Saltar ao contido

Sal e sangue. Licuamen e area

by o 6 Setembro 2010

Nova entrega da Décima Onda da man de Xosé Gago no Galicia Hoxe.

Os estudosos que dedican os seus cóbados ao mundo medieval son quizais os que á hora de divulgar Historia, máis teñen que loitar contra os tópicos e preconceptos que existen sobre esta época. Os que somos máis alleos a esta era, dámonos conta deste feito ao tratar con eles, por exemplo no noso caso particular grazas a Montserrat Domínguez, con quen compartimos días e copiloto do De Lorean.

Xa dende o Renacemento construíronse unha serie de tópicos que vendían aos habitantes deste tempo como xente ruda, primitiva, groseira e mesmo infeliz. O tempo perpetuou estes lugares comúns e a cultura posmoderna, cos seus Mass Media e a súa rapidez de discurso non fixeron senón afondar neste tema.

Tratando de combater estes tópicos, comezou a súa charla Lanzadeira o xoves pasado 26 Xosé Manoel Sánchez, doutor en Historia Medieval e técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, é dicir, todo un experto en escavar na fecunda terra das fontes escritas. A súa charla, foi a síntese do traballo por el coordinado “Informe e Memoria das fontes documentais e bibliográficas vinculadas coa Lanzada”, para o que contou coa participación das estudantes de Historia Carmen Alarcón e Berta Morell.

Como diciamos, a súa charla comezou rompendo moldes con referencias á metalurxia musical con visuais referencias a carátulas de Jethro Tull ou letras de “Tierra Santa”. Sen dúbida, a épica medieval, a maxia e a espada son un tema de encadre evocador para a produción artística de aí que conte con lexións de seguidores.

Mais non hai que pensar na Idade Media como unha época escura, de superstición e tristura. Como comenta o propio Xosé, “efectivamente, tiñan que pagar foros ou trabucos, mais hoxe non vivimos atafegados con hipotecas e letras do coche?”. Visto así, cambiamos aristocracia e Igrexa por caixas e bancos. A cousa non cambiou tanto, mesmo tamén seguimos a precisar Irmandiños.

Pola contra, fixo fincapé nas bibliotecas medievais, nos scriptoria, nas Cantigas e o Amor Cortés, nas grandes catedrais, exemplos dunha complexa enxeñería.

Meténdose na Lanzada e Noalla medievais, explicou como este era un lugar por un lado de produción económica e por outro da esfera militar e como ambos os factores estaban moi relacionados, xa que o feito de que o lugar se militalizara, a parte das razóns xeo-estratéxicas estaba relacionado con ser un centro produtor. E que se producía na Lanzada?, igual que todo o Salnés que toma o nome das abondosas salinas que o poboaban, o sal. Velaí o sal e sangue que daba título á conferencia de Xosé.

Para este investigador compostelán, a través das fontes, podía deducirse que na Lanzada se facía todo un tratamento de sal, dende a obtención, ao procesado e aplicación (nos produtos do mar). Sería unha unidade produtiva altomedieval.

No referente ao sangue, a configuración da Lanzada como espazo xeopolítico pasa por unha localización estratéxica, na boca de dúas rías, por estar no dominio compostelán e pola xa comentada defensa dos recursos económicos.

A construción da fortaleza da Lanzada, como a todos os elementos senlleiros do patrimonio, a arqueoloxía romántica e posromántica outorgoulle un pasado mítico na figura dun faro fenicio. Hoxe sabemos que formou parte do programa construtivo-defensivo de Sisnando II entre o 951 e o 968 e madia leva que foi precisa a súa construción.

A fortaleza da Lanzada sufriu ataques de normandos e sarracenos durante case toda a recta final da Alta Idade Media, ou de nobres rebeldes que se levantaron contra o poder de Xelmírez aliándose con piratas ingleses! no 1112.

E ao chegar a Baixa Idade Media, máis sangue, as Revoltas Irmandiñas tamén tiveron a fortaleza da Lanzada como escenario. Como moitas outras fortalezas galegas caeu ante as bombardas da Irmandade por ser símbolo do poder do momento. E aínda chegou a ser, xa maltreita, acubillo dos propios Irmandiños que a derrubaran até que caeu definitivamente ante Pedro Madruga e os seus mercenarios.

Ese foi a fin da fortaleza da Lanzada, xa non se reconstruíu despois de tantas outras veces que de seguro se fixera. O mundo cambiara. O campesiño mundo medieval estaba en proceso de cambio cara a un mundo máis urbano, e como se recolle nunha testemuña de Afonso de Sotillo, labrego de Noalla, no valioso Preito Fonseca-Tabera de 1525 “la dicha casa de Lançada le paresçia que hera de poco probecho porque hestava lejos de conversaçion de poblado, obrade un quarto de legua”.

Esta é a Historia medieval da Lanzada. A Historia Antiga e Protohistoria deste enclave está ben conservadiña baixo a area da duna. Desta Historia foi da que falou Rafael Rodríguez na primeira das Charlas Lanzadeiras do Café Moderno o pasado venres, desvelando o grande achado desta escavación. O da nosa misteriosa estrutura.

Xa avanzamos nestas páxinas que había sorpresas, e tanto que as había. Ao seguir escavando na dedálica estrutura, apareceron unha serie de pilos ben definidos, feitos en opus signinum, un aparello formado por morteiro de cal, area e fragmentos pequenos de rocha silícea que procura impermeabilidade.. As dúbidas volveron agromar. Unha factoría de salgadura? Unha factoría de garum? Unha estrutura de decantación de mineral?

Seguían sen aparecer materiais que puideran falar de cronoloxías. Ampliouse o sector. Comezou a aparecer material baixoimperial. Ánforas Haltern 70 de factura primitiva, nesas nas que se traía viño. Estes materiais daban unha datación do S.I d.C… mais a estrutura estaba por debaixo, tiña que ser indíxena, non romana.

A equipa da Décima Onda comeza a falar con expertos en factorías de salgadura antiga. Descricións , fotos. Non hai dúbida. Trátase dunha factoría de garum, mais dun garum especial, o liquamen, unha delicatessen do mundo antigo. Produto de luxo.

O achado é revolucionario e dará que falar. Servirá para calar ese sector da investigación que considera a poboación castrexa pouco máis que como simios con certa intelixencia? De seguro que non. O cero é que esta xente, no cambio de era, entre os séculos I a.C. e o I d. C tiña o coñecemento e a tecnoloxía para facer unha factoría de liquamen e os contactos comerciais para distribuílo.

Falabamos de que na Lanzada medieval habería unha unidade de produción de salgadura de peixe, de conserva. É máis, a principios do século XX,nomeadamente en Vigo, franceses e cataláns, introducen novas técnicas de procesamento de conservas dándolle novo pulo a un dos sectores máis importantes da nosa economía, até os nosos días, o procesamento dos produtos do mar. Non hai máis que ver a expansión de Gealsa a Brasil. Será esta factoría de garum da Lanzada o xermolo dunha actividade económica que nos acompaña en toda a nosa Historia?

Pero hai máis. A onde ía o estano que se extraía preto da Lanzada no século XX? En moitos casos a Euskadi, onde tomaba forma de latas de conserva que volvían a Galicia a encherse de produto. O estano foi tamén a materia prima que viñan buscar os púnicos propiciando os primeiros contactos comerciais mediterráneos.

Estano e marisco, o que máis se cobizou da nosa terra. Malia a importancia do procesamento de produtos do mar, a nosa Historia non é ningunha lata. É, sinxelamente, fascinante.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: