Cachote con cachote
Xosé Gago no Galicia Hoxe divulga o avance das escavacións no Campo d’A Lanzada.
Na nosa xeira anterior comento os emotivos primeiros contactos entre os membros das primeiras escavacións de Filgueira Valverde no Campo da Lanzada e máis a actual equipa de escavación, todo posíbel grazas á arqueoloxía social da Décima Onda.
Rematabamos o artigo anticipando que aparecera un elemento que podía resultar revolucionario e recomendabamos, para abrir boca, a entrada que Manuel Gago fixera no seu blog Capítulo Cero sobre esta curiosa estrutura.
Como xa comentamos nalgunha outra ocasión, Manuel Gago forma parte desta multidisciplinar equipa que é a Décima Onda. Neste senso, o outro día ofreceu na Casa das Canteiras de Noalla, unha interesante e concorrida conferencia, baseada nunha aventura cultural que foi tomando forma de investigación histórica: A República dos Homes Libres.
Manuel leva bastante tempo publicando esta investigación, a xeito de serie, no seu blog, no tempo que lle deixa o Consello da Cultura Galega, as clases que imparte na Facultade de Xornalismo ou as catanzas e xantanzas varias nas que participa. Até atopou tempo para poñerlle banda sonora.
Para quen non a coñeza recomendamos a pausada lectura desta engaiolante serie que trata de poñer algo de luz sobre un apartado esquivo da nosa Historia: a Alta Idade Media. Asumimos o risco de que para quen entre en Capítulo Cero, as aventuras dominicais do De Lorean de Bois, pasen a parecerlle de segunda.
Como explica o propio Manuel , a Alta Idade Media, atópase a medio camiño entre os caixóns estancos do Coñecemento propios do mundo académico, tanto temporais como metodolóxicos. Dacabalo entre o Imperio Romano e a Idade Media clásica. Entre a Historia e a Arqueoloxía, de aí a súa condena ao barbeito.
Mais o que chegou a nós, tanto a nivel documental como arqueolóxico, bastan a Manuel para elaborar sagaces hipóteses a xeito de relato histórico do máis suxerente e evocador.
Os alicerces do discurso da República dos Homes Libres está feito con cachote. Co cachote que inzan os cumios dos nosos montes moitas veces baixo un topónimo de castelo. Castelos que algún día foron habitados para ir caendo pouco a pouco, literalmente e máis no esquecemento. Manuel comezou a percorrer os montes e a ler documentos na procurade respostas.
Non tardou en establecer patróns, posíbeis cronoloxías ou interpretacións de quen os puido construír e con que fin. Deste xeito foi artellando un discurso protagonizado polos esquecidos da nosa historiografía: suevos, vikingos, musulmáns e por suposto, o pobo, as masas de campesiños que moitas veces semellan non pintar moito nas historias da Historia.
Montamos todo isto no De Lorean xa que pode ter moito que ver co que nos ocupa, coa misteriosa estrutura da Lanzada.
Antes e comezar a falar sobre ela recomendamos a quen nos lea que bote un ollo á foto que ilustra o artigo e se pregunte que raios pode ser isto tendo en cota que existen nun xacemento no que aparecen restos prerromanos e romanos mais que sabemos ten unha ocupación máis dilatada no tempo.
Trátase de especular, de lanzar hipóteses xa que iso é precisamente o que imos facer. Como se ve na foto,a estrutura está a medio escavar. A lei de Murphy que rexe a disciplina arqueolóxica fixo que a estrutura saíse no extremo da parcela delimitada para escavar polo que houbo que facer unha rápida ampliación e agora loitar contrarreloxo a ver se dá tempo a quitarlle a terra e poder ter a cousa un pouco máis clara.
Mentres, os membro a Décima Onda, interpretan en base ao que teñen, especulan, deducen. É algo pouco habitual na arqueoloxía galega que cando aparece algo fóra do común non impere unha lei do silencio absoluto até que os escavadores saiban de que se trata. Incluso non é estraño que nunca máis se saiba nada, é dicir que as cousas máis interesantes e chamadas a ser revolucionarias nunca saian á luz, como ocorreu por exemplo coas inquedantes gabias do Castro Bendoiro de Lalín. Por iso debemos agradecerlle á equipa e á súa vontade divulgadora que nos permita falar da estrutura, e mesmo do que pensa que pode ser antes de telo claro eles mesmos.
Unhas curiosas anotacións de Filgueira Valverde tiñan intrigados aos arqueólogos da Lanzada xa que falaban dunha torre de tipo bretón única na península Ibérica. Semella que o egrexio arqueólogo pontevedrés topou parcialmente con esta estrutura e foi a interpretación que lle deu. Xurxo Ayán tamén pensa que a cousa tamén pode ir nesa dirección e sinala que podería ser un bastión ou torre altomedieval ou tardorromana, anterior á coñecida fortaleza da que aínda quedan restos. De feito podería ser o xermolo do Campo da Lanzada como lugar de defensa.
O certo é que ese muro pechado por outro muro, ben podería apuntar a un uso militar do edificio, mais para Rafael Rodríguez o uso sería outro.
Como xa apuntamos nalgunha ocasión, Rafa, coñece polo miúdo as pezas atopadas nas anteriores escavacións e chamábanlle a atención dous fragmentos de sixillata, vaixela de luxo romana, que polo seu tipo responden a un uso ritual, relixioso.
E é precisamente un uso relixioso o que propón para o edificio, sen saber aínda se os anacos de sixillata estarían relacionados con el. Sinala asemade a similitude en planta con mausoleos tardorromanos, cristiáns, en todo o orbe romano, dende o de El Casón, en Jumilla até outros de Centroeuropa.
Para Rafa sería pois, e á espera de ser desenterrado, o primeiro mausoleo destas características atopado no noso territorio e podería ser o que dera orixe ao posterior uso como necrópole da Lanzada.
Polo de agora, como dicimos non hai certezas mais é certo que a estrutura non semella ter un uso habitacional nin de almacén nin de obradoiro de ningún tipo, polo que pensar nun uso militar ou relixioso non resulta inapropiado. En calquera caso, sexa o que sexa, vainos dar moita información sobre as lagoas que temos da nosa Historia.
En vindeiras entregas da nosa serie seguiremos falando desta curiosa estrutura, das novas interpretacións que vaian agromando, a medida que a Décima Onda erosione a terra que a cobre.
Tanto Manuel Gago coa súa República dos Homes Libres como Rafa e Xurxo coas súas hipóteses sobre a estrutura misteriosa están a facer algo que é preciso para que a ciencia histórica se mova: ter a mente aberta. Están a facer arqueoloxía, xuntar cachote con cachote e deixarse levar polo baile.
http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=576899
Os comentarios están pechados.