueólogo, profesor de investigación do CSIC e director do recén creado INCIPIT, verque neste blog do proxecto d’A Lanzada unhas reflexións sobre o que, ao seu parecer, é e debe ser a Arqueoloxía hoxendía.

Qué é hoxendía a Arqueoloxía?

Felipe Criado Boado (INCIPIT, CSIC)

En 1988 publiquei en Revista de Arqueología un comentario titulado “Que é un arqueólogo? Que é a Arqueoloxía?” (dispoñible no link http://hdl.handle.net/10261/7134 do repositorio público do CSIC). Por algunha razón que se me escapa, é o undécimo texto máis visitado dos máis de 26000 documentos que hai arestora nese repositorio dixital. Recentemente a revista catalá Cota 0 solicitoume colaborar no número conmemorativo dos seus primeiros 25 anos escribindo un comentario sobre a situación actual da Arqueoloxía. Isto deume a oportunidade de matinar hoxe sobre o que sigo entendendo por Arqueoloxía e cal creo que é o traballo na actualidade dos arqueólogos e as arqueólogas. A finalización da escavación d’A Lanzada, e con ela da primeira fase do programa Pousadas de Pontevedra, que tan ben representan o modelo de Arqueoloxía que hoxe debemos procurar, son ademais unha oportunidade para facer públicas neste blog algunhas das consideracións que veño de facer no artigo de Cota 0. Para ser máis conciso presentarei a miña aportación encadeando diferentes enunciados.

-1

Cómpre comezar facendo un eloxio da Arqueoloxía. É unha actividade fermosa e emocionante, efectiva e interesante, relevante e atrativa; combina traballo de campo e intelectual, investigación empírica e angueiras teóricas, a carretilla co escáner 3D, a piqueta co laboratorio, o laboratorio coa biblioteca, o público xeral coa alta especialización, a prática científica coa xestión de proxectos complexos, o esforzo físico coa direción de xente, o estudo coa divulgación, o goce intelectual coa produción de valor. Os arqueólogos e arqueólogas son, polo xeral, profesionais ben formados que son quen de moverse nunha ampla variedade de rexistros. Pola súa vez, grazas á evocación dalgúns grandes proxectos (como Atapuerca) e de tópicos fílmicos (como o inevitable Indiana Jones), aínda ten tirón mediático.

-2

Ademais, sen esaxerar, é a única disciplina que permite respostar algunhas grandes cuestións que preocupan ao grande público tanto como á ciencia ou ao pensamento. Refírome a esas cuestións que, á fin e ao cabo, son básicas para comprendermos a realidade humana e social, saber que nos fai humanos e caracteriza esta forma de vida que é tan rutilante como accidental na historia do universo: as orixes da linguaxe, o desenvolvemento da tecnoloxía, a interación co medio, os procesos de definición de que é un individuo, o xurdimento da desigualdade e maila xerarquización social, a orixe do Estado… Isto é deste xeito grazas á  grande amplitude espacio-temporal que cobre a Arqueoloxía, e que lle permite percibir o radicalmente diferente. Malia que a Arqueoloxía tamén fala “de nós”, permite falar doutras culturas, doutras historias, doutras vidas e fornece a posibilidade de problematizar a nosa autocomprensión fronte á confrontación coa diversidade. Nun contexto socio-político no que cómpre conciliar o multiculturalismo  e relativizar a hexemonía da propia identidade, esta capacidade debe ser revalorizada.

-3

Sen embargo, malia estes valores e prestixio social, a Arqueoloxía é a miúdo vilipendiada; o arqueólogo das películas está mellor aceptado có arqueólogo que paraliza unha obra. Habería que cuestionarse que responsabilidade compete nisto a unha xestión do patrimonio arqueolóxico que, ao levar a efecto o imperativo da conservación, produce unha impresión problemática de si mesma, semella estar contra o progreso e o desenvolvemento social e, en troques, é incapaz de amosar os beneficios científicos, sociais e comunitarios da arqueoloxía comercial. Así, á postre, temos incomodado o público e dilapidado os anos de bonanza, que se foron sen que servisen para consolidar a nosa situación no mercado do traballo e mailas ideas.

