A poxa
Somos testemuñas dun mundo que se resiste a desaparecer, malia que paseniñamente cede paso ao Progreso. As práticas ritualizadas que conforman a Romaría d’A Lanzada seguen materializando unha cosmovisión propia dunha comunidade labrega e cristiá premoderna. A poxa ou subhasta na honra da Nosa Señora d’A Lanzada é toda unha escenografía chea de metáforas, como esa caixa de Televés cos pitos dentro. Aquí vimos unha señora pagar 110 euros por unha pedra tallada con forma de cuncha, unica e exclusivamente porque a pedra era do santuario d’A Lanzada e estivera en contacto coa Virxe. Isto si que é un santuario marítimo rupestre. Doutra volta, vendo a subhasta custa menos maxinar á xente dos castros coas súas ofrendas animais, como reseñan as fontes clásicas cando falan dos banquetes e depósitos votivos ás divindades. Algo recorrente no mundo indoeuropeo, o sacrificio de bóvidos, ovicápridos e suídos. A diferenza é que aquí o sacrificio se fai na casa.
Os comentarios están pechados.