Noalla na Haia
Nova entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe:
Noalla e Ayán na Haia
Durante o mes de setembro, o empuxe da Décima Onda inundou A Halla, sobrepasando os diques e presas, non da propia cidade senón da arqueoloxía máis rancia e tradicional. Nun congreso internacional, falou-se das escavacións levadas a cabo en Neixón e as deste verán en Lanzada. Foi a través de Xurxo Ayán, arqueólogo da Décima Onda, que seguindo as metáforas futboleiras xa empregadas en anteriores entregas deberiamos comparar cun xogador do perfil de Garrincha ou Djalminha, un home que sobre todo se divirte co seu traballo e é capaz, con maxia, de derrubar os sistemas tácticos máis conservadores, capaz, asemade de facer filigrana coa palabra tal e como estes astros fan coa bóla.
A conferencia enmarcábase no 16th Annual Meeting da European Association of Archaeologists na sesión European Communities: Models for Participation in Archaeology in Europe, coordenada por Phil Richardson (Archaeology Scotland) e Suzie Thomas (Council for British Archaeology). Aló, arqueólogos de talla internacional, ficaron encantados coñecendo a Don Hipólito e atendendo as estratexias de integración empregadas pola Décima Onda.
O congreso debeu de ser espectacular e fronte ó cariz de seriedade e pretendido cientifismo dos congresos feitos no país, primouse o divertimento dentro do rigor. Baste comentar que o congreso se pechou cun Arqueorock, un festival de música no que actuaban grupos musicais formados por arqueólogos.
Asemade, os propios temas dos ciclos resultarían transgresores nunha Galiza en proceso de mudanza no que a arqueoloxía se refire. Falouse da relación da arqueoloxía cos mass media, coa realidade virtual ou de como debía afrontar os retos da globalización e abranguer as múltiples culturas que hoxe conforman as nosas sociedades.
Por outra banda, a Casa do Concello desta cidade acollía unha exposición con materiais e recursos didácticos das escavacións levadas a cabo na urbe, nalgúns casos case en tempo real. Todo un exemplo do roteiro que debemos tomar, achegar a arqueoloxía á xente para achegar a xente á arqueoloxía.
Mais non foi a única empresa da Décima Onda nestes días que como veremos está moi diversificada.
Continúan as Charlas Lanzadeiras na Casa das Canteiras de Noalla. A última á que asistimos, sobre a explotación do wolfram en Galiza, a cargo de Leonardo González, serviu como sempre de detonante para unha animada charla na que cada quen contou a súa relación ou percepción sobre o febril episodio da explotación e venda deste prezado mineral na II Guerra Mundial. Unha historia inzada de espionaxe e estraperlo, da que imos enchendo lagoas grazas ao estudo deste investigador centrada na área do Barbanza.
Da conferencia quedamos co referente ao impacto social desta febre. Estamos a falar dunha Galiza moi rural, cun ritmo de vida diferente ao das grandes capitais europeas que de socate se converteu en obxecto de de-sexo da fame de morte dos xenerais alemáns co consentimento do réxime franquista, nun principio neutral.
Nesta Galiza rural empezaron a construírse plantas de procesamento con maquinaria punteira na época. Poboáronse zonas antes deshabitadas con poboados que logo quedaron outra volta abandonados. Poboados que se dotaron de servizos que logo quedaron sen saber que facer.
Fontao, en Vila de Cruces, foi un deses poboados, hoxe testemuños dunha febre cainista que chegou a Galiza na procura do wolfram. Conta Don Cipriano, que traballou toda a vida na potente MNSA, dedicada ao estano, como en Fontao se acendían puros con billetes de mil pesetas, facendo énfase co dedo –De mil pesetas daquel entón–.
Para algúns foi unha Belle Epoque en plena posguerra: ante esa chamada de billetes de mil pesetas tan pouco apegados ao peto dos seus donos, chegaron a Fontao prostitutas en abundancia. Abríanse máis botellas de Xerez Gran Reserva que en calquera outra parte da península. Mais a guerra rematou, nun día caeu a Bolsa do wolfram. Deixaron de chegar botellas, as prostitutas volveron ás súas casas, a picadura substituíu os puros e os mistos os billetes de mil pesetas. Como comenta o propio Leonardo, pouca xente fixo fortuna co wolfram, salvo os grandes empresarios. Amasáronse moitos cartos, si, mais eran cartos fáciles e así como se gañaban, gastábanse.
Tamén continúan as Charlas Lanzadeiras acabadas de comezar no Café Moderno, os venres ás 20.00. Tras o anuncio do grande achado do verán, a fábrica de licuamen prerromana da Lanzada, proxectouse o documental “Los narradores del Caraguatá” cuxo visionado recomendamos (está na Rede), e tamén pasou por alí Manuel Gago coa súa República de Homes Libres.
Porén, o Café Moderno, por moi cultureta que sexa non supera a Casa das Canteiras de Noalla, por moitas razóns. Ademais de que as charlas sexan máis participativas e que a xente sinta o xacemento como parte da súa paisaxe inmediata, está o labor de Chichís.
Chichís é o presidente dos comuneiros de Noalla, e revelou-se todo un experto difusor, sen el as charlas lanzadeiras non serían o mesmo. Coñece o seu medio á perfección e utiliza todas as estratexias ao seu alcance, dándolle unha malleira na difusión de charlas a toda unha Fundación Caixa Galicia, cos millóns dos usuarios da caixa e os seus malpagados bolseiros en formación detrás.
O máis sorprendente é que non só en difusión superan os Comuneiros á Fundación Caixa Galicia, tamén en recursos técnicos como proxectores ou equipo de son.
Por suposto, as conferencias de Pontevedra son necesarias para chegar a máis xente, pero non se pode deixar de sinalar que se podería chegar aínda a máis xente facendo mellor as cousas.
Pero hai máis nesta Décima Onda diversificada. Un refacho dela en forma de comando chegou ate Guadalaxara para escavar unha trincheira da Guerra Civil. Á fronte do comando vai Alfredo González Ruibal, quen posibilitou esta escavación coa súa dedicación, e conta nas súas ringleiras con Antonio Franco, Alejandro Laíño ou Iria Fernández, clásicos desta onda renovadora da arqueoloxía galega que veñen dos tempos gloriosos de Neixón. Podedes seguir as novas no blog http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/.
Por certo que semella este un verán de achados gastroarqueolóxicos. No campamento romano de Cidadela en Sobrado dos Monxes, atopáronse os que veñen ser os dous primeiros fornos de pan nun campamento romano en toda a península. En Neixón, os actuais escavadores, interpretan un achado de estruturas en negativo como parte dun secadoiro de polbo e peixe. Máis procesamento de produtos do mar. Na seguinte entrega, da man dos nosos bois trataremos de achegarnos ao proceso de elaboración do licuamen, ese potenciador do sabor que os galegos da Idade do Ferro xa elaboraban na Lanzada antes da chegada dos romanos.
Os comentarios están pechados.