Saltar ao contido

Unha mañá na escavación d’A Lanzada

by o 13 Xullo 2010

Estamos nese punto dunha escavación arqueolóxica no que comeza a poñerse interesante. Diferentes estruturas e depósitos con materiais asociados comezan a agromar en diferentes puntos da área intervida. Pacho concentra os seus esforzos nun espazo entre un gran muro baixorromano ou altomedieval e a cabana oval prerromana. Aquí documentamos o nivel superior dun grande concheiro que vai dar  sorpresas, como este asa cerámica profusamente decorada, acumulacións importantes de ósos e un abalorio de pasta vítrea.

Pola súa vez a arqueóloga do LAPA Elena Cabrejas aprende a escavar a Raquel e Nacho, dous nenos de Lugo que viñeron de visita o venres.  Seica levaban toda a  fin de semana inquedos por ter a súa primeira experiencia arqueolóxica. Viñeron onte coa súa nai e os seus avós e amosaron que hai canteira na Arqueoloxía galega.

Pola súa banda Elena e Rosa escavan parte dunha dependencia correspondente a unha cabana prerromana, coetánea da cabana oblonga famosa. No seu interior asoellaron restos do pavimento de terra batida, un burato de poste, manchas de cinza, cerámica esnaquizada e uns cantos úteis líticos, a meirande parte mans de moer. A estratigrafía documentada vainos ser de grande utilidade para reconstruír a vida deste poboado.

Na reescavación dunha grande cata da década de 1970 atopamos unha concentración senlleira de materiais cerámicos tardorromanos, nomeadamente terra sigillata e unhas cantas moedas de bronce. Simultaneamente, atendemos as visitas de turistas procedentes de Zaragoza, Cuenca, Pamplona, Alcalá de Henares, Mesía, Vitoria…

Xa vedes que unha mañá n’A Lanzada é de todo menos aburrida. Vén e descubre A Lanzada.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: