Saltar ao contido

Malaco Blues Band

by o 20 Setembro 2010

Despois de escavar nun xacemento romano leonés de 8 da mañá  a 3 da tarde, Víctor Bejega e Eduardo  González colleron o coche o xoves pasado e viñeron directos a Noalla a impartir a súa charla lanzadeira. Estes dous rapaces están facendo máis pola divulgación da arqueomalacoloxía que toda a Arqueoloxía académica europea xunta. Nunha conferencia maxistral o público soubo como era a ría de Arousa hai 2000 anos, como a xente dos castros e os galaicorromanos explotaban os recursos do mar, como cambiu todo coa entrada do Estado romano e a economía de mercado, todo isto aderezado con anécdotas como a aparición de restos de dromedario nun xacemento romano de Asturica Augusta ou a heroicidade que debeu spoñer a fazaña do primeiro castrexo que lle deu por comerse un polbo. Víctor e Eduardo van ser os encargados de facer as análises das mostras extraídas nos concheiros exhumados nas nosas escavacións no Campo d’A Lanzada. Como non podía ser doutro xeito en Galicia, a charla rematou cuns pinchos, pero uns pinchos moi especiais: cunchas de lapas e longueiróns de hai máis de 2000 anos atopados ese mesmo día na escavación d’A Lanzada. Non eran comestibles, pero saciaron a curiosidade dese público tan agradecido que cada xoves se congrega na Casa das Canteiras de Noalla.

http://arqueomalacologia.blogspot.com/

Os comentarios están pechados.