Saltar ao contido

A décima onda

by o 18 Agosto 2010

O xoves pasado foi un día potente na Lanzada. Por potente queremos dicir que no tempo no que tivemos o De Lorean aparcado á porta, recibíronse abondosas visitas, nomeadamente de xente do gremio e unha delas moi especial, a de Alfredo González Ruibal, quen posteriormente, sería o encargado da Charla Lanzadeira da semana pasada.

En sentido estrito, non é unha visita pois Alfredo forma parte desa corrente humana que é a Décima Onda e dende o comezo estivo vinculado a este proxecto do Campo da Lanzada.
Para os do De Lorean foi un verdadeiro privilexio poder infiltrarnos nas conversas a pé de castro a tres bandas entre Alfredo González, Rafael Rodríguez e Xurxo Ayán, interpretando in situ o xacemento, nomeadamente a nosa estrutura misteriosa mais realmente todo o conxunto e as relacións entre as estruturas.

Resulta abraiante a facilidade que ten algunha xente para interpretar xacementos complicados coma este nun golpe de vista mentres outros vemos terra e pedra e temos que racionalizar moitísimo para chegar á metade de conclusións e con axuda.

Mais tamén foi moi interesante a xuntanza para facer arqueoloxía dos arqueólogos. É curioso observar as razóns de por que a xente se dedica ao que se dedica. No caso da arqueoloxía, os motivos freudianos, poden ser o feito de ter preto da casa familiar un cine de barrio no que se pasou a infancia vendo cine peplum ou ter un tío que che fixera cando neno unha reconstrución caseira dunha cabana castrexa na leira.

Os tres arqueólogos citados, tres dos representantes da Décima Onda, da renovación xeracional do panorama arqueolóxico do país que sempre que poden traballan xuntos e cando non, se chaman, se consultan, son da mesma promoción de licenciados da USC, amigos da carreira, pero hai máis historia detrás.

Os tres son de Pontevedra, esa cidade tan ligada á arqueoloxía da que podemos dicir que é a sala de obstectricia da arqueoloxía galega. Xurxo e Rafa son amigos de sempre, compañeiros no mítico Sánchez Cantón, e a Alfredo coñéceno dende que coincidiu con Rafa como alumno colaborador do Museo de Pontevedra. Eran alumnos de instituto que pasaban o verán no Museo, facendo visitas aos grupos ou botando unha man no que fóra. Velaí onde agromou a conciencia divulgadora da Décima Onda.

Esa mesma conciencia divulgadora foi a que preñou a conferencia de Alfredo sobre a Lanzada como punto de comercio. Alfredo é un home capaz de facer unha conferencia para expertos arqueólogos en Roma en italiano e ao día seguinte unha charla como a do outro día en Noalla, dirixida a un público profano ao que hai que enganchar ao tema. Enganchar enganchounos, se houbese un aplausímetro deses que usan nos rancios programas de televisión, diría que foi das conferencias máis aplaudidas, eu diría tamén que das máis didácticas, pois cambiou as formas mais non o fondo, é dicir, deu case a mesma información que daría nunha charla erudita mais dun xeito totalmente engaiolante e visual, con continuas referencias pasado-presente.

A conferencia, está pendurada íntegra en vídeo no blog das escavacións, coma sempre. Alfredo repasou o carácter de emporio da Lanzada, dende as relacións comerciais cos púnicos até os romanos, sempre con argumentos e con fotos do que argumentaba, moitas veces recontrucións de pezas ou pezas análogas doutros xacementos mellor conservadas buscando dotar de iconas ao seu falar.

Mentres Alfredo explicaba o que é un emporio e por que a Lanzada era un emporio, a nosa mente, carretada polos nosos bois, reflexionaba sobre o curioso de que tan preto deste emporio da Historia Antiga existise agora un emporio posmoderno: Sanxenxo. Salvando as distancias, o modelo é moi diferente, os púnicos viñan buscando o noso estano, chegando seguramente a asentarse temporalmente configurando un barrio púnico, de tradición mediterránea. A Sanxenxo, a xente xa non vén buscar estano, Sanxenxo véndese a si mesmo, vende as súas praias, as súas terras mais tamén os nosos produtos, o marisco, o viño Rías Baixas… e sobre todo a unión das dúas cousas: Poder tomar un bruño acompañado dun bo Albariño fresco nunha terraza mirando o espectáculo dese Mar de Arousa case convertido en Atlántico. Iso é o que vendemos agora en troques do estano. E se o pensamos ben tamén se configurou un barrio para estadías estacionais de raizame mediterránea ( marbellización), dotada de exclusivas tendas de moda e outros comercios que dificilmente se atopan noutros puntos de Galicia. A sixillata da nosa época, o luxo.

Alfredo rematou explicando como coa chegada da Idade Media, o territorio cambiou e se Lanzada era un poboado aberto, de comercio, nesa nova era pechouse en si mesmo, fortificouse.

Tamén tivemos tempo esta semana para ir no De Lorean a outro xacemento que se pechou en si mesmo malia que en datas máis recentes: O Neixón, esa punta arousá onde tomou forma a Décima Onda. Malia o que diga a prensa o que vimos alí, na Romaría que tivo lugar o domingo pasado, foi o malestar dunha comunidade local polas obras de ampliación dun edificio que vive de costas a eles como é o Centro Arqueolóxico do Barbanza. É unha imaxe que dá carraxe, ver o campo da feira, amputado por un butrón dunha obra que vai estar parada moito tempo e para a que recordemos se cargaron un foxo do castro, incluso algún veciño insinuaba que tamén levaran por diante un cuncheiro. Para recordar a cantidade de información arqueolóxica que deu o cuncheiro do foxo escavado pola equipa de Xurxo Ayán, pódense consultar as dúas monografías sobre Os Castros de Neixón editadas por Toxosoutos. Mentres, ningún ano vimos os fentos tan altos, selváticos, mentres un cabalo pacía ao carón dunha das cabanas reconstruídas. O altar vexetal da romaría semellaba unha ofrenda a un castro morto.

Por razóns de espazo non falaremos da campaña arqueolóxica deste ano que a prensa vende como a continuidade do Campo de Traballo anterior, sendo realmente unha escavación con estudantes da USC voluntarios.

Mais, que acontece coa nosa misteriosa estrutura? Sen descartar nada, a hipótese dun uso militar semella gañar forza, a medida que os muros van quedando ao ar, sen que teñamos materiais asociados que poidan aclarar un pouco o enredo. Como idea, cómpre sinalar que tamén a función militar e relixiosa poderían camiñar da man se falamos dun mosteiro altomedieval fortificado, de cando cruz e espada, moi pouco diferían entre si.

http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=578872

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: