In Lanceata
Xosé Manoel Sánchez Sánchez é o responsable da Área de documentación medieval do Arquivo da Catedral de Santiago e membro do comité científico do noso proxecto. Quen mellor ca el para explicar a colaboración desta entidade nas escavacións de 2010. Faino no blog http://archivium-sancti-iacobi.blogspot.com
Non abundan no noso entorno proxectos de investigación integrais e interdisciplinares que aborden o patrimonio coma un ente vivo e social. O Área de Documentación Medieval do ACS (ADM-ACS) tivo xa o privilexio de colaborar e integrarse no proxecto Arqueoneixon do Laboratorio de Patrimonio do CSIC (LAPA-CSIC) mentres se mantivo en curso; agora, mantendo parte do equipo, temos a sorte de colaborar nun novo proxecto: a recuperación e divulgación arqueolóxica do espacio de A Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra); un proxecto dirixido polo arqueólogo da Deputación de Pontevedra (DeP), Rafael M.ª Rodríguez Martínez. Trátase dun mítico xacemento da arqueoloxía do noroeste cun rexistro cronolóxico dende a antigüidade ate a época máis recente, cun destacado pasado medieval: fortaleza co bispo Sisnando II cc. 960, importante baluarte de Diego Xelmírez no s. XII, obxectivo da revolta irmandiña no XV…
O ADM-ACS colaborará en calidade de centro de investigación histórica medieval, localización de fontes, interpretación de datos e formación de investigadores. No marco das actividades previstas inclúese únha charla/conferencia a finais de agosto ou a estancia no ACS de dúas bolseiras que combinarán o traballo con fontes documentais e a labor arqueolóxica na escavación.
Outro dos puntos fortes deste proxecto, o mesmo que o fora xa en Arqueoneixón, é o da divulgación do coñecemento e da actividade. Para elo, no marco do proxecto, abreuse un blog sobre o concepto de “aberto por obras”, dando a coñecer toda a actividade en tempo real; ademáis encomezou a funcionar tamén un videoblog en youtube. Unha morea de conceptos do patrimonio e a investigación que agora se aplican a esta socialización do coñecemento.
Dende Archivium daremos cumplida conta das nosas actividades e participación no proxecto; para os interesados a bitácora é https://alanzada.wordpress.com/, e dende ela multiples enlaces, coma facebook ou o videolog.
Os comentarios están pechados.