-4

Neste contexto de crise, a Arqueoloxía debe afrontar hoxe transformacións importantes. Paradoxalmente, malia o seu interese e valor, a Arqueoloxía vése abocada hoxe a un horizonte de superación disciplinar, a desarqueoloxizarse, por dicilo en grande medida, aínda que sexa para seguir facendo, ou comezar a facer, boa arqueoloxía. Isto acontece neste intre a toda a ciencia e disciplinas académicas. Cómpre esvaer nos problemas que investigan ou xestionan, en lugar de servirse a si mesmas para reproducirense disciplinadamente e consolidaren o seu posicionamento curricular. Isto é o que fan os catedráticos e académicos. Seino ben porque eu son un deles. Pero o coñecemento sempre é algo máis importante cá vida dos que se declaran os seus sacerdotes. Disolverse como disciplina quere dicir que a Arqueoloxía debe reescribir diferentes definicións de si mesma que, antes de seren antagónicas entre si, son complementarias porque representan diferentes modulacións da disciplina para adaptarse a casuísticas e práticas diversas. A Arqueoloxía empobrece se non opera transformacións que lle permitan: centrarse activa e positivamente no Patrimonio e os seus problemas, comprender os procesos de materialización, render o sentido, superar os seus lindeiros disciplinares e converxer con outras disciplinas, interactuar coa comunidade e mailo público, e interacionar innovadoramente coa sociedade e a súa contorna. Así as cousas, a Arqueoloxía resolve entre ser unha tecno-ciencia do Patrimonio, ser a disciplina de estudo da cultura material, ser unha Arqueo-loxía, ser transdiciplinaria, ser unha prática pública e comunitaria, ser un arquetipo de transferencia de coñecemento. Conxugando todos eses seres da Arqueoloxía, ésta contribúe á creación dun novo modelo de coñecemento, algo imprescindible neste atribulado inicio de milenio sacudido por unha crise cultural sen precedentes. Os enunciados seguintes auscultan algúns dos atributos destes “seres” arqueolóxicos.

-5

O patrimonio, que podemos definir como a pisada da memoria e o esquecemento, non só segue sendo importante para a Arqueoloxía, senón que ademais ocupa unha posición central no coñecemento do século XXI. Por que? Comprería facer unha revisión crítica do concepto de patrimonio, xa que o que alcumamos “patrimonio” en realidade foi outra cosa. Non só porque o que agora é patrimonio, antes eran cousas distintas senón porque a omnipresencia do patrimonio outorga a este concepto unha simple función lexitimadora encubridora de práticas tradicionais, máis ca un auténtico poder transformativo (a proliferación de “mestrados de patrimonio” que en realidade son historias da arte ou arqueografías ao uso, son exemplo xenuíno diso). Creo que debemos repensar o patrimonio como acervo (o conxunto de bens morais, culturais e materiais dunha comunidade dada), e con iso se abre unha noción extendida de patrimonio. O patrimonio así concebido é o repositorio da tradición cultural dun grupo e, neste sentido, serve para construír a relación dunha colectividade coa súa memoria e identidade. A Arqueoloxía pode deconstruir esa relación a través da pisada material que produce. Pode desempeñar entón unha importante función nos procesos de recuperación da memoria histórica.

-6

O século XXI precisa un novo modelo de coñecemento, un coñecemento meta- ou pos-científico. Será un coñecemento interpretativo, pos-positivo, que poida dar conta da diversidade de racionalidades e narrativas que as diferentes culturas e axentes sociais posúen; pero que, ao mesmo tempo, posibilite o diálogo e eventualmente a converxencia entre elas. O problema da Arqueoloxía é o mesmo que o do patrimonio, as humanidades e as ciencias no século XXI: é o problema do Sentido. Como establecer o sentido na era da información? Se a postmodernidade é algo é perante todo un descentramento e fragmentación das capacidades para outorgar sentido ao real. Iso non só xera pluralidade e riqueza, senón tamén ruído e disonancia. Se cada quen crea sentido por si mesmo, cal é o sentido prevalente? E se é inherente ao sentido que non poida haber un senón moitos, como se equilibran os diferentes sentidos entre si? A Arqueoloxía pode contribuír no seu eido (que é o da cultura material, o acervo e maila memoria) ao desvelamiento do sentido producindo un coñecemento alicerzado nun método interpretativo, un sistema ordeado e corroborable de enunciación de hipóteses e un procedemento de asignación de significado a estas. Pero un coñecemento que se constrúe hermeneuticamente, que se dá en forma de interpretacións e que se representa narrativamente, é un coñecementono que non pode senón conciliarse con outras formas de saber e racionalidade.

