Saltar ao contido

Caniculario

by o 18 Agosto 2010

Henrique Alvarellos e mailo seu fillo visitaron e participaron na escavación d’A Lanzada. Velaquí as súas impresións verquidas no Galicia Hoxe:

LUNS, 9 Pedras, capítulo 1

Meu fillo Pablo (7 anos) quere ser arqueólogo. Dende hoxe. Sucede que estivemos, de mañá, “axudando” o persoal que anda a escavar no castro da Lanzada. Nun xeito novidoso e didáctico de dar a coñecer os seus traballos, este equipo de arqueólogos do CSIC permite que a xente de fóra interveña directamente na exploración, e así foi como descubrimos, en tempo real, historias e pedras e pezas de máis de dous mil anos. Ían aboiando ante o noso pasmo: cunchas, louza, ósos de animais… A parcela onde traballamos seica era unha especie de cociña da época castrexa. Fronte a nós, a torre viquinga; á esquerda, a abraiante praia de Foxos; á dereita, a praia da Nosa Señora e a enorme Lanzada de lendas e domingos. E, debaixo, un asentamento prerromano e romano, indíxena e conquistado, que lle vai abrindo a un parte dos seus segredos.

O fillo non quería marchar de alí. Empregou os apeiros dos profesionais e ía entusiasmado con cada achado. O cofre do tesouro. Xa de regreso, no coche, ía calado ollando o horizonte quedo e frío do Salnés. Nun deses intres onde só oiamos gaivotas e ondas, dime: “Papá, de maior quero ser arqueólogo”. Pois volveremos mañá, fillo, contesto. Non sexa, penso, que agrome hoxe un futuro posible nel. E estas cousas hai que apreixalas forte.

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/caniculario-vii/idEdicion-2010-08-17/idNoticia-580369/

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: