Saltar ao contido

República de homes libres

by o 24 Xullo 2010

Fotografía de Soledad Felloza: un señor de Noalla identificando xente coñecida nas fotos do equipo de escavación na Lanzada dos anos 70 durante a charla de A. de la Peña.

Nesta última charla lanzadeira Antonio de la Peña Santos brindounos unha panorámica sobre as relacións do Museo de Pontevedra coa área arqueolóxica d’A Lanzada ao longo do século XX. Como sempre, o debate posterior coa xente de Noalla foi do máis interesante.

A este respecto, remítovos ao blog Capítulo 0 onde o membro do noso proxecto Manuel Gago (coa inestimable colaboración de Soledad Felloza) verqueu a súa visión sobre a súa visita ao xacemento e a esta charla lanzadeira. Manuel conta cunha moleskine dixital do pasado-presente na que transmite como ninguén a súa relación co Patrimonio arqueolóxico deste país. Precisamente Manuel Gago, deseñador tamén do presente blog, será o encargado de impartir a seguinte charla lanzadeira o vindeiro xoves ás 20:30 na casa das Canteiras. Falaranos de fortalezas e atalaias entre a Baixa Romanidade e a Alta Idade Media, dun período convulso no que el sitúa unha realidade entre o mito, a realidade e a literatura: as repúblicas de homes libres. Iso é o que pretendemos que sexa a escavación d’A Lanzada: unha república de homes e mulleres libres.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: