Un día completo
Cada día n’A Lanzada a escavación recórdanos a razón pola cal decidimos ser arqueólogos unha vez. Traballar en equipo nun sitio marabilloso, os achádegos, a xente que se achega… converten a intervención no gran circo do mundo. Hoxe pola mañá veu Yolanda Porto a debuxar o tramo dun muro tardío que imos desmantelar para seguir profundizando na metahistoria d’A Lanzada. Cómpre non esquencer que unha escavación é unha destrución controlada. Estes muros que retiramos son rexistrados coa estación topográfica e debuxados a man para despois seren dixitalizados.
Mentres tanto, o programa aberto por obras comeza a facerse realidade. O codirector da escavación Roberto Aboal leva a cabo unha visita guiada atendendo un grupo de turistas que veranea en Sanxenxo. A xente que nos visita fica abraiada perante a posibilidade de apalpar os materiais arqueolóxicos, de ver unha escavación arqueolóxica in situ. Todo isto contribúe a mudar certas percepcións sociais despectivas e negativas da Arqueoloxía de hoxendía.
O equipo d’A Lanzada conta con técnicos en campo e un amplo conxunto de investigadores que serán os encargados de levar a cabo estudos monográficos sobre diferentes aspectos do rexistro arqueolóxico exhumado na intervención. Unha destas investigadoras é María Isabel Vila Franco, experta en numismática romana. A súa visita fornece unha primeira valoración sobre o conxunto numismático que imos documentando, dende moedas de Tiberio, pasando por Vespasiano, Constantino e emperadores cristiáns de curta duración do século V d. C.
Ao longo da mañá, Rosa e Elena van limpando os restos dunha cabana castrexa que todavía conserva o seu pavimento de terra batida e a súa lareira, cortada por un muro de época romana pertencente á posible vila emprazada na área S da nosa escavación arqueolóxica. Comezamos a ter minimamente clara a secuencia de ocupación do xacemento.
Rematamos a mañá retirando as pedras do muro tardío entre as que se atopa un muíño circular. O canteiro José María emprega toda a súa pericia co picachón para extraer esta peza tan cobizada e tan temida nos museos arqueolóxicos deste país. Velaquí temos a José María ollando satisfeito a súa obra.
Os comentarios están pechados.