Saltar ao contido

A Décima Onda: O barco de colegas

by o 14 Xullo 2010

Nova entrega da Décima Onda de Xosé Gago no Galicia Hoxe.

Mentres o Sol continúa a lucir e moitos dos galegos e turistas que gozan de vacacións van aos diferentes areais da nosa costa a torrarse a rentes do mar, con ese característico medo galego de que ao día seguinte o ceo volva cubrirse, preto da praia máis visitada do noso litoral, a Lanzada, a equipa arqueolóxica continúa a traballar.

No medio desta onda de calor, a nosa, a Décima Onda, continúa pois a facer fochancas ansiosamente como se as estivesen a facer para buscar refresco, para fregarse logo coa terra húmida que agroma baixo o acompasado ritmo dos sacos.

Continúa pois a escavación, mais tamén continúan outras fases do proxecto, nomeadamente a tarefa divulgadora, pois, como dixemos na primera entrega da serie, isto é arqueoloxía social, por máis que che veña xente desinformada e que fala de oídas dicindo que a Décima Onda non fai arqueoloxía social. Non é preciso falar por referencias, calquera pode achegarse ao Campo da Lanzada a ver, a preguntar, ou a ser escoitado non hai segredos, non hai excluídos.

No sentido da divulgación, comezaron xa as ‘Charlas Lanzadeiras’, a cargo de diversos membros da equipa. As charlas teñen por obxecto enfocar o xacemento dende diferentes prismas científicos, dende diversos puntos de vista para achegalo, sobre todo, á xente de Noalla malia que, como dicimos, ninguén está excluído. Para quen queira achegarse, as charlas terán lugar todos os xoves ás 20:30 na Casa das Canteiras de Noalla, “fogar” dos comuneiros, unha verdadera marabilla de edificio que conta cunha terraza que ofrece unha panorámica de ficar mirando calado tomando unha cervexa. Asemade, conta cunha espléndida sala de baile, moi Baile Fin de Curso de peli americana que se reconverte en improvisada sala de conferencias.

O pasado xoves día 1, tivo lugar a primera das charlas, abrindo o mes, como non podía ser doutro xeito, a cargo de Rafael Rodríguez e cando esta xeira saia publicada xa se produciría a segunda a cargo de Buenaventura Aparicio Casado sobre os ritos da Lanzada.

Non imos detallar a charla de Rafa xa que está colgada íntegra en vídeo no blog do xacemento, alanzada.wordpress só sinalar que falou das precedentes escavacións e do que agardan atopar na campaña deste ano, promovida pola Deputación de Pontevedra.

O que máis nos gustou da charla foi o seu final xa que vén amosar que a arqueoloxía social non é un xogo dunha dirección senón de dúas ou máis polo que o nome do ciclo debía ser máis ben ‘Conversas Lanzadeiras’. Ao rematar Rafa, un veciño de Noalla, José do Rey, que recordaba con nitidez as escavacións de Alfredo García Alén fixo notar o seu agradecemento por unha charla que “levaba esperando trinta e cinco anos”, e comentou como os anteriores escavadores non se preocupaban de que a xente soubese o que se estaba a descubrir, simplemente chegaban, escavaban e levaban as pezas para o Museo e punto. Incluso relatou como os veciños de Noalla puxeran en entredito a erudición de Gracía Alén diante de Filgueira Valverde cun curioso episodio sobre a restauración da bóveda da ermida que como outras intervencións levadas a cabo polos propios veciños na contorna do Campo da Lanzada ficaron cunha clara intención de mellorar as cousas mais sen tocar “os restos antigos”.

Na conversa aberta tras a charla quedou patente a percepción dos restos arqueolóxicos da Lanzada por parte dos veciños como “un tesouro” para conservar, cousa que moitas veces as propias institucións que deben velar pola súa conservación non teñen tan presente, non hai máis que mirar a deterioración de moitas xoias arqueolóxicas que cambalean por todo o país.

A Décima Onda significa, logo, arqueoloxía social, mais tamén arqueoloxía integradora. Semella que a iniciativa de Bea Comendador no seu blog ” A pedra do encanto” de acender os fachos medievais dende Lanzada á Rocha Forte, á que nos sumamos na nosa xeira anterior, como sistemas de comunicación entre arqueólogos, moitas veces máis pendentes dos seus egos que doutra cousa, vai dando os seus resultados. A Décima Onda conseguiu aglutinar na Lanzada un bo número de profesionais que colaboran coa “equipa oficial”. O Museo de Pontevedra a través do seu director Carlos Valle ou do seu conservador Antonio de la Peña, colaboran no proxecto; o arquivo da Catedral de Santiago, a través de Xosé Manuel Sánchez e dúas colaboradoras das que xa falaremos, colaboran no proxecto, o extinto Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, a través de José Carlos Pascual, “Pacho”, colabora no proxecto; tamén Buenaventura Aparicio Casado formou parte deste grupo e actualmente coordina o grupo ‘A Laxe da Irena’ e como non podía ser doutro xeito, o Consello da Cultura Galega tamén está presente a través de Manuel Gago, quen non precisa presentación. Cando dicimos “colaboran” non queremos dicir outra cousa a que esta xente, saca tempo de onde pode, do seu Lecer, para, dun xeito totalmente desinteresado, achegarse ao xacemento a escavar un pouco ou asesorar cientificamente sobre algunhas cuestións.

A título individual, moita outra xente como Olalla López ou Carlos de Rianxo están a achefar tamén o seu gran de area a este megaproxecto. Tanto de Olalla como de Carlos falaremos en vindeiras ocasións.

Mais non só os “externos”, tamén os da equipa oficial están a colaborar co seu propio proxecto, xa que moitos deles, tras un bo madrugón e moitas horas de coche para chegar a coller o sacho en Lanzada están a facer horas extras no gabinete ou na propia elaboración e organización das “Charlas Lanzadeiras”, que recordemos a quen se lle encha a boca falando dende fóra do que é ou non arqueoloxía social, non teñen obriga de facer nin reciben cartos por elas.

Nós movémonos nun curioso vehículo que é o De Lorean de Bois, mais neste aspecto, a Décima Onda non é menos orixinal, xa que coa súa forza arrastra un gran barco: O Barco de Colegas.

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=567208

Fotografía:  A Lanzada reinterpretada, charla lanzadeira impartida por Buenaventura Aparicio Casado na casa das Canteiras de Noalla o xoves 8 de xullo.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: