Saltar ao contido

Sobre as Case-Térides

by o 23 Agosto 2010

Nova entrega da Décima Onda por Xosé Gago no Galicia Hoxe:

Paula Ballesteros é investigadora do LaPa especializada en etnoarqueoloxía galega. Entre outros traballos foi coordinadora da gorentosa publicación editada por Toxosoutos, “Encontros etnográficos”, froito duns encontros celebrados no 2004, ano dedicado a Xaquín Lorenzo.

A relación desta investigadora do Morrazo con Ons vai máis aló do persoal xa que acaba de realizar, o verán pasado un estudo da illa que abrangue tanto o seu catálogo arqueolóxico no que documenta algúns elementos descoñecidos até o momento como a vertente etnográfica. Podemos dicir neste sentido que é unha sorte de herdeira do investigador Staffan Mörling, antropólogo sueco que acabou por casar en Ons, e do que por certo, hai un recomendábel vídeo no blog Capítulo Cero.

O xoves 12 deste mes,Paula ofreceu, na Casa das Canteiras de Noalla, unha interesante conferencia sobre os resultados deste traballo, que coma sempre está pendurada en vídeo no blog das escavacións.

As relacións de Ons e Noalla son abondosas e refírense tanto ao físico coma o mítico, é dicir, en liña recta, o punto máis preto de Ons ao continente é Noalla, de aí que moitos dos colonos que habitaran a illa fosen desta parroquia de Sanxenxo, malia que hoxe Ons, tras varios litixios pertenza a Bueu. Por outra banda, hai un lazo imaxinario que vincula Ons e Noalla: a Santa Compaña. Como comentaba Paula na súa conferencia, a mítica procesión de ánimas, cando tiña que visitar a illa, sempre partía do mesmo lugar do continente, de Noalla, e incluso, en verbas de Buenaventura Aparicio, segundo o punto de chegada fose o monte Centulo ou a praia de Melide, os habitantes de Ons, sabían con que intencións viña. Lástima que como acontece en toda Galiza, unha vez chegada a luz eléctrica, ou mellor, o alumeado público, a Santa Compaña, deixase de visitar a illa.

Á fin da charla agromaron as preguntas e comprobamos nese intre como ultimamente, nas charlas lanzadeiras emerxe sempre unha das cuestións máis míticas da nosa arqueografía: As Cassitérides.

O feito de tratar de localizar eses lugares míticos citados nas fontes clásicas: o Medulio, as Aras Sestianas, a Torre de Augusto,etc., foi algo característico da arqueoloxía romántica, mais que se filtrou até os nosos días. Recordo que un amigo me comentaba como un actual catedrático da USC, nunha serie de intervencións arqueolóxicas, o que facía era procurar disimuladamente a Torre de Augusto.

Hoxe, a ciencia oficial, faise outro tipo de preguntas, o que é normal, pois este tipo de debates, malia que evocadores,á espera de novos datos non nos conducen a nada xa que coa información da que dispoñemos, podemos chegar a elucubracións verosímiles máis non a teses reais.

Cecais non saberemos nunca se a Gallaecia e as Cassitérides foron o mesmo, pero a cuestión é que podemos facernos outras preguntas e non quedar en debates estériles. Sabemos que haber estano habíao, polo que as novas preguntas deberían ser do tipo: Dende cando comerciaban os nosos antergos con este mineral? Con quen? De que xeito? Que produtos obtiñan?…

De calquera xeito, é moi interesante, e debemos atender, aos que nos interesa a divulgación arqueolóxica, cales son o tipo de preguntas que se fai a xente sobre a Idade do Ferro en Galicia e cales son as súas concepcións, os seus operadores previos, para unha correcta divulgación. Neste sentido, encontros como as Charlas Lanzadeiras son unha ocasión moi aproveitábel.

Como non podemos certificar se Galiza son as Cassitérides ou non, imos dicir que son as- Case- Térides, é dicir,un lugar que resulta bastante probábel que nalgún momento os antigos identificasen coas míticas illas.

Do que si temos certeza é de que o noso territorio está inzado de estano, en forma mineral de casiterita. A casiterita, adoita aparecer asociado a outro mineral, a wolframita, da que se extrae outra materia prima,o wolfram, moi cobizado tamén por outros imperios, que viñeron, en tempos máis achegados a buscalo ao noso territorio, como é o caso do III Reich. Xa percorremos esta cuestión co noso De Lorean nunha das nosas primeiras entregas baixo o estudo de Xurxo Ayán e Leonardo González, centrado nomeadamente na zona de Lousame.

Mais a zona de Sanxenxo tamén é rica nestes dous minerais, polo que o outro día, a Décima Onda, fixo un traballo de campo tratando de botar algo de luz sobre a explotación do wolfram por mor da II Guerra Mundial nesta zona de Galiza. Resulta este, un episodio da nosa historia, que malia ser achegado no tempo, é pouco coñecido.

Para isto, foi fundamental a axuda da Asociación Cultural Andarela. Esta dinámica asociación de Sanxenxo, á que podedes coñecer en andarela.blogaliza.org, estivo case dende o comezo da escavación en contacto coa equipa achegando información da contorna. O outro día estiveron de visita no Campo da Lanzada, e despois levaron os técnicos a coñecer a Manolo do Seixo quen traballou na mina de wolfram de Aios, en Sanxenxo, antes de ir á emigración.

Xa no propio camiño á vella mina, a Décima Onda comprobou de primeira man a abundancia de wolfram na zona pois atopábanse anacos deste mineral tirados polo chan. Manolo contou numerosas anécdotas nas que xa nos mergullaremos noutras entregas.

Polo de agora, para facernos unha idea da importancia da mina na contorna, sinalar como a mina tivo unha relación directa no feito de que se deixase de ver a Santa Compaña nesta zona, posto que a primeira luz eléctrica que iluminou a parroquia foi precisamente a que se instalou para traballar na mina.

A Décima Onda segue a escavar e nós a percorrer as escavacións co De Lorean de bois, divulgando en tempo real o que acontece no xacemento. Xa informamos anteriormente da aparición dunha misteriosa estrutura que crebaba as cabezas dos arqueólogos. Sinalamos que as hipóteses ían encamiñadas en considerala un posíbel mausoleo ou un bastión militar. Pois ben, hai novidades. Polo de agora só diremos que finalmente semella que nin unha cousa nin outra. É o que ten divulgar en tempo real. Na próxima entrega máis.

Fotografía: anaco de casiterita recuperado nas minas de Aios no marco do proxecto A Lanzada 2010

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: