O Pelouro
Rosa Touriño Vázquez e a súa filla Lourdes Otero Outeriño, veciñas de Noalla, viñeron pola escavación hoxe a primeira hora da mañá. Rosa lembraba os seus xogos de nena no Campo d’A Lanzada, concretamente nunha cabana oval que quedara á luz tralas escavacións arqueolóxicas de comezos dos anos 50. Recordaba especialmente ter xogado cos seus compañeiros de infancia e de soños ao pelouro, un xogo tradicional que se perdeu co decorrer do tempo. Esa casa castrexa agroma no perfil N do noso sector de escavación e, efectivamente, fora baldeirada polos peóns noalleses que traballaban para Filgueira Valverde e compañía. Tamén lembra como espiaban aos escavadores da necrópole galaicorromana, nunha mistura de medo, respecto e curiosidade.
Os comentarios están pechados.