Arqueoloxía Pública
Ao noso modo de ver, o proxecto de Arqueoloxía social d’A Lanzada pon enriba da mesa unha serie de cuestións que semellan fóra do debate e da axenda arqueolóxica. A nosa experiencia comparte enfoques e filosofías que levan anos poñéndose en prática noutros contextos de Europa. Neste senso, na nosa estancia n’A Haia puidemos coñecer de primeira man experiencias de Arqueoloxía comunitaria como a desenvolvida por Archaeology Scotland. Esta entidade ten como obxectivo a difusión e promoción do Patrimonio Arqueolóxico escocés. Nesta liña organiza Congresos onde participan asociacións locais interesadas na Arqueoloxía. Estas iniciativas contan co apoio de The SCAPE Trust, Scotland’s Rural Past, Museos e Sociedades locais, Archaeology for Communities in the Highlands (ARCH), empresas de arqueoloxía comercial e autoridades locais. As actividades contemplan o Mes da Arqueoloxía Escocesa, abranguendo rutas de sendeirismo arqueolóxico, conferencias e visitas guiadas a xacementos que teñen lugar cada setembro ao comezo do curso escolar: apoio técnico aos Clubes de Xoves Arqueólogos voluntarios; unha escola de verán anual de Arqueoloxía de Campo, etc… Archaeology Scotland tamén traballa no eido político influíndo nas decisións do Goberno autónomo escocés e mailo Parlamento para tratar de protexer a Arqueoloxía, facela máis accesible a todos e fomentar o interese no Patrimonio arqueolóxico do país.
Cuspidiño ca na nosa Galicia, verdade? Un país no que a xestión do Patrimonio é dirixida dende a Administración; no que os voluntarios e os afeccionados son vistos coma un problema; no que se segue considerando unha escavación arqueolóxica algo demasiado serio para permitir o acceso a nenos e paisanos; no que resultaría imposible gravar unha película ou documental sobre un castro escavado por mor do hiperconservacionismo da Academia e da Administración (vaia paradoxo arqueolóxico).
Os comentarios están pechados.