Nova entrega de A décima onda: Arqueoloxía estruturada
Como nas últimas catro xeiras, volvémonos achegar, carretados polos nosos bois ao xacemento de Lanzada, un macroxacemento histórico-arqueolóxico no que se están a realizar escavacións dende primeiros do mes de xuño.
Comentamos en edicións anteriores tanto as intervencións precedentes de Filgueira Valverde nos cincuenta ou as de Fariña nos setenta así como o xeito no que transcorreron os primeiros traballos levados a cabo pola Décima Onda, alcume da actual equipa arqueolóxica da Lanzada.
Falabamos a semana pasada, verbo das innovacións introducidas na arqueoloxía dos últimos tempos, da importancia das estacións topográficas e a arqueoloxía espacial e como, en consecuencia, a Décima Onda vai empregar este trebello co gallo de documentar nun eixe de coordenadas tanto as unidades estratigráficas como as pezas ou as estruturas. Asemade, comentabamos como a primeira fase dos traballos pasaba por reescavar as sondaxes practicadas en intervencións anteriores.
Unha vez retirada a terra que o tempo depositou nestas vellas catas, apareceron unha serie de estruturas que xa se coñecían polas intervencións previas mais que desta volta se van escavar en toda a súa superficie, é dicir, en área.
Deste xeito, documentouse un elemento que xa forma parte da mitoloxía da Lanzada, o que Fariña Busto denominou a “Cabana oblonga da Lanzada”. Trátase dunha cabana lonxitudinal cos lados maiores rectos e os menores curvos, o que resulta unha forma bastante peculiar.Esta cabana foi escavada polos nosos setenteiros Beach Boys de Fariña Busto, de feito aínda podemos ver a sondaxe que practicaron na foto que ilustra o artigo.
Outra das estruturas acabadas de emerxer da terra é unha cabana monumental de dez por sete metros,medidas que exceden con moito, as habituais das cabanas castrexas. Esta estrutura presenta esquinas redondeadas, vinculándose tamén ao mundo castrexo. A cabana, a diferenza da anterior, foi escavada nos anos cincuenta, nas primeiras intervencións no xacemento, da man de Filgueira Valverde e Blanco Freijeiro.
Cronoloxicamente, as dúas móvense polo cambio de era, entre os séculos II a.C. e o I d.C., atendendo aos materiais que aparecen nas inmediacións pois o que podería aparecer no interior, xa foi levado nas intervencións precedentes.
Asemade tamén apareceu un muro que semella delimitar o recinto nun dos seus lados e noutro sector, un galimatías de muros que se cortan, se superpoñen, se interrompen… dificultando moito a súa lectura e interpretación. Este é sen dúbida un dos retos máis interesantes ao que se enfrontan os arqueólogos desta Décima Onda, o de resolver este verdadeiro crebacabezas murario. Os muros, pola súa feitura e os ángulos rectos das súas esquinas semellan romanos, mais algún semella ser de construción posterior, se cadra, moitos deles foron reutilizados, reinterpretados ou directamente construídos “ex novo” nesa época de unión entre a caída do Imperio Romano e a Idade Media plena, que coñecemos como Alta Idade Media e do que a nosa historiografía ten máis eivas que certezas.
Boa parte destas estruturas van ser consolidadas e nalgúns casos recrecerase algunha fiada do muro coa idea de facelos doados de ler para as visitas e de evitar a súa deterioración. Estes criterios están lonxe das excesivas reconstrucións tan de moda en tempos pasados. De calquera xeito, visitando castros reconstruídos ou en proceso de seren reconstruídos vemos como é unha pregunta frecuente dirixida aos arqueólogos a de:
–isto fixéchelo vos, non?– sinalando algún muro. Se ben é certo que moitas veces, a imaxinación dos arqueólogos ou restauradores chega bastante lonxe á hora de reconstruír, non é o habitual. A política de portas abertas da Décima Onda, propicia que sexa esta unha ocasión ideal para achegarse de cando en vez pola Lanzada e ver o proceso de escavación dos muros, comprobando que efectivamente estaban baixo terra, esperando a que o son metálico dos paletíns petase con eles así como para máis adiante, achegarse outra volta a observar o proceso de posta en valor, que comandará Yolanda Porto, restauradora do LaPa (CSIC), a partir de setembro ou outubro.
Porén, dende o punto de vista arqueolóxico, os muros son Unidades Estratigráficas(UE). Normalmente, identificamos as UE con capas de terra que se van superpoñendo, sendo as inferiores máis antigas que as superiores. Mais a realidade arqueolóxica é un chisco máis complexa. As UE que conforman a estratigrafía dun xacemento, poden ser depósitos de terra(as citadas capas), mais os depósitos poden ser doutros materiais coma cunchas (os famosos cuncheiros) mais tamén poden ser estruturas en negativo, é dicir, ocos, foxas soterradas ou como xa dixemos poden ser tamén muros, ou incluso as derrubas das pedras dos propios muros.
Sexa o que sexa, toda UE ten un tratamento básico, unha metodoloxía para ser rexistrada. En primeiro lugar, e cando se detecta, antes de escavala, dáselle un nome, un código normalmente numérico. Logo rexístrase fotograficamente facéndolle unha serie de fotos co xalón para ter unha referencia das súas medidas e introdúcense nunha listaxe.
Para ter a UE totalmente identificada, énchese unha ficha co seu código así como unha
descrición desta, onde se indica se é un depósito de terra, un muro, unha estrutura en negativo… así como algunhas características do tipo “terra vermella” ou “pedras pequenas”. A ficha continúa a encherse a medida que se escave, por exemplo “abondoso material cerámico” e remátase unha vez escavada totalmente. Asemade na ficha inclúese unha “Matrix Harris”, unha especie de esquema onde se relacionan as diferentes UEs coas que están en contacto, indicando se é que se cortan ou se superpón unha a outra, por exemplo
Outra das estratexias para rexistrar a UE é a xa mencionada de debuxala coa estación topográfica para situala no espazo do xacemento. Para isto, tómanse unha serie de puntos coa estación que nos dan a contorna, a silueta da Unidade Estratigráfica así como as súas cotas que nos informan das súas alturas máximas e mínimas. Normalmente, o proceso topográfico faise antes de escavar a UE e repítese unha vez escavada para coñecer o seu volume.
Na equipa da Décima Onda, calquera dos integrantes, nun momento dado pode tomar unha
contorna dunha UE mais normalmente a encargada é Cristina Cancela polo seu grao de compenetración co trebello en cuestión. Cris é unha arqueóloga coruñesa que nos impresionou a primeira vez que compartimos sacho con ela, precisamente porque non o compartimos. Ten unha ansia de traballo incríbel, e se lle deixaran escavaría un xacemento ela soa. Ademais, sempre cunha gargallada na boca, é capaz de transmitir esas ganas de traballar a toda unha equipa. Mais a súa presenza na Décima Onda é imprescindíbel tamén por outra cuestión. A microcompartimentación do Saber, leva a que os arqueólogos que adoitan escavar xacementos de Idade do Ferro, estean acostumados a atopar e recoñecer facilmente anacos de cerámica ou incluso de metal. Mais malia non ser o característico tamén aparecen nos castros algúns trebellos de pedra, á parte dos evidentes muíños, difíciles de recoñecer para o ollo non experimentado. Cristina recoñece con facilidade estas espiñentas pezas e cando alguén da Décima Onda atopa unha pedra na que sospeita pode haber pegada humana, normalmente, o primeiro que fai é levarlla a Cristina.
Tratamos de achegarnos nesta visita do noso De Lorean á Lanzada ao sistema de rexistro de Unidades Estratigráficas empregado pola Décima Onda. Pode haber variacións entre as distintas equipas que operan nos diversos xacementos do país mais a grandes trazos todos seguen estes pasos. Asemade, como é lóxico,os propios tempos dunha escavación poden marcar diferenzas, por exemplo, se a estación topográfica está sendo empregada, pódese ir enchendo a ficha ou facendo as fotos mentres non quede libre.
Noutra xeira, coñeceremos máis polo miúdo o xeito no que esta equipa de escavación rexistra as pezas que vai atopando, que mentres escribimos, andan xa preto das dúas mil. A semana que vén, volveremos a este extraordinario enclave, tan explotado turisticamente, para mergullarnos outra volta na terra xa removida por grandes persoeiros da arqueoloxía galega.
Xosé Gago
http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=564083
Os comentarios están pechados.