Saltar ao contido

A Décima Onda: Dando voltas á ermida da Lanzada

by o 19 Xullo 2010

Velaquí a nova entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe, unha reflexión a raíz da magnífica charla lanzadeira de Buenaventura Aparicio Casado

http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=569575

A ermida da Lanzada é un deses lugares máxicos, inzada de ritos e costumes moi ben coñecidos polo doutor en Historia Buenaventura Aparicio. O baño das nove ondas, o costume de voltear a tella, de varrer a capela ou dar voltas ao redor da ermida ou as excursións da Santa Compaña entre Noalla e Ons, foron os temas que vertebraron a súa conferencia do xoves pasado, día oito, no local dos comuneiros de Noalla e que deu lugar a unha interesante conversa cos
veciños.

Este “axis mundi”, que diría Iker Jiménez, que é a Lanzada, onde se separan, ou mellor, se xuntan a vida do Mar e da Terra, é visitado tódolos veráns por milleiros de turistas que se achegan en autobús, nunha etapa máis das súas precipitadas xeiras pola nosa terra. As visitas detéñense na capela e nos restos da fortaleza medieval, malia que cedo tamén o xacemento que se está a escavar entrará no repertorio de paradas destas viaxes “pret-a-porter”.

Se illamos a ermida do seu contorno, non entenderiamos que congregue tantos visitantes ansiosos de fotos (as paradas que fan e para o que dá tempo, tirar unha foto, se cadra dúas). É unha capela románica moi sobria, con moito encanto, mais sen alardes artísticos. Non ten grandes bóvedas, nin capiteis figurados, nin canzorros destacábeis, nin tímpanos esculpidos, nin sequera unha vistosa cabeceira. Non é só a capela non, se esta xente vén de visita a un país inzado de xoias románicas e para, ou a paran, nesta capela que de destacar por algo faino pola súa sinxeleza e por algo máis, polo contorno. Pola maxia. Polo encanto.

Se incluso nestas viaxes requecidas en microondas a Lanzada chama a atención, se o seu cheiro a mar acabado de romper faise perfume nos narices destes Phileas Fogg da Posmodernidade, que non pasará cando un fai as cousas con calma, cando escava un pouco na realidade que ve, cando degusta o gorentoso sabor da herba do camiño como fan os nosos bois.

Sen dúbida, a Lanzada é máxica. Isto sábeo ben o noso compañeiro Buenaventura, mais non pola maxia déixase levar pola imaxinación. Todo o contrario. Quen visite o blog alanzada.wordpress para visualizar o vídeo verá como a maxistral conferencia deste antropólogo susténtase na razón, na analoxía, no verosímil; con certa dose de poesía? Si, pero é que neste tema é imposíbel deixala atrás, como acontece nesa fermosa imaxe dun Mar masculino que se achega con constante movemento de vaivén á súa femia Area xerando na súa unión escuma é que fala co seu ronco bruar no ouvido das furnas das rochas.Esta imaxe vén reforzar o simbolismo do Baño das Nove Ondas e digo reforzar porque é alucinante como eruditos como Filgueira Valverde non lle daban á xente nin o beneficio da dúbida. Cando falaban deste rito de fecundidade interpretaban que esta xentiña (pobre) pensaba que así ían preñar, que non sabían o segredo da vida. Evidentemente o do macho simbólico era un reforzo, mais o macho real tiña que facer o seu.

De feito, soubemos por Buenaventura, que o rito está máis ligado ao nove, xa que á parte de ser nove as ondas do baño, son nove os días que hai que tomalo. A xente achegábase dende toda Galiza e durmía onde podía eses nove días, se cadra en alpendres como o que vemos na foto antiga da ermida. Nove días na Lanzada coa parella, sen stress, descansando. Realmente si, pobriños, eran ignorantes. Sobre todo tendo en conta que os actuais especialistas, o primeiro que lles recomendan ás parellas que queren concibir é descanso, botar o stress para fóra.

Se Filgueira Valverde falaba neses termos e tiña nesa consideración cos galegos, non quero pensar como falarán dende os seus púlpitos móbeis eses telepredicadores do turismo que son os guías, amantes do chiste doado, se é verde mellor e cunha formación que normalmente deixa bastante que desexar. Non quero aquí criticar o colectivo dos guías turísticos, ese colectivo que se agrupa en loxias nas que non prima o coñecemento das cousas senón da xente, da xente que xa está dentro das loxias. O que quero criticar son os criterios da Xunta para dar os títulos de Guía Oficial de Turismo que se cadra noutra xeira analizaremos con máis detalle xa que queda pouco espazo, é dicir, que estamos a divagar e xa nos chaman para subir ao autobús.

Só queda tempo para apuntar algo que se dixo varias veces nas Conversas Lanzadeiras. Hai que recuperar o Baño das Nove Ondas, promocionalo, publicitalo. Ademais o di Buenaventura, un experto en promocionar cultura e que este ano sorprendeu coa organización dunha “Festa de Exaltación da Arte Rupestre” en Pontecaldelas, por desgraza, foi onte, quen queira ir, terá que agardar un ano, mais hai que estar a atentos xa que chama a ir crecendo ano a ano.

Apoiamos pois dende o De Lorean unha recuperación Posmoderna do Baño das Nove Ondas. Cadaquén farao por distintos motivos, porque lle faga graza, porque crea nel ou por pasar un bo anaco. Eu recoméndoo, sobre todo, porque “Mal non fai, e ben… nunca se sabe”.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: