Saltar ao contido

Devolvemos carteira

by o 22 Xullo 2010

Durante os traballos de reescavación da área intervida atopamos unha morea de obxectos e refugallos contemporáneos. De entre todos eles queriamos centrarnos no caso dunha carteira, un magnífico exemplo de como interpretamos en Arqueoloxía. O noso compañeiro Juan da Brigada nº 6 topou cunha carteira a bastante profundidade. Deseguida comezamos a analisar o material. Tipoloxicamente podería tratarse da carteira dunha muller. A cultura material denota e connota xénero.  Nos tempos que corren portar unha foto da túa filla é cousa de homes e mulleres, polo que non é un indicio válido. Sen embargo, aínda hai carteiras de home e de muller. Tras solventar esta cuestión tipolóxica, encetamos o problema da cronoloxía. Dentro aínda se conservaban dous calendarios de peto dunha perruquería de Barrantes dos anos 2003 , 2004 e 2005 e un conversor de pesetas a euros. Este indicador cronolóxico é o que en Arqueoloxía se chama terminus post quem, é dicir, a carteira seguro foi roubada entre 2004 e 2005.  En terceiro lugar quedaría indagar no contexto de deposición da carteira. Ningunha mai do mundo nos seus cabais guindaría a un verquedoiro de lixo unha foto da súa filla. Pouco máis nos pode aportar a Arqueoloxía. A nosa hipótese debía ser contrastada botando man da Historia oral. Efectivamente, hoxe sabemos que esta carteira foille roubada en 2005 a unha señora na feira de Portonovo. O ladrón colleu os cartos e guindou a carteira á lixeira do Campo d’A Lanzada. Somos o CSIC pero ben poderiamos ser CSI A Lanzada.

From → Obxectos, Videolog

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: