Skip to content

A moura das tesouras

by o 31 Agosto 2010

Fermosa entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe.

Hai entre Carril e Bamio, en Vilagarcía un lugar chamado Meadelo. Este lugar é coñecido porque alí existiu unha torre medieval, probablemente destas que bordeaban a costa galega na época das invasións como a da Lanzada. Mais ao carón desa torre existe unha laxe con petróglifos que ten o suxestivo nome de Pedra do Encanto, ou do Encantamento. Actualmente a pedra está moi deteriorada, até o punto de que co gallo de facer a estrada que pasa ao carón, amputáronlle unha parte.

Por sorte, chegaron até os nosos días unhas fotos e calcos que Fermín Bouza Brey fixo das insculturas, pero Fermín, foi algo máis aló e recolleu tamén a interpretación, en forma de lenda, que a sociedade tradicional fixo dos gravados. Deste xeito, recolleu de Secundino Suárez, un veciño, o bonito relato que o seu avó lle contara:

Disque a noite de San Xoán, aparece xunto á Pedra do Encanto unha fermosa moura cunha tenda de obxectos de prata e de ouro. Un día pasou un home e a moura lle preguntou que era o que máis lle gustaba da tenda. El respondeulle –Gústanme estas tesoiras de ouro– ao que a moura respondeu –pois que che quiten as alegrías con elas– e o home morreu ao pouco. Segundo semella debeu contestar –Gústame a tenda mais gústame mais a tendeira– e así desfacer o encantamento.

Traemos esta fermosa lenda á nosa sección porque cada xoves, cando os nosos bois nos carretan até o Campo da Lanzada, entrando ao xacemento atopamos cunha moura nunha tenda de tesouros. Trátase de Virginia Castro, Viqui, arqueóloga da Décima Onda, encargada dos materiais, que está nunha mesa de cámping entre moreas de anacos de fíbulas, sixillatas, xoias e moedas, e cando nos achegamos, danos o parte de novidades sempre cun sorriso nos beizos.

Virginia Castro Hierro é orixinaria de Burgos e quizais levaba nos seus apelidos o xermolo de dedicarse á arqueoloxía malia que como ela mesma di, ten irmáns que se dedican a outras cousas. Leva tanto tempo en Compostela que xa é unha picheleira máis e participou en tantas escavacións en Galicia que coñece mellor a nosa terra que algún de nós.

Comentamos todo isto porque o outro día, Viqui levou a súa particular tenda até a Casa das Canteiras de Noalla como apoio á conferencia de Xurxo Ayán e Rafael Rodríguez que deron conta do que deran de si as escavacións até ese momento. Outra demostración máis da vocación divulgadora da Décima Onda, pois non é nada habitual que se leven a charlas materiais para que a xente os vexa de preto e coñeza a súa orixe, a súa cronoloxía…

Hai que sacar as pezas das vitrinas dos museos onde perden gran parte da súa razón de ser, o seu contexto.

Coa charla do outro día, ao carón do xacemento, o visitante puido coñecer as estruturas, as interpretacións do xacemento e logo ver as pezas que saían. Consideramos isto moito máis didáctico que ir a un museo ver unha vitrina chea de sixillatas das que quizais non coñecemos nin o xacemento que indica a cartela onde foi extraído, e sobre todo que está rodeada doutras sixillatas, pois está na vitrina deste material e non rodeado doutros obxectos que saen ao seu carón. O feito de ver todas as pezas no seu contexto, fai que se entendan como parte dun todo, dando unha visión completa da cultura material dun momento dado.

Mentres a xente miraba as pezas pensamos o interesante que sería facer nun lugar como Lanzada un museo de sitio ou un centro de interpretación. Logo desbotamos esa idea, igual acontece como en Neixón e despois o centro de interpretación é causa da destrución do elemento que interpreta, facendo obras de ampliación para as que non hai cartos e que deixarán unha cicatriz en forma de impresentábel fochanca de cimentación quen sabe canto tempo.

Volvendo a Noalla, resulta abraiante, a resposta dos veciños e dos turistas coas Charlas Lanzadeiras. O outro día contouse máis de medio centenar de persoas. Ademais, como sinalamos noutras ocasións non son charlas de rancio academicismo, senón puntos de encontro no que se intercambia información. Emporio de datos.
Deste xeito o outro día tivemos unha interesante conversa cun xenro de don Hipólito, do que xa falamos no De Lorean, un dos precursores que escavou con Filgueira. Este home contounos como emigrou á Alsacia con dezaseis anos, e alí, moi novo entrou no Círculo Numismático de Alsacia, mantendo aínda vivo hoxe un fervoroso entusiasmo polas moedas que non podía disimular vendo as exhumadas no Campo da Lanzada.

Tamén coñecemos a don Cipriano, home dunha vital senectude que é historia viva da minería galega. Este home viviu a febre do wolframio de primeira man e relatounos interesantísimas anécdotas das que daremos debida conta unha vez as poñamos en orde. Polo de agora, só comentamos, a xeito de adianto unha rectificación, pois na entrega anterior relatamos como a primeira luz eléctrica chegou á zona para traballar na mina. Non foi así, xa o comentaremos máis polo miúdo, mais a empresa adxudicataria da explotación das minas supliu o Estado e dispuxo a infraestrutura para levar a luz a parroquia como moeda de cambio pola explotación. Deste xeito, levou a luz para os veciños, non para traballar a mina como afirmamos.

A Décima Onda sobe coa marea e achégase a Pontevedra. Para quen non puidera ir ás Charlas Lanzadeiras de Noalla, informamos que recuncarán no Café Moderno de Pontevedra, sede da Fundación Caixa Galicia. Esta nova edición das Charlas Lanzadeiras da Décima Onda, son posíbeis grazas ao entusiasmo de Martina González, verdadeira alma máter das tarefas de divulgación desta equipa, por suposto, tamén a Verónica Rego e Gloria Rodríguez da Fundación Caixa Galicia, e como non, a todos os conferenciantes que dun xeito totalmente altruísta se deixarán caer polo Café Moderno.

Darán comezo o vindeiro venres 3 de setembro, da man do director do proxecto Rafael Rodríguez, baixo o título “Introspeccións arqueolóxicas no Campo da Lanzada: Retrospectiva e Novidades”, ás 20:00. A partir de aí todos os venres, no mesmo lugar, á mesma hora, terán lugar as seguintes conferencias das que vos podedes ir informando no blog das escavacións e das que iremos dando conta nestas páxinas. Paga a pena ir, malia que só sexa por coñecer o edificio do Café Moderno, inzado de arte e de historia e que adoita acoller interesantes exposicións.

Noutra entrega falaremos deste emblemático edificio, todo un símbolo da Pontevedra cultural coas súas xuntanzas literarias, e como non, tamén arqueolóxicas.

Advertisements

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: