Skip to content

Don Hipólito

by o 9 Agosto 2010

Escribimos no Galicia Confidencial sobre Don Hipólito.

O arqueólogo Antonio de la Peña Santos rescatou do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra unha fotografia en branco e negro que se convertiu no icono das nosas escavacións arqueolóxicas no Campo da Lanzada (Noalla, Sanxenxo, Pontevedra) deste verán. A imaxe non conserva ningún dato sobre a súa autoría, malia que sospeitamos que foi obra do mítico fotográfo Olimpio, falecido recentemente. Na fotografia vense os muros dunha casa máis ou menos rectangular exhumada nas escavacións dos anos 50 dirixidas por Filgueira Valverde e Blanco Freijeiro. Ao fondo identíficase o Outeiriño das Lapas ou Oteiriño do Médico, un illote que tamén agocha restos doutros tempos. Ao carón da casa, aparece na fotografia un carro de vacas no que guindan terra e cachote dous rapaces novos. No diario de escavacións de Blanco Freijeiro consérvase unha referencia aos medios mecánicos utilizados nesta intervención arqueolóxica: “Sábado 15 de septiembre de 1951: La labor de este día, interrumpida a ratos por la lluvia, consiste en tirar por el vertedero de gran cantidad de tierras extraídas del interior del recinto F. Utilizamos, además de las carretillas, un carro de bueyes”.

Cando puxemos esta fotografía por vez primeira nunha conferencia na casa das Canteiras de Noalla diante dos comuneiros da Lanzada un señor ergueuse de entre o público respectuoso e sinalou que non eran bois, que eran vacas. Este pequeno detalle resume a diferenza entre a cultura urbanita dun erudito nos anos 50 e a vida cotiá da comunidade labrega de postguerra. Probablemente o catedrático non vira ata daquela unha vaca en vivo e en directo.

Nesas antigas escavacións no Campo da Lanzada traballaron como peóns rapaces da parroquia nunha época na que Noalla era un lugar rural e mariñeiro no medio da paisaxe tradicional do Salnés. Os nenos e nenas ían a este monte do común coa avenza e alí xogaban procurando os tesouros dos mouros. Un deses nenos dos anos 50 pasou o outro día pola escavación. Chámase José Novas e falounos dos compañeiros que traballaran para o señor Filgueira, os Serafins, Elpidio… e identificou na fotografia antedita ao rapaz que aparece cun pucho no carro de vacas: “este é Hipólito” dixo, xa o avisarei. Dito e feito. Aos poucos días veu Don Hipólito ás escavacións e efectivamente se recoñeceu na famosa fotografia. Tiña 19 anos e esa escavación foi o último que fixo antes de marchar á emigración. Inda segue preguntando se esas casas eran a residencia dos criados que traballaban para os donos do castelo da Lanzada. Don Hipólito forma parte desa masa anónima do pobo que nunca aparece nas publicacións científicas da época. Nos agradecementos dos directores da escavación aparece o crego, a Garda Civil, o xerente do Hotel La Toja, marqueses e fidalgos, pero nunca esa xente do común, invisible para a clasista percepción da hiperconservadora Arqueoloxía galega e española dos anos 50. Rescatar a súa memoria colectiva, a súa voz é unha das tarefas apremiantes que nos propoñemos no noso proxecto, un proxecto desde abaixo.

A este respecto, Don Hipólito resume cincuenta anos da historia de Galicia. Emigrou primeiramente a Brasil na década de 1950, onde o colleu unha crise tremenda que lle fixo voltar cunha man diante e outra detrás. Casou en Noalla e voltou marchar a Francia, concretamente a Alsacia onde traballou na construción e chegou  a ter “homes ao seu cargo” como nos dixo fachendoso. A nosa conversa interrumpiuse coa chegada dunha parella de turistas belgas aos que Hipólito explicou en perfecto francés o que estabamos a facer alí. “De cando en vez me gusta falar francés para non esquencelo, foi importante na miña vida”. Un accidente de traballo case lle custa a vida alá. Voltou a Noalla en 1982 e cos cartiños da emigración montou un pequeno hotel para a temporada estival. O adolescente que ía ao monte da Lanzada coas vacas nos anos 50 beneficiouse á larga do boom turístico e urbanístico desta área, un proceso acelerado nos anos 70. Mesmo Adolfo Suarez veraneara durante a transición democrática na torre Atlántida.

Don Hipólito recorda a mágoa que lle deu ver o xacemento arqueolóxico da Lanzada todo abandonado cando el tanto traballara para que se viran as casas dos mouros e dos romanos. Seica vai celebrar as vodas de ouro no outono xunto con outros parroquianos, seguindo unha vella tradición noallesa. Para a voda quere convidar un curmán que leva décadas na Arxentina. O seu fillo vaille pasar a ordenador unha carta manuscrita sobre unha papeleta electoral, que Hipólito nos ensina con orgullo, como a última oportunidade de ver a toda esa familia xunta, esparexida por varios continentes. Cos ollos enchoupados, ollando cara ao mar bravo da Lanzada, Don Hipólito asegúranos que o banquete finalizará cunha visita obrigada ás escavacións arqueolóxicas no Campo da Lanzada, “un sitio onde fun feliz, de novo”. O seu testemuño aparecerá, sesenta anos despois, na publicación da memoria de escavación do campo da Lanzada.

Advertisements

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: