Skip to content

O espello do tempo

by o 2 Agosto 2010

Nova entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe.

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=574314

Agosto. Todas as Rías Baixas están “conquistadas” por hordas, en moitos casos familias, chegadas dende tódolos lugares do planeta. Todas? Non. Nun pequeno promontorio que se mete no mar, aló onde está a area que cingue o Grove ao continente un pequeno poboado resiste cuns curiosos habitantes. Trátase do campo da Lanzada, habitada este verán por unha raza subhumana de escavadores. Esta especie desenvolveu poutas de toupa xa que dedican o día a fozar na terra na procura de tesouros e dos seus antergos, que na noite dos tempos eran os donos da terra. Trátase dos integrantes da Décima Onda, que baixo o discurso de que están aí para facer arqueoloxía social agochan a súa intención de acumular tesouros. O máis importante é que tamén teñen rabos, algún deles enormes, xa que son descendentes directos dos “rabudos”, raza que no imaxinario popular de Noalla, ocupou a zona antes da chegada dos celtas, segundo nos informou José Novás

Prendemos o ventilador e deixamos os delirios estivais. A arqueoloxía social da Décima Onda dá froitos. Cada vez é maior a cantidade de xente que se achega a ver as escavacións, nomeadamente o xoves pola tarde. O xoves é cando, dun xeito case inconsciente, os nosos bois conducen o De Lorean até Lanzada. O último xoves foi un espectáculo, no tempo no que detivemos o De Lorean, moreas e moreas de xente achegábase a preguntar, a informar, a falar. Familias americanas ou galegas, nenos ou anciáns, eruditos ou profanos. Todos son benvidos.

Como indicamos, uns preguntan, outros informan ou dan a súa visión do xacemento e algúns fan todo iso e máis. Xa houbo unhas cantas visitas moi especiais. Emotivas. Xa visitara o xacemento xente que recordaba as setenteiras escavacións de Fariña e incluso as xa míticas de Filgueira Valverde dos anos cincuenta, mais o outro día abriuse a caixa das esencias.

Chegou un home, debía picar os setenta malia non aparentalos. Pelo cano e pel curtida polo bruar do mar da Lanzada. Paso decidido. Como a tódalas visitas amósanlle un álbum coas fotografías das escavacións antigas. Polas enrugas da faciana endurecida deste home escorregan disimuladas bágoas. El non se dá conta, ou non quere. Empeza a falar:

–Eu son José Novás. Eu escavei con Filgueira Valverde.–Fai unha pausa (dramática)– Eu era moi novo, viña de cando en vez a botar unha man– seguiu, máis case sen darse conta, cos ollos entornados.

De súpeto, os recordos comezan a agromar dos seus beizos– Neste sitio saían esqueletes– Dicía apuntando co dedo– Ese muro xa o sacaramos nós- Continuaba indicando coa mirada outro punto.

O día da visita de José Novás foi un día especial para toda a Décima Onda. Cando o factor emoción entra no que fas, sénteste útil, que o teu labor serve para algo.

Antes de marchar mirou todas as fotos e recoñeceu a Hipólito,a Serafín ou a Elpidio. Só quedaba Hipólito. A Décima Onda xa escoitara falar de Hipólito mais non puidera contactar. Este home, maior que Novás tiña moito que achegar á escavación actual. A riqueza das vivencias. Agora temos as fotos daquelas escavacións, as notas, mais este home, Hipólito, tiña algo máis importante. As sensacións. As historias. As anécdotas. Mandaron recado por medio de José Novás de que a Décima Onda estaría encantado de recibilo.

De aí a uns días chegou o xoves e como cada xoves tódolos comuneiros e veciños de Noalla, e en xeral calquera curioso que se queira achegar até a Casa das Canteiras estaban convocados para unha nova charla Lanzadeira.