-7

A Arqueoloxía non é un espectáculo, no sentido de que non é unha prática que se desenvolve fronte a espectadores pasivos. Malia que a meirande parte das  intervencións arqueolóxicas son “espectaculares” nese sentido, e sen embargo carecen de espectacularidade en sentido xenuíno. Pero isto non pode seguir sendo así. O traballo arqueolóxico é participativo, implica procesos de co-construción entre diferentes axentes que non só dependen do arqueólogo. As comunidades piden paso na ación arqueolóxica e a súa entrada en escena dá lugar a un novo tipo de prática, identificada como community archaeology que implica os grupos locais no control dos proxectos. Pero a Arqueoloxía desenvolvida en comunidade ten implicacións meirandes que modifican o sistema de poder e toma de decisións nos proxectos e actuacións (un bo exemplo é este mesmo proxecto d’A Lanzada, como antes o foi o que fixemos –Ayán fecit– en O Neixón até que nos botaron de alí). Xa se sabe que calquer modificación das relacións de poder, modifica alternativamente o sistema de saber e os seus produtos. Hoxendía non se debería artellar ningún proxecto, sobre todo de xestión e posta en valor do patrimonio, sen incorporar dentro deles á comunidade, calqueira que esta sexa. O fracaso de moitas iniciativas culturais radica precisamente na súa insensibilidade cara á comunidade implicada, as súas demandas e intereses. Igual que a ciencia ten que transicionar cara á unha Ciencia Pública, cómpre crear unha Arqueoloxía Pública entendida como unha arqueoloxía coa xente.

-8

A Arqueoloxía hoxendía forma parte da economía da cultura, e é un exemplo perfecto do novo tipo de práticas que caracterizan a sociedade do coñecemento. Malia a grande novedade (auténtica innovación social inducida por un troco legal) que supuxo a explosión da Arqueoloxía Comercial nos últimos 25 anos, a súa situación de debilidade estrutural e a súa dependencia case en rexime de monocultivo do mercado inmobiliario, mergullárona nunha crise sen paliativos. A crise da Arqueoloxía Comercial é dunhas proporcións que nos leva a preguntarnos se son viables o modelo vixente de xestión do patrimonio arqueolóxico: hai realmente espazo para satisfacer as necesidades de xestión do patrimonio mediante axentes privados ou éstas terían que ser cubertas por iniciativas públicas entre as cales o INRAP francés tal vez constitúa o mellor e máis extremo exemplo? E se ao devandito respostamos que si, daquela aínda comprería preguntarse: é sustentable o modelo de organización e xestión da empresa de Arqueoloxía que até aquí se leva mantendo?

-9

Certamente, ao tempo que defendemos ese modelo no pasado, sempre argüimos que o seu desenvolvemento equilibrado e sostible requería unha estratexia de complementariedade entre o eido da administración, o da investigación pública e o da actividade privada. Pero esta interrelación segue estando pendente. Segue sendo urxente, vinte anos despois, conciliar investigación e xestión do patrimonio, academia e mercado. A Arqueoloxía, tanto a académica como a comercial, require adoptar de forma consciente e reflexiva un modelo de transferencia de coñecemento para interrelacionarse de forma satisfactoria coa contorna. Á segunda lle falta, ademais, vertebrarse segundo un modelo de empresa de servizos tecnolóxicos propio da economía do coñecemento. A traxedia da Arqueoloxía Comercial radica en ser unha empresa innovadora que non sabe que o é. Eidos de actividade específicos da sociedade da información, son xestionados con modelos xerenciais axeitados para as empresas do ladrillo: a empresa arqueolóxica construíuse a imaxe e semellanza dunha empresa de construción, cando en realidade se achega máis a unha empresa de servizos ou incluso de alta tecnoloxía. Habería moito que trocar neste sentido. Pero o paradoxo é que estes trocos se darán, como sempre, cando xa non sexan necesarios ou cando polo horizonte asomen cambios maiores. Efetivamente, o desenvolvemento dun paradigma de ciencia pública e a construción dunha Arqueoloxía en comunidade, disolven o modelo metodolóxico vixente de transferencia de tecnoloxía no sistema de I+D ao rachar a dualidade entre axente e cliente e desconstruír a prestación de servizos coma o único modo de interrelación liñal entre ambos os dous: ao poñer o público dentro do proxecto, non só como usuarios senón na toma de decisións e na súa prática, xurde un novo modelo de interación entre a Arqueoloxía e a contorna socio-económica. Aínda non é visible, pero é posible que a xestión do patrimonio e maila promoción do sector profesional arredor do mesmo, requiran traballar sen empresas, artellar a actividade no seo dun diferente tipo de proxectos colaborativos nos que concorran axentes públicos e privados, especialistas e usuarios.

A Lanzada é, nun certo sentido, un experimento neste e en todos os outros sentidos. E ése é o seu auténtico valor, máis alá dos abalorios púnicos, os salgados prerromanos, as estruturas insólitas ou as case 10.000 pezas rexistradas. Porén, por que haberían de ser todas estas cousas máis importantes cás 19.000 visitas que teñen pasado pola escavación este pasado verán ou os 30.000 pinchazos que ten tido este mesmo blog?

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: