O tobo d’A Esmorga
O mellor deste proxecto noso é a comunidade local. Cando iniciamos a nosa andaina atopamos na Rede unha páxina web alcumada www.noalla.com realmente interesante. Resulta que era unha vertente lúdica e divulgativa do traballo desenvolto pola asociación xuvenil A Esmorga, un grupo de rapaces e rapazas entusiastas e festeiros preocupados pola historia e o Patrimonio Cultural de Noalla. Para eles organizamos unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas a semana pasada e este mércores tivemos o privilexio de dar unha charla sobre o proxecto no seu confortable e acolledor local social. Grazas á súa hospitalidade foi como estar en casa, nun ambiente distendido no que aprendemos moito sobre Noalla e a súa xente. Estes esmorgantes montan o seu tobo na Romaría d’A Lanzada; asegurámosvos que é un bo sitio onde parar durante a festa. Esta colaboración entre a Brigada nº 6 e A Esmorga vai dar moito que falar durante o verán. Xa o veredes.
Os comentarios están pechados.