Desta volta, os compañeiros Elías López, arqueólogo, e Manuela Costa, xeóloga, falaron sobre as relacións entre o Patrimonio Natural e o Patrimonio Cultural. Na charla, Manuela explicou de esguello os procesos xeomorfolóxicos máis comúns da costa galega, tratando de concienciar, como leit motiv da charla, da fraxilidade das paisaxes costeiras, nomeadamente as dunas e a especial atención que debemos poñer na súa salvagarda. Pola súa banda, Elías comentou certos usos culturais practicados sobre esas paisaxes naturais, principalmente ligados á pesca. A charla, que coma sempre está dispoñíbel en alanzada.wordpress.com, malia que a priori puidese parecer árida, non erosionou a paciencia dos asistentes, de feito tivo un desenlace totalmente “made in Galiza” cheo de retranca e de ancestral rivalidade veciñal.

–Vós que sabedes destas cousas…–preguntaron entre as bancadas dos asistentes– O areal que une ao Grove, como se formou? Do Grove para Sanxenxo ou de Sanxenxo para o Grove?

No fondo da pregunta había un conflito sobre a propiedade municipal deste anaco de terra que se resolvera xudicialmente nos sesenta a favor do Grove, malia que como vemos, para descontento dos de Sanxenxo. A lóxica é aplastante, se demostramos cientificamente que a orixe da lingua foi en dirección Sanxenxo- O Grove, estaremos lexitimados para reivindicala. Manuela deu unha lección de saber facer e de man esquerda:

–Habería que estudalo mellor, mais podería ser que empezase nos dous lados e se xuntara no medio. Co permiso dos nosos conferenciantes, a atención de moita xente estaba posta en Hipólito, ese escavador supervivente doutro xeito de facer arqueoloxía que por fin se achegara a coñecer os seus sucesores e pasaba inadvertido entre as cadeiras da sala de baile da Casa das Canteiras. Como tratándose de Pucho Boedo nunha actuación tardía, xerou expectación e aínda que falou pouco ao final da charla, deu ao seu público o que agardaba. Emoción.

Prometeu facer unha visita pola escavación cando puidese, ocasión que aproveitará Xurxo Ayán para facerlle unha entrevista da que daremos debida conta nas nosas páxinas. Do pouco que dixo o outro día destacamos unha frase:

–Eu volvín a Noalla despois de moito tempo na emigración– comentou ao tempo que se emocionaba– e fun ver o Campo da Lanzada. Moito traballaramos aló, e cando volvín estaba cuberto de terra, herba e lixo. Entón pensei “para que serviu tanto traballiño despois de todo?”– Toda unha reflexión nihilista. E razón non lle falta.

Ir os xoves á Lanzada, para os do De Lorean ultimamente é emocionarnos porque recoñecemos que ver en primeira persoa que hai outro xeito de facer arqueoloxía, que non queda no papel senón que se fai, que a xente agradece o esforzo e sobre todo que cada vez haxa menos cadeiras baleiras nesa sala de baile reconvertida en sala de conferencias, emociónanos.

Mais non é a concorrencia das charlas o único que vai en aumento, tamén o Barco de Colegas ao que se unen espontáneos voluntarios e ao que vén de subirse Iria Fernández Blancafort, arqueóloga galega formada na Pompeu Fabra que xa formara parte da equipa de Neixón. De feito realizou unha tesiña sobre os banquetes en neste xacemento barbanzón Rematamos esta entrega que quixemos dedicar ao factor humano, ás persoas, recordando que o que fai especial este xacemento non só é a xente, tamén os achádegos, os materiais e na nosa seguinte xeira recapitularemos sobre o que se ten achado neste macroxacemento, neste parque de atraccións da Historia Galega.

Para abrir boca, diremos que hai cousas ben curiosas e especialmente unha moi misteriosa, que aínda está sendo escavada mais que pode ser revolucionaria. En serio, estade ao tanto. Quen queira ir mirando algo, que visite Capítulo Cero, o blog de Manuel Gago e que mire a maxistral entrada que publicou verbo deste achado digno dun guión de Lost.

Fotografía de Xurxo Ayán:  Don Hipólito recoñécese na fotografía do Museo de Pontevedra das escavacións dos anos 50.

Advertisements

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: